Copa de Campións CONMEBOL–UEFA

A Copa de Campións CONMEBOL–UEFA,[1] antes coñecida oficialmente como Copa de Nacións de Europa/América do Sur,[2] e comunmente como Copa Artemio Franchi, é unha competición oficial de fútbol a partido único organizada pola CONMEBOL e a UEFA, e disputada polos gañadores da Copa América e da Eurocopa. Organizado cada catro anos, é o equivalente de seleccións á antiga Copa Intercontinental, que enfrontaba aos clubs campións de clubs de Europa e América do Sur.[3] A competición celebrou as súas dúas primeiras edicións en 1985 e 1993, antes de ser suspendida durante case tres décadas. Foi recuperada en 2022, coa disputa da chamada Finalissima,[1] tras chegar a un acordo a CONMEBOL e a UEFA.

Modelo:Competición deportivaCopa de Campións CONMEBOL–UEFA
Tipocompetición futbolística Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
EpónimoArtemio Franchi Editar o valor en Wikidata
OrganizadorConfederación Sudamericana de Fútbol Editar o valor en Wikidata
Número de participantes2 Editar o valor en Wikidata
Localización  e  Datas
Vixencia1985 – Editar o valor en Wikidata
Período de ocorrencia4 Editar o valor en Wikidata
Outro
Páxina web oficialuefa.com… Editar o valor en Wikidata

Historia

editar

Primeiras edicións e supresión

editar

Creada en 1985 como a Copa de Nacións de Europa/América do Sur, tamén foi coñecida como a "Copa Artemio Franchi" debido ao trofeo da competición, que recibiu o nome do falecido Artemio Franchi, expresidente da UEFA que morreu nun accidente de tráfico en 1983. Foi organizado conxuntamente entre a CONMEBOL e a confederación europea, funcionando como unha supercopa intercontinental. Foi concibida como o equivalente en seleccións nacionais á Copa Intercontinental de clubs, disputada entre os gañadores da Copa de Europa/Liga de Campións da UEFA e da Copa Libertadores.[4] Debía disputarse cada catro anos, alternando a sede entre Europa e América do Sur. Xogouse por primeira vez en 1985, entre a gañadora da Eurocopa de 1984, Francia, e a gañadora da Copa América 1983, Uruguai. Francia acolleu o partido no Parc des Princes de París e gañou 2-0, con goles de Dominique Rocheteau e José Touré. A edición de 1989 non chegou a disputarse, xa que a selección dos Países Baixos (gañadora da Eurocopa de 1988) e a do Uruguai (gañadora da Copa América 1987) non conseguiron acordar unha data para o partido. A seguinte edición tivo lugar en 1993 entre os gañadores da Copa América 1991, Arxentina, e os vencedores da Eurocopa de 1992, Dinamarca. A Arxentina acolleu o partido no Estadio José María Minella de Mar del Plata e gañou 5-4 na quenda de penaltis, despois de que na prórroga se mantivese o empate a un gol. A competición quedou suprimida despois de dita edición.[5]

A Copa Artemio Franchi está considerada como a precursora da Copa do Rei Fahd/Copa Confederacións da FIFA, disputada por primeira vez en 1992 e organizada pola FIFA desde a súa terceira edición en 1997.[6][7][8] A competición contaba cos campións dos campionatos continentais e da Copa do Mundo.[3] Trala edición de 2017, a FIFA anunciou a eliminación do torneo.[9]

Recuperación

editar

O 12 de febreiro de 2020, a UEFA e a CONMEBOL asinaron un novo memorando de entendemento, co obxectivo de mellorar a cooperación entre as dúas organizacións. Como parte do acordo, unha comisión mixta da UEFA e da CONMEBOL examinou a posibilidade de organizar partidos intercontinentais entre Europa e América do Sur, tanto para o fútbol masculino como para o feminino e entre varios grupos de idade.[10] O 28 de setembro de 2021, a UEFA e a CONMEBOL confirmaron que os gañadores da Eurocopa e da Copa América se enfrontarían nun partido intercontinental, cun acordo que abarcaría inicialmente tres edicións a partir de 2022. O 15 de decembro de 2021, a UEFA e a CONMEBOL asinaron de novo un memorando de entendemento renovado ata 2028, que incluía disposicións específicas sobre a apertura dunha oficina conxunta en Londres e a posible organización de varios eventos de fútbol. Confirmouse que o partido tería lugar no estadio de Wembley de Londres o 1 de xuño de 2022.[11][12] Ademais anunciouse que o novo nome da Copa Artemio Franchi sería "Copa de Campións CONMEBOL–UEFA".[1]

A primeira edición do torneo na súa nova etapa foi coñecido como a Finalissima 2022 e enfrontou ao campión da Eurocopa 2020 (celebrada en 2021), Italia, e o gañador da Copa América 2021, a Arxentina, no estadio de Wembley de Londres, Inglaterra.[13] A Arxentina gañou o partido por 3-0, facéndose co seu segundo título.[14]

Edicións

editar
Ano Sede Gañador Resultado e estadio Subcampión
1985   Francia  
Francia
2–0
Parc des Princes, París
 
Uruguai
1993   Arxentina  
Arxentina
1–1 (pr.) (5–4 pen.)
Estadio José María Minella, Mar del Plata
 
Dinamarca
2022   Inglaterra  
Arxentina
3–0
Wembley, Londres
 
Italia

Palmarés

editar

Por selección

editar
Equipo Gañador Subcampión
  Arxentina 2 (1993, 2022)
  Francia 1 (1985)
  Uruguai 1 (1985)
  Dinamarca 1 (1993)
  Italia 1 (2022)

Por confederación

editar
Confederación Gañador Subcampión
CONMEBOL 2 1
UEFA 1 2
  1. 1,0 1,1 1,2 "Finalissima 2022, Italy vs Argentina: Brand identity revealed". UEFA (en inglés). 22 de marzo de 2022. Consultado o 2 de xuño de 2022. 
  2. "Worldwide football network". UEFA (en inglés). 1 de xaneiro de 2011. Consultado o 3 de xuño de 2022. 
  3. 3,0 3,1 Carter, Jon (5 de xuño de 2009). "A troubled tournament looks forward" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2015. Consultado o 2 de xuño de 2022. 
  4. "Finalissima 2022, Italy vs Argentina: All you need to know". UEFA (en inglés). 1 de xuño de 2022. Consultado o 2 de xuño de 2022. 
  5. "UEFA. 60 years at the heart of football" (PDF). UEFA (en inglés). 2014. Consultado o 2 de xuño de 2022. 
  6. "Artemio Franchi honoured in Florence". UEFA (en inglés). 30 de xullo de 2008. Consultado o 3 de xuño de 2022. 
  7. "The story of the Confeds" (en inglés). 14 de xuño de 2013. Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2013. Consultado o 3 de xuño de 2022. 
  8. "Hace 20 años, Maradona ganaba su último título con la Selección" (en castelán). 24 de febreiro de 2013. Consultado o 3 de xuño de 2022. 
  9. "FIFA Council votes for the introduction of a revamped FIFA Club World Cup". FIFA (en inglés). 15 de marzo de 2019. Consultado o 2 de xuño de 2022. 
  10. "UEFA and CONMEBOL renew Memorandum of Understanding to enhance cooperation". UEFA (en inglés). 12 de febreiro de 2020. Consultado o 2 de xuño de 2022. 
  11. "UEFA and CONMEBOL renew and extend Memorandum of Understanding". UEFA (en inglés). 15 de decembro de 2021. Consultado o 2 de xuño de 2022. 
  12. "European and South American champions meet in ‘Finalissima’ Wembley showdown". UEFA (en inglés). 22 de marzo de 2022. Consultado o 2 de xuño de 2022. 
  13. "European and South American champions meet in ‘Finalissima’ Wembley showdown". UEFA (en inglés). 22 de marzo de 2022. Consultado o 2 de xuño de 2022. 
  14. Irigoyen, Juan I. (1 de xuño de 2022). "Argentina silencia a Italia en La Finalissima". El País (en castelán). Consultado o 2 de xuño de 2022. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar