Discriminación

trato de inferioridade por causas inxustificadas
(Redirección desde «Discriminación de xénero»)

A discriminación[1] (do latín discriminare, que alude a seleccionar algo ou a alguén excluíndo aos demais) consiste en dar trato de inferioridade a unha persoa por causas inxustificadas. Por outra banda, a discriminación positiva é un neoloxismo que se refire á protección de carácter extraordinario ou aos privilexios que se dan a un grupo discriminado historicamente (especialmente por razón de raza, sexo, lingua e relixión) para lograr a súa plena integración na sociedade.

Un negro afroamericano nunha fonte segregada en Carolina do Norte no 1938.

Concepto de discriminación editar

Segundo a RAG, discriminar é "dar trato discriminatorio a [unha persoa, un grupo humano] por razóns de sexo, raza, relixión etc."[2] A discriminación é un termo comparativo no que se dá, ou se intenta dar, un trato diferente a uns individuos con respecto ó que se lle dá a outros. En todo tipo de discriminación subxace un desigualdade en canto ó que se refire á consideración moral, ou consideración de intereses dos individuos. Esta desigualdade sempre se dá de xeito arbitrario e inxustificado. Esta idea da igualdade como igualdade de consideración, aplicada ós distintos tipos de discriminación, pode verse en autores como Peter Singer.

A esencia do principio de igual consideración de intereses é que nas nosas deliberacións morais damos a mesma importancia aos intereses parecidos de todos aqueles a quen afectan as nosas accións.[3]

Dar un trato privilexiado ós intereses duns por riba doutros é incorrer na desigualdade de consideración e, polo tanto, nun tipo de discriminación inxustificada. Singer trata os distintos tipos de discriminación (racismo, discriminación de xénero etc.) até chegar ó axioma central de toda desigualdade e discriminación, que é a inxustificación e arbitrariedade. Non hai criterios morais consistentes para dar un trato diferenciado a outros individuos, toda discriminación carece de argumentos que a fagan xustificable.

Así definirase a discriminación como a consideración, trato, ou intención de trato desfavorable dun individuo ou ente con respecto a outros por motivos inxustificados e/ou arbitrarios.

Cando se fala da protección de carácter extraordinario ou aos privilexios que se dan a un grupo discriminado historicamente (especialmente por razón de raza, sexo, lingua e relixión) para lograr a súa plena integración na sociedade, estase falando da denominada discriminación positiva ou acción positiva.[4] A discriminación positiva trata de paliar os efectos dunha discriminación histórica. Exemplos de discriminación positiva poden ser as leis de cotas que se tentan implantar nos postos de poder (parlamentos, postos en empresas etc.) para que haxa unha equidade de número de postos entre mulleres e homes, para suplir a falta de presenza histórica de mulleres nestes ámbitos debido a unha discriminación sexista prolongada no tempo.[5]

Tipos de discriminación editar

Dependendo de se o/a axente pertence a un certo grupo editar

  • Discriminación directa. A discriminación cara aqueles que non pertencen a un certo grupo polo feito mesmo de non pertencer a ese grupo ou por non ter certo atributo que se considera moralmente relevante e que se asimila con ese grupo.
  • Discriminación indirecta. Aquela que se dá a aqueles individuos que non pertencen a certo grupo por motivos distintos ós da discriminación directa. Hai moitos exemplos de discriminación indirecta, como o daquela xente que non se considera racista pero actúa de xeito racista por non ser rexeitado por un grupo ó que el pertence e si é racista. Ou por exemplo o feito de considerar uns produtos médicos como prioritarios e por ende ser subsidiados e outros non, como poden ser os produtos contra as dores menstruais, isto é unha discriminación de xénero indirecta.[6]

Dependendo da actitude cara o/a axente discriminado/a editar

  • Discriminación cognitiva: a que padece quen non pertence a un certo grupo en base á crenza de que un certo criterio moralmente relevante non é satisfeito por quen non pertence a ese grupo. Un exemplo sería impedir a educación a unha persoa con síndrome de Down polo feito de que cremos que non ten unha aprendizaxe tan versátil coma a de quen non ten tal síndrome. A discriminación cognitiva pode darse en casos de discriminación directa e indirecta.
  • Discriminación non cognitiva: aquela que padece quen non pertence a un certo grupo debido a unha mera actitude non cognitiva contraria a quen non pertence a ese grupo. Un exemplo sería a discriminación cara quen lle desexamos mal. A discriminación non cognitiva sempre é directa.

Dependendo de se o/a axente pertence ó grupo discriminado editar

  • Discriminación xerárquica: a discriminación que padece quen non pertence a un certo grupo, cuxos intereses se consideran máis importantes ou relevantes.
  • Discriminación reflexiva: a que padecen as persoas que pertencen a un grupo concreto no que se atopa quen discrimina. Por exemplo, aquelas mulleres que responden con discursos misóxinos.

Dependendo da posición do/a axente respecto á discriminación editar

  • Discriminación de segunda orde: a que padece aquel membro dun grupo discriminado por opoñerse a un tipo de discriminación. Por exemplo, un varón que se opoña á discriminación cara ás mulleres e que, por ese motivo, sexa discriminado á súa vez por outros varóns.
  • Discriminación de primeira orde: a que padece un individuo ou entidade por razóns distintas á crenza ou feito de que ese individuo se opoña a unha discriminación de primeira orde. A discriminación sexista, a discriminación especista, a racista etc son discriminacións de primeira orde.[7]

A discriminación epistémica editar

Na discriminación epistémica a opinión dunha persoa é considerada menos fiable epistémicamente que a doutras polos mesmos motivos polos que ten lugar algunha outra forma de discriminación. Por exemplo, alguén pode ter en maior consideración as opinións dunha persoa maior que as dunha nova ou incluso as dun varón que as dunha muller.[8]

A incorrección da discriminación editar

Malia que moita xente tenta xustificar que algunhas formas de parcialidade son correctas, existen persoas que defenden que a discriminación é inxustificable e mala de por si.

  • A discriminación é incorrecta en función do estado mental consistente en discriminar. Aqueles que defenden esta posición, afirman que a incorrección da discriminación radica na clase de disposición psicolóxica de quen provoca a discriminación. Aínda que non fose danado ninguén, quen defende esta postura considera a discriminación como un erro da moral do axente.
  • A discriminación é incorrecta en virtude de certas facetas obxectivas. Segundo esta posición, sufrir unha discriminación causa un feito incorrecto. Como exemplo, podemos ver que, dende esta postura, actos como pensar nalguén mal porque non cumpre un criterio C constitúe un feito incorrecto en si.
  • A discriminación é incorrecta se causa un dano. Segundo esta posición, unha discriminación unicamente é incorrecta se provoca un desvalor. Por exemplo, se pensamos en que unha persoa polo feito de non cumprir un criterio C, este unicamente produce un desvalor se o axente provoca unha privación dun beneficio (dano extrínseco) ou un sufrimento (dano intrínseco). O feito de pensar non provoca o dano de por si.

Exemplos de discriminacións editar

Discriminación racial editar

 
Escultura de Rosa Parks sentada nun dos autobuses públicos onde as leis de segregación racial podían obrigar a un afroamericano a ter que ceder o seu asento a calquera home branco. Museo Nacional de Dereitos Civís, Memphis.[9]
Véxase tamén: Segregación racial.

A discriminación racial ou étnica ten lugar cando unha persoa ou grupo de persoas é tratada con inferioridade por pertencer a unha determinada raza ou etnia.

Ó longo da historia existen moitas referencias á unha desvalorización doutras culturas. Un dos grandes exemplos racistas cara ás persoas de cor escura era o apartheid en Suráfrica, un réxime segundo o cal os brancos tiñan o poder e os pobos restantes eran obrigados a vivir separadamente, de acordo con regras que lles impedían ser verdadeiros cidadáns. Tamén en países comos os Estados Unidos, no cal estivo aplicada unha segregación racial, ata o punto de haber o dobre de aseos en institucións públicas coma o Pentágono[10], e que desembocaron en confrontacións xurídicas e políticas como a producida por Rosa Parks, activista estadounidense que no ano 1955 sentou nun asento do autobús destinado a persoas de cor branca.[9] Malia cada vez unha maior parte da sociedade busca eliminar tales xuízos irracionais, si que permanece a presenza en España de racismo cara persoas con trazos diferentes.[11]

Outro dos exemplos máis típicos de racismo é contra as poboacións xudías e xitanas, quen aínda hoxe seguen baixo unha posición pexorativas por razóns ideolóxicas. As súas consecuencias máis notables prodúcense durante o período do nazismo en Alemaña, que desembocou no holocausto.

