Lémures (mitoloxía)

Na mitoloxía romana, os lemures (lémures, en galego)[1] ou larvae (larvas, en galego) eran os espectros ou espíritos da morte. Eran a versión maligna dos lares, ou deuses protectores da casa.[2]

Algúns autores romanos aplicaban o nome de lémures para todos os espíritos da morte, e dividíanos en dúas clases: os lares, ou almas benevolentes da familia, que protexen a domus ou casa, e as larvae, ou inquietas e horribles almas de homes malvados. Pero a idea máis común era que os lémures e as larvas eran o mesmo. Dicíase que vagaban pola noite e que atormentaban e asustaban aos vivos.

Os días 9, 11 e 13 de maio, celebrábase a Lemuralia ou Lemuria,[3] a festa dos lémures, na que se lles ofrecían fabas negras coa esperanza de facelas propicias; usábanse tamén ruídos fortes para escorrentalas.

Os lemuriformes (primates de Madagascar) foron chamados lemures polo naturalista Linneo polos seus grandes ollos, os seus hábitos nocturnos e polos sons tremendos que fan pola noite. Algunhas especies de lémures foron identificadas polas súas chamadas incluso antes de que fosen vistos individuos concretos. Linneo acuñou tamén o uso moderno da palabra larva para denotar o estadio de eiruga no ciclo vital dos insectos.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lémure.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lar.
  3. Non confundir con Lemuria, suposto continente mitolóxico que actualmente se utiliza en teosofía para designar un vastísimo continente que, segundo a Doutrina Secreta do Oriente, precedeu á Atlántida.