Abrir o menú principal
Localización dos mixtecos.

A cultura mixteca é un termo que designa a unha cultura arqueolóxica prehispánica, correspondente ós antecesores do pobo mixteco, que tivo as súas primeiras manifestacións no Preclásico Medio mesoamericano (ss. XV-II a. C.) e concluíu coa conquista española nas primeiras décadas do século XVI da era cristiá. O territorio histórico deste pobo é a zona coñecida como A Mixteca (Ñuu Dzahui en mixteco antigo), unha rexión montañosa que se atopa entre os actuais estados mexicanos de Puebla, Oaxaca e Guerrero.

A cronoloxía da cultura mixteca é unha das máis extensas de Mesoamérica pola súa continuidade e antigüidade. Comeza como resultado da diversificación cultural dos pobos de fala otomangueana na área de Oaxaca. Os mixtecos compartiron numerosos trazos culturais cos seus veciños zapotecos. De feito, ambos os dous pobos denomínanse a si mesmos como «xente da choiva ou da nube». A evolución diverxente dos mixtecos e os zapotecos, favorecida pola contorna ecolóxica, alentou a concentración urbana nas cidades de San José Mogote e Monte Albán; mentres que nos vales da serra Mixteca a urbanización seguiu un patrón de menores concentracións humanas en numerosas poboacións. As relacións entre mixtecos e zapotecos foron constantes durante o Preclásico, cando a Mixteca tamén se incorporou definitivamente á rede de relacións panmesoamericanas. Algúns produtos mixtecos atópanse entre os obxectos de luxo achados na área nuclear olmeca.

Durante o Clásico, o apoxeo de Teotihuacán e Monte Albán foron un elemento que estimulou o florecemento da rexión Ñuiñe (Mixteca Baixa).[1] En cidades como Cerro de las Minas atopáronse ronseis que mostran un estilo de escritura que combina elementos da escritura de Monte Albán e de Teotihuacán. A influencia dos zapotecos obsérvase nas numerosas urnas achadas nos sitios da Mixteca Baixa, que representan case sempre ao deus vello do lume. Nese mesmo contexto, a Mixteca Alta viu o colapso de Yucunundahua (Huamelulpan), e a balcanización da zona. A concentración do poder en Ñuiñe foi causa de conflitos entre as cidades da rexión e os estados da Mixteca Alta, o que explica a fortificación das cidades ñuiñe. O ocaso da cultura ñuiñe coincide co de Teotihuacán e Monte Albán. Ó rematar o Clásico mesoamericano (ss. VII e VIII) moitos elementos da cultura clásica da Mixteca Baixa caeron en desuso e foron esquecidos.

A partir do século X danse as condicións que permitiron o florecemento da cultura mixteca. O temperamento político de Oito Veado conduciuno a consolidar a presenza mixteca na Costa. Alí fundou o reino de Tututepec (Yucudzáa) e despois emprendeu unha campaña militar para unificar numerosos estados baixo o seu poder, entre eles sitios tan importantes como Tilantongo (Ñuu Tnoo Huahi Andehui). Isto non sería posible sen a alianza con Catro Xaguar, señor de filiación nahua-tolteca que gobernaba Ñuu Cohyo (Tollan-Chollollan). O reinado de Oito Veado concluíu co seu asasinato a mans do fillo dunha nobre señora que á súa vez foi asasinada polo propio Oito Veado. Durante todo o Posclásico intensificouse a rede de alianzas dinásticas entre os estados mixtecos e zapotecos, aínda que paradoxalmente aumentou a rivalidade entre ambos os pobos. Porén, actuaron en conxunto para defenderse das incursións mexicas. México-Tenochtitlan e os seus aliados alzaríanse coa vitoria sobre estados tan poderosos como Coixtlahuaca (Yodzo Coo), que foi incorporado como provincia tributaria do Imperio azteca. Porén, Yucudzáa (Tututepec) mantivo a súa independencia e axudou ós zapotecos a resistir no istmo de Tehuantepec. Cando os españois chegaron á Mixteca, moitos señores sometéronse voluntariamente como vasalos de España e conservaron algúns privilexios. Outros señoríos tentaron resistir, pero foron vencidos militarmente.

NotasEditar

  1. A lo largo de este texto, aparece el término ñuiñe con dos formas ortográficas, de acuerdo con lo que indica la Ortografía de la lengua española (3.3.2.). Ñuiñe, con mayúscula, es el nombre propio de la Mixteca Baja.

Véxase taménEditar