Discriminación sexual editar

A discriminación sexual ou sexismo é un tipo de discriminación que se deu ao longo da historia, especialmente coas mulleres, o que provocaba que quedaran relegadas ao ámbito doméstico. Un dos exemplos máis recorrentes de discriminación foi a negación do sufraxio feminino ata finais do século XIX e se estende ata os nosos días, como é no caso de Arabia Saudita e a Cidade do Vaticano.[12]

Podemos distinguir polo menos tres tipos de sexismo:

  • Discriminación polo xénero: a forma máis visible de sexismo é contra as mulleres. Esta varía dende unha discriminación directa, como a dada por grupos patriarcais e misóxinos, ou indirecta, como en casos de "chistes" con carácter sexista, e que prolongan a perpetuación de estereotipos de xénero. Os datos sobre a violencia machista afirman que, dos 186 millóns de mulleres adultas que viven en Europa, unha de cada tres experimentou violencia física ou sexual na madurez (62 millóns de mulleres). Segundo esta estatística, unha de cada 20 mulleres foi violada (uns 10 millóns en total).[13] Tamén, en España, en 2016, o home gañou de media 1,25 veces o que gañou a muller. Á discriminación salarial que sofren as mulleres respecto dun home polo mesmo traballo súmase o feito de que as mulleres están infrarrepresentadas nos postos de traballo de maior responsabilidade e salario, ocupando, por exemplo, tan só un 22% dos postos directivos das empresas do IBEX 35. Ademais, están sobrerrepresentadas nos sectores e postos de traballo con salarios máis baixos e maiores niveis de precariedade laboral como, por exemplo, na hostalería ou os traballos domésticos.[14]
  • Discriminación pola identidade de xénero:
     
    Expresión de homofobia cunha cartel que di "Deus odia ós maricas".
    outro tipo de discriminación é a experimentada por persoas de sexualidade e identidade de xénero non normativas. Persoas transxénero son actualmente atacadas por non axustarse ao que di a normatividade, en especial as mulleres trans, que sofren unha das taxas de violencia máis altas.[15] En España existe unha política débil cara ás persoas transexuais, o que supón moitas dificultades para aquelas persoas que son trans.[16] Incluso tamén dentro do colectivo LGTBIQ existen diverxencias sobre se incluír a aquelas persoas que se contemplen fóra do modelo tetrárquico (cis home e muller; trans home e muller), aqueles que son asexuais, ou os intersexuais, ou demisexuais...[17][18]
  • Discriminación pola orientación sexual: existen en moitos países actitudes contrarias á tolerancia de persoas con diferentes orientacións sexuais. Non foi ata 2005 cando en España se aproba a lei de matrimonio homosexual, polo que aínda se trata dun tema vixente[16]. Existen discriminacións en moitos dos sentidos cotiás. Por exemplo, as versións máis tradicionalistas ven na homosexualidade unha enfermidade. Outros, malia tolera-la en axentes externos, se se trata de parentes, cortan a comunicación. Existe un alto porcentaxe de fillos expulsados das casas por "saír do armario" nos Estados Unidos e o Brasil.[19] Tamén se contempla a demonización de quen trata de non discriminar (discriminación de segunda orde) como por grupos ultracatólicos como Hazte Oír alegando que vai contra a natureza.

