A corta rubia (Myodes glareolus; antes Clethrionomys glareolus) é un pequeno roedor de pelame marrón avermellado e algunhas manchas grises, cun rabo a metade de longo que o seu corpo. É un roedor dos bosques duns 100 mm de lonxitude. Vive na maior parte de Europa, incluíndo o norte da Península Ibérica (tamén está incluído na lista dos mamíferos de Galicia), e en partes do norte de Asia. Nalgúns lugares foi introducido accidentalmente, como nas illas Británicas, nas cales colonizou gran parte do sur.

Myodes glareolus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Rodentia
Familia: Cricetidae
Subfamilia: Avicolinae
Xénero: Myodes
Especie: Myodes glareolus
(Schreber, 1780)
Mapa de distribución da corta rubia
Mapa de distribución da corta rubia

Mapa de distribución da corta rubia
Sinonimia
  • Clethrionomys glareolus
  • Evotomys glareolus

Vive en zonas boscosas, setos e noutra vexetación densa como fentos e silveiras. A súa toqueira baixo terra está forrada con musgos, plumas e fibra vexetal e contén un almacén de comida. Pode vivir de dezaoito meses a dous anos na natureza e uns 42 meses en catividade e é principalmente herbívoro, comendo brotes, codias, sementes, noces, follas e froitos e ocasionalmente insectos e outros pequenos invertebrados. Gabea facilmente ás pólas baixas de árbores e arbustos aínda que non tan axilmente como un rato. Reprodúcese en toqueiras pouco profundas; a femia pare unhas catro deitadas de crías durante o verán.

Descrición

editar

A corta rubia é un pequeno roedor que lembra un rato cando é novo pero despois desenvolve un corpo máis robusto, unha cabeza lixeiramente arredondada cunhas orellas e ollos máis pequenos que os do rato (pero as orellas son máis grandes doutras especies similares) e un rabo peludo e máis curto. A superfice dorsal é marrón avermellada, cunha capa inferior agrisada e flancos grises con brillo marrón avermellado. As partes inferiores son agrisadas ás veces tinguidas de amarelo claro. A cabeza do adulto e a lonxitude corporal varía entre 83 e 121 mm e o rabo entre 38 e 76 mm. O peso está entre os 15,4 e 36 g. Os animais novos son máis escuros con partes inferiores máis grises. Pode emitir sons como gruñidos e chíos agudos.[2] En caso de estar intranquilo e illado emite un son parecido a un salouco humano.

A especie Myodes rutilus do norte de Escandinavia e Rusia, ten un rabo máis curto e é máis claro con menos gris na pelame. O Myodes rufocanus do norte de Eurasia, é máis grande e cun distintivo dorso avermellado.[2]

Distribución

editar

A corta rubia ten unha distribución paleártica. É nativo de Europa, e partes de Asia incluíndo partes de Siberia occidental. Non vive en Islandia nin no norte de Escandinavia (excepto en Finlandia) e está ausente da maior parte da Península Ibérica e parte de Italia.[2] En Galicia é a única especie do xénero Myodes. Foi introducida no sur de Irlanda na década de 1950, onde prosperou e témese que desprace o roedor autóctono Apodemus sylvaticus. Unha subespecie de maior tamaño atopouse na illa de Skomer no occidente de Gales (Myodes glareolus skomerensis).[3]

Hábitat

editar

A corta rubia encóntrase en bosques, especialmente os de folla caduca e mixtos con arbustos, plantas baixas e follas caídas. Tamén en setos, marxes dos campos, entre fentos e silveiras, beiras de ríos, pantanos e parques. En rexións montañosas e na parte norte da súa área de distribución aparece en bosques de coníferas a altitudes de ata 1800 m. Non se encontra no solo espido e para el unha ampla cuberta vexetal parece ser unha necesidade.[2] Na rexión mediterránea, no sur da súa área, é un especialista de hábitat e encóntrase en bosques húmidos pero non en praderías e lugares arbustivos.[4] Nos límites das áreas boscosas é posible que haxa unha metapoboación que consta de varias poboacións separadas espacialmente que veñen e van segundo a estación e os eventos locais. Algunhas áreas poden estar desprovistas de cortas durante o inverno e ser repoboadas durante o verán e só quedan sen cortas de novo en outubro. Canto máis lonxe de áreas boscosas permanentemente habitadas está o lugar, menos femias hai e máis amplamente flutúa o número de individuos.[5]

Comportamento

editar
 
Ramiñas de sabugueiro (Sambucus nigra) danados pola corta rubia

Son activos de día e tamén de noite. Non hibernan en inverno. Escavan toqueiras longas e ramificadas pouco profundas e con varias saídas, ás veces facendo túneles baixo das capas de follas caídas. Apañan e almacenan comida baixo terra e forran o niño con musgos, herba seca e follas preto da superficie ou mesmo sobre o chan. É en xeral bastante destemido pero tamén está moi alerta dos chíos doutros animais como os paxaros páridos que avisan da presenza de predadores.[2]

Son principalmente herbívoros. A súa dieta varía coa estación pero xeralmente consta de follas, herbas, raíces, codia, brotes, froitas, noces, e sementes. Cando se alimentan de herba poden recortar os talos e deixar os cachos cortados en moreas. Parte da comida é transportado á toqueira onde a gardan en cámaras dedicadas ao almacenamento. Ás veces come alimentos animais como insectos, arañas e vermes e pode coller ovos dos niños de paxaros que aniñan no chan.[2][6]

Gabean ben e en inverno aliméntanse de codias de árbores como faias, pradairos e lárices a varios metros de altura. Tamén comen as árbores nacentes, polo que reducen a rexeneración natural dos bosques e cando están presente en grandes cantidades, considéranse unha praga. Porén, os danos que causan son relativamente escasos nun ecosistema san porque só se producen danos significativos cando aumenta moito o seu número, e porque teñen moitos inimigos naturais que normalmente manteñen a súa poboación baixo control.[7]

Reprodución

editar
 
Cortas rubias novas no seu niño baixo unha morea de madeira

As femias manteñen territorios que se poden solapar en parte, e os machos ocupan territorios máis grandes que comprenden os de varias femias. O territorio das femias é xeralmente de entre 500 e 2000 m2.[8] A estación reprodutora dura desde finais de abril a setembro. As femias parecen preferir os machos dominantes e poden evitar activamente outros machos vagantes. O período de xestación medio é de 21 días, pero é máis longo se a femia está aínda aleitando unha camada anterior. As camadas poden ser de ata dez crías pero a media é de catro a oito. As femias ás veces matan as crías nas toqueiras de territorios adxacentes e os machos ás veces tamén as matan antes de aparearse coa súa nai, quizais como táctica para asegurarse que a súa descendencia terá vantaxe. As crías están espidas e indefensas e abren os ollos ao noveno día. Son destetados aos 20 a 25 días e a femia está sexualmente madura ás seis semanas, mentres que os machos ás oito semanas. Teñen ata catro camadas por ano e a medida que os novos empezan tamén a reproducirse, o seu número pode aumentar rapidamente nos meses do verán. A corta rubia vive uns dous anos na natureza.[6] En catividade isto pode aumentar ata os 42 meses, e as cortas máis vellas tenden a pasar máis tempo descansando, son menos áxiles fisicamente, pero aínda poden correr nunha roda de exercicio.

