Aie aie

(Redirixido desde "Daubentoniidae")
Aie aie
Daubentonia madagascariensis
Aie aie comendo
Aie aie comendo
Estado de conservación
En perigo
En perigo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Primates
Suborde: Strepsirrhini
Infraorde: Chiromyiformes
Familia: Daubentoniidae
Gray, 1863
Xénero: Daubentonia
É. Geoffroy Saint-Hilaire, 1795
Nome binomial
Daubentonia madagascariensis
(Gmelin, 1788)
Distribución do aie aie

Distribución do aie aie
Sinonimia
Familia:
  • Cheiromyidae I. Geoffroy St. Hilaire, 1851
  • Chiromyidae Bonaparte, 1850
Xénero:
  • Aye-aye Lacépède, 1799
  • Cheiromys G. Cuvier, 1817
  • Cheyromys É. Geoffroy, 1803
  • Chiromys Illiger, 1811
  • Myslemur Anon. [?de Blainville], 1846
  • Myspithecus de Blainville, 1839
  • Psilodactylus Oken, 1816
  • Scolecophagus É. Geoffroy, 1795
Especie:
  • daubentonii Shaw, 1800
  • laniger G. Grandidier, 1930
  • psilodactylus Schreber, 1800

O aie aie[1] (Daubentonia madagascariensis)[2] é un primate estrepsirrino,[3] endémico de Madagascar, emparentado cos lémures.

A súa aparencia fai que se lle considere o principal responsable da orixe da palabra "lémure", que quere dicir en latín "espírito nocturno da morte".

O aie aie é o único representante vivo do seu xénero (Daubentonia), familia (daubentoníidos) e infraorde (quiromiiformes), o que deixa ben ás claras a súa extrema rareza. Só se coñece outra especie próxima ao aie-aie, o aie aie xigante (Daubentonia robusta), que se extinguiu cara a 1920.

DescriciónEditar

Os aie aies son animais arborícolas de hábitos nocturnos. Aliméntanse de larvas de insectos que atopan baixo a cortiza das árbores, localizándoas mediante golpes rítmicos sobre a cortiza. Este método é típico dos paxaros carpinteiros, pero único entre os mamíferos. Para conseguilo, usa o seu longo e osudo terceiro dedo, e distingue calquera pequena perturbación no ruído que produce o pete continuo (indicio dun poleiro de madeira abichada baixo a cortiza) grazas aos seus grandes e ben desenvolvidos oídos (o seu principal sentido), semellantes aos dun morcego. Só se coñece outro caso de adaptación tan forte dos dedos nese sentido en toda a historia da evolución, o do pequeno dinosauro arborícola Epidendrosaurus.

A pelaxe é longa en todo o corpo, especialmente na cola, razón pola que o aie aie foi clasificado inicialmente como un estraño esquío cando se descubriu. A cor da pelaxe é totalmente negra agás na cara, onde se volve case branca. En ocasións téñense atopado individuos pardos. Os adultos acadan o tamaño aproximado dun gato doméstico, con 40 centímetros da cabeza á cola e outros 55 de lonxitude total desta. Ademais das súas amplas orellas, na súa cabeza salientan tamén os seus ollos, grandes e amarelos, típicos do animal nocturno que é. O olfacto tamén é bastante fino.

HábitatEditar

O hábitat do aie aie constitúeo a selva tropical que cobre o leste de Madagascar, onde se localiza na parte máis alta das árbores. A súa dieta de larvas de insectos é completada ás veces coa inxestión dalgunhas follas e froitos. Estes últimos xántaos de xeito ritual e característico, primeiro roendo a súa casca (ten uns dentes similares aos dunha rata) e logo introducindo no seu interior o longo terceiro dedo, co que recolle a polpa carnosa que mete na boca coma se estivese usando unha culler.

A destrución da selva malgaxe debido aos incendios provocados, a estornela de árbores e o acraramento de grandes zonas para destinalas á agricultura empurrou ao aie aie ao bordo da extinción. De feito, pensouse durante un tempo que desaparecera, ata que se redescubriu en 1961. Desde entón o goberno de Madagascar tomou distintas medidas co fin de protexelo a el e ao seu hábitat; 12 exemplares desta especie atópanse protexidos na illa reserva de Nosy Mangabe.

Actualmente, calcúlase que existen aproximadamente 2.500 individuos.

ReproduciónEditar

Os aie aies femias paren unha soa cría, algo habitual nos lémures, e lévana sobre as súas costas durante os primeiros meses de vida. Durante o día refúxianse en niños similares aos dos paxaros, que logo cambian por outros despois de usalos durante unha tempada. Estes niños están situados na base das pólas, sempre a máis de 12 metros de altura do chan.

Estado de conservaciónEditar

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualificou en 2014 o status desta especie como en perigo de extinción (EN), cualificación que mantén a día de hoxe (setembro de 2015) porque se estima que a súa poboación sufriu unha diminución de ≥ 50 % nun período de 30-36 anos (tres xeracións), debido principalmente á continua diminución en área, grao e calidade do seu hábitat e á súa explotación a través de niveis insostibles de caza. Estas causas non cesaron e en gran parte non serán facilmente reversibles. Tamén se proxecta unha redución da poboación de ≥ 50 % durante as próximas dúas xeracións (de 10 a 24 anos) polas mesmas causas.[4]

CuriosidadesEditar

O folclore malgaxe considera ao aie aie unha criatura máxica. Dise que se apunta a unha persoa con seu terceiro dedo, esta morre pouco despois dunha forma repentina e horrible.

NotasEditar

  1. "Un bebé dun animal extraordinario: o aie aie". GCiencia. 14 de setembro de 2018. Consultado o 14 de setembro de 2018. 
  2. Daubentonia madagascariensis en Mammal Species of the World
  3. Da suborde Strepsirrhini (do grego strepho, curvo, e rhinos, nariz), suborde dos primates caracterizados por te-lo nariz húmido.
  4. Daubentonia madagascariensis na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2015-3. Consultada o 24 de setembro de 2015.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar