A tempada 1995-1996 da Heineken Cup foi a 1ª edición da máxima competición continental do rugby europeo, nunha época na que se estaba producindo a profesionalización deste deporte. O número de equipos participantes foi 12, divididos en 4 grupos de 3, para afrontar a primeira fase da competición, a fase de grupos. Tralas 3 xornadas correspondentes a esta primeira fase, os primeiros de cada grupo disputaron as semifinais, a partido único, e a final.
Os 4 equipos que se clasificaron para as semifinais foron Toulouse, Leinster, Cardiff e Swansea, colocados nesta orde segundo a maior cantidade de puntos obtidos ou anotados. Toulouse e Leinster xogaron as semifinais como locais. A final foi o 7 de xaneiro do 1996 no estadio Arms Park de Cardiff ante 21.800 persoas, e tivo que resolverse no tempo engadido. O xogador galés Adrian Davies, do Cardiff RFC, rematou a tempada como máximo anotador do torneo con 58 puntos. A táboa de anotadores de ensaios rematou con 14 xogadores empatados con 2 ensaios. Stade Toulousain coroóuse como primeiro Campión de Europa.