Daubentonia madagascariensis

O Daubentonia madagascariensis[1] é un primate estrepsirrino,[2] endémico de Madagascar, emparentado cos lémures.

Daubentonia madagascariensis

Daubentonia madagascariensis comendo.
Estado de conservación
En perigo
En perigo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Primates
Suborde: Strepsirrhini
Infraorde: Chiromyiformes
Familia: Daubentoniidae
Gray, 1863
Xénero: Daubentonia
É. Geoffroy Saint-Hilaire, 1795
Nome binomial
Daubentonia madagascariensis
(Gmelin, 1788)
Distribución.
Distribución.

Distribución.
Sinonimia
Familia:
  • Cheiromyidae I. Geoffroy St. Hilaire, 1851
  • Chiromyidae Bonaparte, 1850
Xénero:
  • Aye-aye Lacépède, 1799
  • Cheiromys G. Cuvier, 1817
  • Cheyromys É. Geoffroy, 1803
  • Chiromys Illiger, 1811
  • Myslemur Anon. [?de Blainville], 1846
  • Myspithecus de Blainville, 1839
  • Psilodactylus Oken, 1816
  • Scolecophagus É. Geoffroy, 1795
Especie:
  • daubentonii Shaw, 1800
  • laniger G. Grandidier, 1930
  • psilodactylus Schreber, 1800

A súa aparencia fai que se lle considere o principal responsable da orixe da palabra "lémure", que quere dicir en latín "espírito nocturno da morte".

O Daubentonia madagascariensis é o único representante vivo do seu xénero (Daubentonia), familia (daubentoníidos) e infraorde (quiromiiformes), o que deixa ben ás claras a súa extrema rareza. Só se coñece outra especie próxima, Daubentonia robusta, que se extinguiu cara a 1920.

Descrición editar

Os Daubentonia madagascariensis son animais arborícolas de hábitos nocturnos. Aliméntanse de larvas de insectos que atopan baixo a cortiza das árbores, localizándoas mediante golpes rítmicos sobre a cortiza. Este método é típico dos paxaros carpinteiros, pero único entre os mamíferos. Para conseguilo, usa o seu longo e osudo terceiro dedo, e distingue calquera pequena perturbación no ruído que produce o pete continuo (indicio dun poleiro de madeira abichada baixo a cortiza) grazas aos seus grandes e ben desenvolvidos oídos (o seu principal sentido), semellantes aos dun morcego. Só se coñece outro caso de adaptación tan forte dos dedos nese sentido en toda a historia da evolución, o do pequeno dinosauro arborícola Epidendrosaurus.

A pelaxe é longa en todo o corpo, especialmente na cola, razón pola que foi clasificado inicialmente como un estraño esquío cando se descubriu. A cor da pelaxe é totalmente negra agás na cara, onde se volve case branca. En ocasións téñense atopado individuos pardos. Os adultos acadan o tamaño aproximado dun gato doméstico, con 40 centímetros da cabeza á cola e outros 55 de lonxitude total desta. Ademais das súas amplas orellas, na súa cabeza salientan tamén os seus ollos, grandes e amarelos, típicos do animal nocturno que é. O olfacto tamén é bastante fino.

Hábitat editar

O hábitat do Daubentonia madagascariensis constitúeo a selva tropical que cobre o leste de Madagascar, onde se localiza na parte máis alta das árbores. A súa dieta de larvas de insectos é completada ás veces coa inxestión dalgunhas follas e froitos. Estes últimos xántaos de xeito ritual e característico, primeiro roendo a súa casca (ten uns dentes similares aos dunha rata) e logo introducindo no seu interior o longo terceiro dedo, co que recolle a polpa carnosa que mete na boca coma se estivese usando unha culler.

A destrución da selva malgaxe debido aos incendios provocados, a estornela de árbores e o acraramento de grandes zonas para destinalas á agricultura empurrou ao Daubentonia madagascariensis ao bordo da extinción. De feito, pensouse durante un tempo que desaparecera, ata que se redescubriu en 1961. Desde entón o goberno de Madagascar tomou distintas medidas co fin de protexelo a el e ao seu hábitat; 12 exemplares desta especie atópanse protexidos na illa reserva de Nosy Mangabe.

Actualmente, calcúlase que existen aproximadamente 2.500 individuos.

Reprodución editar

As femias paren unha soa cría, algo habitual nos lémures, e lévana sobre as súas costas durante os primeiros meses de vida. Durante o día refúxianse en niños similares aos dos paxaros, que logo cambian por outros despois de usalos durante unha tempada. Estes niños están situados na base das pólas, sempre a máis de 12 metros de altura do chan.

Estado de conservación editar

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualificou en 2014 o status desta especie como en perigo de extinción (EN), cualificación que mantén a día de hoxe (setembro de 2015) porque se estima que a súa poboación sufriu unha diminución de ≥ 50 % nun período de 30-36 anos (tres xeracións), debido principalmente á continua diminución en área, grao e calidade do seu hábitat e á súa explotación a través de niveis insostibles de caza. Estas causas non cesaron e en gran parte non serán facilmente reversibles. Tamén se proxecta unha redución da poboación de ≥ 50 % durante as próximas dúas xeracións (de 10 a 24 anos) polas mesmas causas.[3]

Na cultura malgache editar

O folclore malgaxe considera ao Daubentonia madagascariensis unha criatura máxica. Dise que se apunta a unha persoa con seu terceiro dedo, esta morre pouco despois dunha forma repentina e horrible.

Notas editar

  1. Daubentonia madagascariensis en Mammal Species of the World
  2. Da suborde Strepsirrhini (do grego strepho, curvo, e rhinos, nariz), suborde dos primates caracterizados por te-lo nariz húmido.
  3. Daubentonia madagascariensis na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2015-3. Consultada o 24 de setembro de 2015.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar