Díptico dos Nicómaco e dos Símaco

O díptico dos Nicómacos e dos Símacos, é un díptico de marfil, duns 30 cm de alto, datado na antigüidade tardía, a finais do século IV ou principios do V, cuxos paneis representan escenas de prácticas relixiosas da relixión romana tradicional.

Díptico dos Nicómaco e dos Símaco
ArtistaDescoñecido
DataFinais do século IV ou comezos do século V
TécnicaEscultura sobre marfil
MovementoArte da Roma antiga
Dimensións29,9 cm cm × 24,5 cm cm
LocalizaciónMuseo Nacional da Idade Media e Victoria and Albert Museum (París e Londres)

Tanto o seu estilo como o seu contido reflicten un renacemento de curta duración da relixión romana tradicional e do clasicismo nun momento no que o mundo romano viraba cara ao cristianismo e rexeitaba a tradición clásica. O díptico toma o seu nome das inscricións Nicomachorum e Symmachorum, en referencia a dúas destacadas familias do Senado romano.

O díptico permaneceu intacto até o século XIX.[1] A descrición máis antiga das follas data de 1717 cando, nun inventario do mosteiro de Montier-en-Der, son rexístradas como portas dun relicario de principios do século XIII.[2]

O historiador da arte Richard Delbrueck descubriu unha mención aos paneis na biografía realizada no século X polo abade Adso sobre san Bercharius, que fundou o mosteiro ca. 670. Adso escribiu que o seu antecesor "visitou Xerusalén e obtivo moitas reliquias sagradas, e trouxo consigo excelentes táboas de marfil".[3][4]

Cando os acontecementos da Revolución francesa forzaron o peche do mosteiro en 1790, o relicario e os seus paneis perdéronse temporalmente. O panel dos Nicómaco recuperouse en 1860 dun pozo en Montier,[4] moi danado polo lume, e foi adquirido polo Museo de Cluny, de París. O panel dos Símaco, intacto na súa maior parte, apareceu posteriormente en propiedade dun coleccionista e foi adquirido pouco despois, en 1865, polo Victoria and Albert Museum, de Londres a través á colección Webb.[5]

Descrición

editar

O díptico elaborouse en Roma nalgún momento entre 388 e 401.[1] O panel Nicómaco, mide 29,9 × 12,6 centímetros e o Símaco 29,8 × 12,2 cm. Námbolos dous paneis aparecen representadas cadansúa figura feminina dedicadas a rituais relixiosos perante os altares de sacrificio.

Panel Nicómaco

editar

A táboa Nicómaco, en París, é a que está peor conservada da parella por mor dos danos recibidos nun lume. Presenta o marfil escachado en varias partes, faltando nalgunhas seccións por completo, como na faciana da muller, na man esquerda e no brazo dereito. Representa a unha sacerdotida cun peito ao aire reavivando, con dous fachos acesos que están parcialmente desaparecidos, a chama dun altar adicado, quizais, á deusa Ceres, un culto vencellado aos misterios de Eleusis. Completa a escena un piñeiro do que penduran dous címbalos; tanto a árbore coma os címbalos son atributos da deusa Cibeles[4] e máis do seu servinte/amante Atis.[6]

Panel Símaco

editar

O panel Símaco, conservado en Londres, amosa unha muller coroada de hedra espolvoreando incenso sobre as chamas dun altar cadrado, grilandeada de coroas de carballo. A muller é asistida por unha pequena figura que sostén un cántaro e unha cunca de froita.[4] As grilandas de carballo e o carballo sagrado suxiren o culto a Xúpiter, mentres que as follas de hedra lembran o deus Dioniso.[7] As figuras femininas foron interpretadas de varias maneiras como sacerdotisas[7] e como deusas.[8]

Interpretación

editar

Crese que os paneis celebran a alianza matrimonial de dúas importantes familias senatoriais, os Símaco e os Nicómaco. Os candidatos máis probables son a filla do senador Quinto Aurelio Símaco e Nicómaco Flaviano, fillo do seu colega Virio Nicómaco Flaviano, aínda que tamén se suxeriu que os paneis poderían conmemorar o matrimonio do fillo de Símaco, o Quinto Fabio Memio Símaco coa neta do mencionado colega.[7]

Os dípticos foron encargados, a miúdo, por familias romanas importantes para celebrar acontecementos relevantes, a maioría das veces a consecución do consulado. A forma de díptico, polo menos orixinalmente, servía como par de tapas para as táboas de escritura de cera. A obra no seu conxunto interpretouse como un estudo na nostalxia. Así como a maioría do mundo romano rexeitou o politeísmo a favor do cristianismo, tamén deixou atrás as técnicas de proporción e perspectiva que caracterizaron a arte dos seus devanceiros.[9]

  1. 1,0 1,1 Weitzmann (1997), p. 186.
  2. Kinney (1994), p. 458.
  3. A referencia de Delbrueck e a cita de Adso atópase en Kinney (1994), p. 461
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Williamson, Paul (2006 [1980]). "The Symmachi Panel, about 400 AD". vam.ac.uk (en inglés). Consultado o 10 de maio de 2021. 
  5. "The Symmachi Panel". collections.vam.ac.uk (en inglés). 13 de novembro de 2002. Consultado o 10 de maio de 2005. 
  6. Simon (1992), p. 56.
  7. 7,0 7,1 7,2 Weitzmann (1997), p. 187.
  8. Simon (1992), p. 58.
  9. Kitzinger (1977), p. 34.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar