Cotovía cristada

especie de paxaro

A cotovía cristada[3] ou cotovía dos camiños[4] (Galerida cristata) é unha especie de cotovía que se distingue doutras especies similares por ter unha crista de plumas que ergue durante as exhibicións territoriais ou de cortexo ou cando canta. É común na Europa continental, aínda que en Galicia é nativa pero non moi común, e vive tamén no norte de África e en partes do oeste de Asia e a China. É unha ave non migratoria, pero pode encontrarse ocasionalmente como ave errante en zonas no límite da súa área como Gran Bretaña.

Cotovía cristada

Cotovía cristada no Parque Nacional de Sultanpur, India
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Alaudidae
Xénero: Galerida
Especie: Galerida cristata
(Linnaeus, 1758)

Subespecies

Ver texto

Sinonimia
  • Alauda cristata Linnaeus, 1758
G. c. kleinschmidti, Marrocos

Polo San Matías
xa cantan as cotovías.

—Popular[2]

Taxonomía e sistemática

editar

A cotovía cristada foi descrita orixinalmente por Carl Linnaeus no seu traballo do século XVIII Systema Naturae. Clasificouna no xénero Alauda, pero o naturalista alemán Friedrich Boie situouna no novo xénero Galerida en 1821. Colin Harrison recomendou pasar de novo as especies dos xéneros Galerida e Lullula a Alauda en 1865 debido á falta de características definitorias.[5] O nome científico actual deriva do latín, xa que Galerida era o nome que lle daban os latinos a esta ave, de galerum, 'gorra' e cristata, 'cristada'.[6] Alban Guillaumet e colegas sinalaron as características distintivas das poboacións do Magreb (as que viven nas partes máis secas de Marrocos e Tunisia teñen bicos máis longos, mentres que as aves máis costeiras do norte teñen os bicos máis curtos típicos das subespecies europeas). Os autores tomaron e analizaron mostras do ADN mitocondrial e atoparon que eran distintas xeneticamente.[7]

Anteriormente, a cotovía do Magreb Galerida macrorhyncha era considerada unha subespecie da cotovía cristada.[8]

Subespecies

editar

Recoñécense 33 subespecies, que son:[9]

  • G. c. pallida - Brehm, CL, 1858: vive en Portugal e España
  • G. c. cristata - (Linnaeus, 1758): do sur de Escandinavia e Francia e cara ao leste ata Ucraína e Hungría
  • G. c. neumanni - Hilgert, 1907: no centro oeste de Italia
  • G. c. meridionalis - Brehm, CL, 1841: descrita orixinalmente como unha especie separada. Encóntrase desde o leste de Croacia ata o centro de Grecia e oeste de Turquía
  • G. c. cypriaca - Bianchi, 1907: en Rodas, os Cárpatos e Chipre
  • G. c. tenuirostris - Brehm, CL, 1858: desde o leste de Hungría e Romanía ao sur de Rusia e Casaquistán
  • G. c. caucasica - Taczanowski, 1888: no leste das illas do Exeo, norte de Turquía e sur do Cáucaso
  • G. c. kleinschmidti - Erlanger, 1899: no noroeste de Marrocos
  • G. c. riggenbachi - Hartert, 1902: no oeste de Marrocos
  • G. c. carthaginis - Kleinschmidt, O & Hilgert, 1905: no noroeste de Marrocos e o norte de Tunisia
  • G. c. arenicola - Tristram, 1859: descrita orixinalmente como unha especie separada. Encóntrase no nordeste de Alxeria, sur de Tunisia e noroeste de Libia
  • G. c. festae - Hartert, 1922: na costa nordeste de Libia
  • G. c. brachyura - Tristram, 1865: desde a parte nordeste non costeira de Libia ao sur de Iraq e norte de Arabia
  • G. c. helenae - Lavauden, 1926: no sueste de Alxeria e suroeste de Libia
  • G. c. jordansi - Niethammer, 1955: encóntrase nas montañas Aïr do norte de Níxer
  • G. c. nigricans - Brehm, CL, 1855: descrita orixinalmente como unha especie separada. Encóntrase no delta do Nilo (norte de Exipto)
  • G. c. maculata - Brehm, CL, 1858: no centro de Exipto
  • G. c. halfae - Nicoll, 1921: no sur de Exipto e norte do Sudán
  • G. c. altirostris - Brehm, CL, 1855: descrita orixinalmente como unha especie separada. Encóntrase no leste do Sudán e Eritrea
  • G. c. somaliensis - Reichenow, 1907: no sur de Etiopía, norte de Somalia e norte de Kenya
  • G. c. balsaci - Dekeyser & Villiers, 1950: nas costas de Mauritania
  • G. c. senegallensis - (Statius Müller, PL, 1776): descrita orixinalmente como unha especie separada no xénero Alauda. Vive desde Mauritania e o Senegal ata Níxer
  • G. c. alexanderi - Neumann, 1908: desde o norte de Nixeria ao oeste do Sudán e nordeste da República Centroafricana
  • G. c. isabellina - Bonaparte, 1850: descrita orixinalmente como unha especie separada. Encóntrase no centro do Sudán
  • G. c. cinnamomina - Hartert, 1904: no oeste do Líbano e noroeste de Israel
  • G. c. zion - Meinertzhagen, R, 1920: no sur de Turquía e nordeste de Israel
  • G. c. subtaurica - (Kollibay, 1912): desde o centro de Turquía ao suroeste de Turkmenistán e norte de Irán
  • G. c. magna - Hume, 1871: descrita orixinalmente como unha especie separada. Habita desde o centro de Irán e centro de Turkmenistán ata o noroeste de Paquistán, Casaquistán, sur de Mongolia e noroeste da China
  • G. c. leautungensis - (Swinhoe, 1861): descrita orixinalmente como especie separada no xénero Alauda. Encóntrae no nordeste e leste da China
  • G. c. coreensis - Taczanowski, 1888: en Corea
  • G. c. lynesi - Whistler, 1928: do norte de Paquistán
  • G. c. chendoola - (Franklin, 1831): descrita orixinalmente como unha especie separada no xénero Alauda. Atópase desde o centro e leste de Paquistán e ao longo do oeste e norte da India ata o sur do Nepal

Descrición

editar

É unha cotovía bastante pequena, aproximadamente do mesmo tamaño que a Alauda arvensis, pero máis curta en conxunto e con máis volume na cabeza e corpo, e con aparencia similar,[10] cunha altura de 17 cm e unha envergadura alar de 29 a 38 cm, e cun peso entre 37 e 55 g.[11] É un paxaro pequeno marrón con cola curta e plumas externas marróns claras. O macho e a femia non presentan grandes diferenzas, pero os individuos xoves teñen mais manchas no dorso que os adultos.[10] A súa plumaxe é suave pero escasa e parece abrancazado. A distintiva crista pola que recibe o seu nome é moi evidente en todo momento pero está mais ergueita durante as exhibicións territoriais e de cortexo e cando canta.[12][13] En voo mostra unhas partes inferiores avermelladas. Comparte moitas características coa Galerida theklae, e as principais distincións entre elas son o bico, as manchas marróns máis escuras na G. theklae e as partes inferiores grises presentes nos espécimes europeos.[11]

Distribución e hábitat

editar

A cotovía cristada reprodúcese na maioría das zonas temperadas de Eurasia desde Portugal ata o nordeste da China e leste da India e en África cara ao sur ata Níxer. Non é un paxaro migratorio, senón sedentario, e só aparece raramente como errante ou accidental en sitios fóra da súa área normal, como Gran Bretaña,[14] malia reproducirse en zonas tan próximas como o norte de Francia.[15] Aínda que esta ave non se encontra normalmente en Escandinavia hoxe en día, átopábase en Suecia ata a década de 1990, e hai fontes que informan da observación de seis exemplares en 1992 antes de desaparecer completamente dese país en 1993.[16] Tamén desapareceu doutros países europeos, como Noruega (1972), Luxemburgo (1973) e Suíza (década de 1980).[11]

É un paxaro común de campos abertos e secos e é frecuente velo en beiras de estradas e camiños ou en campos de cereais, aínda que tamén ocupa pequenas zonas areosas ao longo de vías de ferrocarril, peiraos e aeródromos.[15]

Comportamento

editar
Vídeo dun exemplar cantando

É unha ave canora, e a súa canción é un trilo líquido.[10] Canta en voo desde o alto do ceo, a uns 30 a 60 m sobre o chan. A especie relacionada Alauda arvensis (laverca común) mostra un comportamento similar pero tamén canta durante o seu ascenso, mentres que a cotovía cristada canta só desde as alturas ou no chan.[17] O seu padrón de voo é un exemplo de locomoción ondulatoria en aves.[12]

Reprodución

editar
 
Ovos de Galerida cristata no MHNT

Aniña en pequenas depresións no chan, a miúdo en páramos e nas contornas das cidades. Os seus niños son estruturas pouco ordenadas compostas principalmente por herbas mortas e raíces.[10] Pon dunha vez de tres a cinco ovos marróns con finas manchas, similares aos da laverca común e choca os ovos durante 11 ou 12 días.[17] Igual que pasa coa maioría das cotovías ou lavercas, as crías abandonan axiña o niño, en só uns oito días, e bótanse a voar aos 15 ou 16 días de idade.[15] Xeralmente crían dúas veces ao ano.

Alimentación

editar
 
Comendo un insecto

Son aves esencialmente vexetarianas, que comen principalmente grans de cereais e outras sementes, como as de centeo, trigo e cebada,[12] pero tamén insectos, especialmente escaravellos,[10] e a comida atópana buscando no chan ou escavando.[18] As crías son alimentadas polos dous proxenitores e xeralmente deixan o niño antes de que poidan voar e empezan a procurarse a comida eles mesmos.

Status

editar

Na Lista vermella da IUCN está considerada como en situación "pouco preocupante", o que signifia que non está ameazada de extinción actualmente.[1] As estimacións sobre a poboación global de individuos maduros desta especie é de entre 22 000 000 e 91 200 000.[19] As cifras para Europa son menos variadas, con estimacións do número de parellas reprodutoras entre 3 600 000 e 7 600 000, ou a de individuos entre 7 200 000 e 15 200 000. En Europa, a tendencia desde 1982 é dun declive global da poboación, do que se deduciu que a especie está en declive mundialmente.[19]

  1. 1,0 1,1 "Galerida cristata". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha da cotovía dos camiños. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 99. ISBN 84-7154-379-6. 
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  4. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  5. Harrison, C.J.O. (1966). "The Validity of Some Genera of Larks (Alaudidae)". Ibis 108 (4): 573–83. doi:10.1111/j.1474-919X.1966.tb07209.x. 
  6. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 122, 169. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  7. Guillaumet, Alban; Pons, Jean-Marc; Godelle, Bernard; Crochet, Pierre-Andre (2006). "History of the Crested Lark in the Mediterranean region as revealed by mtDNA sequences and morphology". Molecular Phylogenetics and Evolution 39 (3): 645–56. PMID 16473529. doi:10.1016/j.ympev.2006.01.002. 
  8. Gill, F; D Donsker, eds. (30 June 2013). "Waxwings to swallows". IOC World Bird List: Version 3.4. International Ornithologists’ Union. Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2011. Consultado o 30 July 2013. 
  9. "IOC World Bird List 6.4". IOC World Bird List Datasets. doi:10.14344/ioc.ml.6.4. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Černý, Walter (1975). A Field Guide in Colour to Birds. Traducido por Margot Schierlová. Illustrated by Karel Drchal. London: Octopus Books Limited. pp. 156–157. ISBN 070640405X. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Snow, David; Perrins, Christopher M., eds. (1998). The Birds of the Western Palearctic concise edition 2. Oxford: Oxford University Press. pp. 1037–1040. ISBN 0198501889. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Harbard, Chris (1989). Songbirds: How to attract them and identify their song. London: Kingfisher Books. p. 52. ISBN 0862724597. 
  13. Burnie, David (2001). Animal: The Definitive Visual Guide to the World's Wildlife. London: Dorling Kindersley. p. 342. ISBN 9780789477644. 
  14. "Thousands flock to see rare bird". BBC News. 2 May 2009. Consultado o 28 July 2013. 
  15. 15,0 15,1 15,2 Hayman, Peter; Hume, Rob (2001). The complete guide to the bird life of Britain and Europe. 2004: Bounty Books. p. 185. ISBN 9781857327953. 
  16. "European news". British Birds (British Birds Ltd.) 88: 274. June 1995. ISSN 0007-0335. 
  17. 17,0 17,1 Hayman, Peter; Burton, Philip (1979). "Crested Lark". The Birdlife of Britain (2nd ed.). London: Mitchell Beazley Publishers Limited. p. 80. ISBN 0855330872. 
  18. Robinson, R.A. (16 January 2013). "Crested Lark Galerida cristata". BirdFacts. British Trust for Ornithology. Consultado o 28 July 2013. 
  19. 19,0 19,1 "Species factsheet: Galerida cristata". Birdlife International. Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2016. Consultado o 28 July 2013.