Ecoloxía

editar

A corta rubia é moi abondosa durante gran parte do ano e desempeña un importante papel na dieta de varios predadores incluíndo o raposo (Vulpes vulpes), o armiño (Mustela erminea), a donicela (Mustela nivalis), o visón europeo (Mustela lutreola), o lagarteiro (Falco tinnunculus), o Buteo lagopus e a avelaiona (Strix aluco). As cortas tratan de evitar a súa captura non frecuentando áreas abertas, usando túneles baixo terra e camiños trillados baixo a vexetación.[6]

A corta rubia actúa como reservorio do virus Puumala, que pode infectar os humanos causando unha febre hemorráxica chamada nefropatía epidémica e, en casos extremos, mesmo é mortal.[9] Aínda que este hantavirus coevolucionou co seu hóspede, a súa presenza nas poboacións parece facer decrecer as súas taxas de supervivencia para superar o inverno.[10]

Status

editar

A corta rubia ten unha ampla área de distribución en Europa e oeste de Asia. A densidade de poboación depende do momento do ano e localización e varía entre seis e cen individuos por hectárea. O tamaño de poboación varía dun ano para outro, mais a longo prazo parece ser estable. Por estas razóns, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza clasificou o estado da especie como "pouco preocupante" na súa Lista Vermella de Especies Ameazadas.[1] Cando vive nas beiras das estradas, a especie pode sufrir envelenamento por chumbo e preto das granxas pode ser afectada polos pesticidas, moluscocidas e rodenticidas.[11]

  1. 1,0 1,1 {{{assessors}}} (2008). "Myodes glareolus". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 2013-07-24.  Database entry includes a brief justification of why this species is of least concern.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Konig, Claus (1973). Mammals. Collins & Co. pp. 110–111. ISBN 978-0-00-212080-7. 
  3. "Skomer Vole (Myodes glareolus skomerensis)". Storm Crow. Consultado o 2013-07-24. 
  4. Torre, Ignasi; Arrizabalaga, Antoni (2008). "Habitat preferences of the bank vole Myodes glareolus in a Mediterranean mountain range". Acta Theriologica 53 (3): 241–250. doi:10.1007/BF03193120. 
  5. van Apeldoorn, R. C.; Oostenbrink, W. T.; van Winden, A. & van der Zee, F. F. (2008). "Effects of habitat fragmentation on the bank vole, Clethrionomys glareolus, in an agricultural landscape". Oikos 65 (2): 265–274. JSTOR 354501. doi:10.2307/3545018. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Lundrigan, Barbara; Mueller, Marie (2003). "Myodes glareolus: Bank vole". Animal Diversity Web. University of Michigan. Consultado o 2013-07-21. 
  7. Buesching, Christina D.; Newman, Christopher; Twell, Rachael; Macdonald, David W. (2008). "Reasons for arboreality in wood mice Apodemus sylvaticus and bank voles Myodes glareolus". Mammalian Biology - Zeitschrift für Säugetierkunde 73 (4): 318–324. doi:10.1016/j.mambio.2007.09.009. 
  8. Haupt, Moritz; Eccard, Jana A.; Winter, York (2010). "Does spatial learning ability of common voles (Microtus arvalis) and bank voles (Myodes glareolus) constrain foraging efficiency?". Animal Cognition 13 (6): 783–791. doi:10.1007/s10071-010-0327-8. 
  9. Yeron Kalner (August 7, 2014) "Deadly Research," Retrieved O Yedioth Ahronoth, p. 27, anunciou a morte do Dr. Keren Ambar, unha posgraduada que estudaba o comportamento da corta rubia en Finlandia. Foi afectada polo virus Puumala que lle causou un completo colapso do seu sistema inmune.
  10. Kallio, E. R.; Voutilainen, L.; Vapalahti, O.; Vaheri, A.; Henttonen, H.; Koskela, E.; Mappes, T. (2007). "Endemic hantavirus infection impairs the winter survival of its rodent host". Ecology 88 (8): 1911–1916. PMID 17824420. doi:10.1890/06-1620.1. 
  11. "Bank vole (Clethrionomys glareolus)". ARKive. Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2013. Consultado o 2013-07-25. 

Véxase tamén

editar