Discriminación lingüística editar

A discriminación lingüística é aquela que atangue ao idioma. A situación na que prevalece unha lingua sobre outra denomínase diglosia, na que unha comunidade de fala utiliza dúas variedades dunha lingua (diglosia en sentido estrito) ou dúas linguas distintas (diglosia en sentido amplo) en ámbitos e para funcións sociais diferentes. Cando interveñen tres ou máis variedades ou linguas fálase de poliglosia.[20] En Galicia acontece dende hai séculos este estado, considerando á lingua castelá a culta, a intelectual, mentres que a lingua galega como a do fogar, a do campo. Esta situación vese actualmente no decrecemento de usuarios máis xoves que empregan o galego, por razóns instrumentais, por influencias dos novos espazos de comunicacións no cal o galego é case inexistente, ou outros motivos.[21]

Contra a lingua galega na historia hai moitos exemplos e testemuñas de discriminación e ataques cara aqueles que empregan este idioma. Por exemplo, a afirmación de Lope de Vega de "si a la lengua la ciencia no acompaña, lo mismo es saber griego que gallego"[22]. Tamén é coñecido o panfleto que dicía "Hable bien. Sea Patriota. No sea Bárbaro. Es de cumplido caballero que Usted hable nuestro idioma oficial, o sea, el castellano. Es ser patriota. Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino ¡¡Arriba España!!" editado pola Imprenta Sindical da Coruña en 1941 e 1955.[23]

No noso século tamén é coñecida a intervención de George Steiner en 2008 respecto o uso do galego na quen tivo a seguinte agarrada en 2008 respecto do uso da lingua galega:

(Steiner):me han dicho que hay una universidad en España en la que es obligatorio hablar en gallego.

(entrevistador): Igual que es obligatorio en Cataluña compartir el catalán con el castellano.

(Steiner): ¡Pero no me compare el catalán con el gallego! El catalán es un idioma importante, con una literatura impresionante. Pero el gallego ¿por qué ha de ser obligatorio en una universidad?[24]

Discriminación relixiosa editar

A discriminación relixiosa dáse cando unha persoa ou grupo de persoas recibe un trato desfavorable por non practicar as crenzas relixiosas maioritarias da sociedade na que vive ou por non ter ningunha crenza. Isto é facilmente contemplable no estado español, no cal a Igrexa ten unha prioridade sobre outras comunidades relixiosas como o xudaísmo, o islam ou o budismo por ser minoritaria ou por razóns históricas.

Tamén se dá esta discriminación se unha persoa é discriminada por pertencer a unha comunidade relixiosa concreta. Por exemplo, nestas décadas estase a fomentar a islamofobia derivado de ataques terroristas a occidente, e así demonizando toda a comunidade. Nos Estados Unidos contrólase cada vez máis a circulación de musulmáns no seu territorio[25].

Discriminación política e xudicial editar

A discriminación política ten lugar cando unha persoa non pode expresar libremente as súas ideas políticas debido a que está baixo un goberno totalitario ou ditatorial, así como o propio feito de ser discriminado dentro dun propio grupo por ter ideas diferentes. As discriminacións xurídicas implican a distinción de trato ante a lei. No Estado español a casa real non ten as mesmas obrigas ante a lei que o resto de cidadáns. Isto considerase tamén unha discriminación, pois o feito de pertencer á casa real é soamente arbitrario, o cal implica que a distinción ante a lei por parte dos membros desta familia está inxustificada.[26]

Discriminación sociocultural editar

A discriminación debido ó nivel cultural e económico prodúcese cando unhas persoas consideran a outras inferiores porque non tiveron o acceso a formación ou por non desfrutar dunha boa situación económica. Por exemplo, existe unha maior consideración cara esas persoas que acadaron un beneficio económico maior respecto aquelas que non, e que priorizan as súas opinións como intelectivas. Un exemplo transcorre no Quixote, obra na cal, malia ser o Quixote o máis sabedor da parella, Sancho representa a sabedoría popular e que, moitas veces, é a verdadeira voz intelixente.

Discriminación estética editar

A discriminación estética prodúcese cando unha persoa é tratada de forma inferior porque a súa imaxe persoal non encaixa cos ideais de beleza establecidos na sociedade na que vive. Por exemplo, existe unha gran presión respecto á vestimenta e maquillaxe entre o xénero feminino, e existe unha discriminación moi abismal cara aquelas mulleres que decidiron non respectar os modelos que se estaban a seguir cortando o cabelo e deixando medrar o vello corporal.

Discriminación por idade editar

A discriminación por idade (ageism en inglés) ten lugar cando se trata con inferioridade ou menosprezo ás persoas que non teñen unha determinada idade. Este tipo de discriminación está fundamentado nun conxunto de crenzas, normas e valores que serven para xustificar a discriminación ou a subordinación dunha persoa que pertencen a un grupo de idade Y. Os máis frecuentes padecedores deste tipo de discriminación son as persoas octoxenarias e os adolescentes e nenos.[27]

A discriminación por idade en canto á contratación demostrouse que existe nos Estados Unidos. Por exemplo, Joanna Lahey, profesora da Bush School of Goverment and public Service na Universidade de Texas A&M, descubriu que as empresas teñen máis de 40% de probabilidades de entrevistar a un solicitante de emprego para adultos novos que un solicitante de emprego máis antigo. En Europa, Stijn Baert, Jennifer Norga, Yannick Thuy e Marieke van Hecke, investigadores da Universidade de Gante, mediron cocientes comparables en Bélxica. Curiosamente, descubriron que a discriminación por idade é heteroxénea pola actividade que os candidatos máis antigos emprenderon durante os seus anos adicionais post-educativos. En Bélxica, só se lles discrimina se teñen máis anos de inactividade ou de emprego irrelevante.[28]

Nunha enquisa para a Universidade de Kent, Inglaterra, o 29% dos enquisados declararon que sufriran discriminación por idade. Incriblemente, esta proporción é maior que a discriminación de xénero ou racial. Dominic Abrams, profesor de psicoloxía social da mesma universidade, concluíu que este tipo de discriminación é a forma máis xeneralizada de prexuízos experimentados na poboación británica.

Discriminación por enfermidade editar

A discriminación por enfermidade prodúcese cando algunhas persoas son tratadas con certo receo ou desprezo polo feito de estar enfermas. Por exemplo, moitas persoas con VIH son dadas de lado por temor a ser contaxiados, infundidas estas crenzas en falsos rumores. Isto leva aos axentes a unha situación desvantaxosa en canto queren acceder a un emprego ou establecer unha relación con calquera outra persoa.

Discriminación por discapacidade editar

A discriminación por discapacidade, ou capacitismo, maniféstase cando unha persoa é menosprezada ou infravalorada por sufrir algún tipo de discapacidade, ben sexa física ou mental. Por exemplo, moitos edificios e servizos públicos non permiten o seu uso para persoas que non teñen as capacidades intelectivas ou motrices comúns, o cal provoca actos de violencia psicolóxica. Un exemplo de superación é Nick Vujicic, un predicador australiano que naceu sen brazos nin pernas que actualmente dá conferencias arredor do mundo.[29]

Discriminación por especie editar

A discriminación por especie, ou especismo, é a que padecen un conxunto de seres que non pertencen á mesma especie. É un trato desfavorable cara membros doutras especies polo feito de selo, amparándose en motivos arbitrarios e inxustificables.[30]

Historia editar

Ao longo da historia da humanidade, desde que os colonizadores europeos chegaron a terras descoñecidas, apareceu a discriminación contra os indíxenas. Nas sociedades desenvolvidas tamén apareceu a discriminación sexual contra as mulleres.

A mediados do século XX tamén podemos ver exemplos de discriminación relixiosa e racial, como a que se deu na Alemaña Nazi, onde se internaron en campos de traballo e gasearon a millóns de xudeus. En España durante o franquismo tamén houbo discriminación política, xa que morreron miles de persoas só por estar a favor da República.

Lexislación española editar

En España, segundo está estipulado na Constitución nos seus artigos 14 e 23.2, todos os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer ningunha discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. Así mesmo todos os cidadáns teñen dereito a acceder en condicións de igualdade ás funcións e cargos públicos cos requisitos que sinalan as leis. O incumprimento destas normas pode levar a longas penas de cárcere.

Loitadores contra a discriminación editar

Ao longo da historia numerosas persoas loitaron contra a discriminación. Un deses loitadores foi Nelson Mandela, que loitou toda a súa vida para que os negros tiveran os mesmos dereitos que os brancos en Suráfrica e para que todos viviran en harmonía e con igualdade de oportunidades. Martin Luther King defendeu os dereitos civís e a non violencia e tamén desenvolveu unha tarefa crucial para acabar coa discriminación racial nos Estados Unidos.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Discriminación.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para discriminación.
  3. Singer, Peter (1984). Ética práctica (PDF). Cambridge University Press. pp. 25–26. ISBN 9788483233450. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de decembro de 2017. Consultado o 08 de decembro de 2017. 
  4. Barrére, María Ángeles. Igualdad y "discriminación positiva": un esbozo de análise teórico-conceptual. (PDF). Universidad del País Vasco. 
  5. Cármen Sánchez-Silva (17/01/2016). "Las cuotas obligatorias es lo que da el poder a las mujeres en las empresas.". Consultado o 19/12/2017. 
  6. "Direct discriminations en "Discriminations"". plato.stanford.edu. Consultado o 19/12/2017. 
  7. Iñesta Ribes, Emilio (2015). "Discriminación condicional de segundo orde: efectos del reconocimiento retrospectivo de la ejecución de resultados" (PDF). Revista mexicana del análises de la conducta 41 (3): 88 – 112. 
  8. Fricker, Miranda (2007). Epistemic Injustice: Power and the Ethics of Knowing. Oxford University Press. ISBN 9780198237907. 
  9. 9,0 9,1 "Rosa Parks, la mujer negra que no cedió su asiento a un blanco en el autobús". 01/12/2015. Consultado o 20/12/2017. 
  10. "El Pentágono tiene el doble de baños de los necesarios. La ley requería un baño para negros y otro para blancos.". curiosidadsq.com. Consultado o 20/12/2017. 
  11. Gabriela Sanchez (20/03/2017). ""En España la gente no se considera racista, pero lo es"". Consultado o 20/12/2017. 
  12. Lyse Doucet (12/12/2015). "Las históricas elecciones en Arabia Saudita en las que las mujeres votan por primera vez". Consultado o 20/12/2017. 
  13. Rocío Ovalle (04/03/2014). "Más de la mitad de las mujeres europeas han sufrido acoso sexual". Consultado o 20/12/2017. 
  14. Álex Prats (13/12/2017). "La desigualdad comienza en el salario". Consultado o 20/12/2017. 
  15. "Comisaría no aceptó denuncia de mujer trans agredida". 13/10/2017. Consultado o 20/12/2017. 
  16. 16,0 16,1 Ruth Toledano (3/04/2017). "España discrimina por orientación sexual y por identidad de género". Consultado o 20/12/2017. 
  17. "Orientación sexual y identidad de género". American Psychological Association. Consultado o 20/12/2017. 
  18. "¿Qué son los estereotipos de rol de género?". Consultado o 20/12/2017. 
  19. Gloria Moreno (13/02/2017). "Brasil abre la primera casa de acogida para jóvenes LGTB expulsados por sus familias". Consultado o 20/12/2017. 
  20. "Diglosia". Consultado o 20/12/2017. 
  21. Xosé Manuel Pereiro (07/02/2015). "Los jóvenes ‘falan’ poco ‘galego’". Consultado o 20/12/2017. 
  22. "Descalificaciones hacia Galicia, su gente y su cultura". Consultado o 20/12/2017. 
  23. Imaxe. Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2017. Consultado o 20 de decembro de 2017. 
  24. "A AELG achaca as declaracións de Steiner ao seu "descoñecemento temerario" da nosa cultura". 27/08/2008. 
  25. Marc Bassets, Joan Faus (27/04/2017). "Trump veta la entrada de refugiados e inmigrantes de varios países musulmanes". Consultado o 20/12/2017. 
  26. Rodrigo Tena Arregui (08/06/2014). "La inviolabilidad y el aforamiento de don Juan Carlos de Borbón (o el Rey como excusa)". Consultado o 19/12/2017. 
  27. "Young and Oppressed". Arquivado dende o orixinal o 28/07/2011. Consultado o 19/12/2017. 
  28. Baert, S., Norga, J., Thuy, Y., Van Hecke, M. "Getting Grey Hairs in the Labour Market: An Alternative Experiment on Age Discrimination" (PDF). 
  29. Nick Vujicic en español. 
  30. Horta, Óscar (2017). Un paso adelante en defensa de los animales. Plaza & Valdés. p. 22; 45-51. ISBN 9788417121044. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

Outros artigos editar