Complexo captador de luz das plantas verdes

O complexo captador de luz das plantas verdes ou complexo antena (abreviado LH ou LHC, do inglés Light-Harvesting Complex) é un conxunto de moléculas de proteínas e clorofilas incrustado na membrana dos tilacoides das plantas e nas cianobacterias, que transfire enerxía da luz a unha molécula de clorofila a no centro de reacción dun fotosistema.

Proteína de unión á clorofila A-B
Complexo captador de luz II (LHCB)
Identificadores
SímboloChloroa_b-bind
PfamPF00504
InterProIPR022796
SCOPe1rwt / SUPFAM
OPM superfamily2
OPM protein1rwt

Os pigmentos antena son predominantemente a clorofila b, as xantofilas e os carotenos. A clorofila a funciona como pigmento central do fotosistema. Os seus espectros de absorción non están solapados e isto amplía o rango de lonxitudes de onda de luz que poden absorberse na fotosíntese. Os carotenoides teñen ademais outro papel como antioxidantes que impiden os danos fotooxidativos nas moléculas de clorofila. Cada complexo antena ten entre 250 e 400 moléculas de pigmentos e a enerxía que absorben cédese por transferencia de enerxía de resonancia a un complexo clorofila-proteína especializado coñecido como centro de reacción que existe en cada fotosistema.[1] O centro de reacción inicia unha complexa serie de reaccións químicas que capturan enerxía nos enlaces químicos.

No fotosistema II, cando as dúas moléculas de clorofila a que hai no centro de reacción absorben enerxía, prodúcese a excitación dun electrón, que se transfire a unha molécula aceptora de electróns, a feofitina, deixando a clorofila a nun estado oxidado. A clorofila a oxidada substitúe os electróns por fotólise, a cal implica a oxidación de moléculas de auga, xerando oxíxeno, protóns e electróns.[2]

O N-terminal da proeína de unión á clorofila a-b esténdese penetrando no estroma do cloroplasto, onde está implicado na adhesión de membranas da grana e fotorregulado por fosforilación reversible dos seus residuos de treonina.[3] Ambos os procesos crese que interveñen na distribución da enerxía de excitación entre os fotosistemas I e II.

Esta familia tamén inclúe a proteína PsbS do fotosistema II, que xoga un papel na temperación (quenching) dependente de enerxía que incrementa a disipación térmica do exceso de enerxía da luz absorbida no fotosistema.[4]

O complexo captador de luz 1 está permanentemente unido ao fotosistema I por medio da subunidade específica de plantas PsaG. Está constituído por catro proteínas: Lhca1, Lhca2, Lhca3 e Lhca4, todas as cales pertencen á familia LHC ou familia de unión á clorofila a/b. O LHC envólvese arredor do centro de reacción do fotosistema I (PSI).[5]

O complexo captador de luz 2 está normalmente unido ao fotosistema II, pero pode separarse del e asociarse ao fotosistema I, dependendo das condicións da luz.[5] Este comportamento está controlado pola fosforilación reversible. Esta reacción representa un sistema para equilibrar a enerxía de excitación entre os dous fotosistemas.[6]

  1. Voet D, Voet JG (2011). Biochemistry 4th Ed. EUA: Wiley. pp. 906. ISBN 978-0470-57095-1. 
  2. van Amerongen, H., Croce, R. Light harvesting in photosystem II. Photosynth Res 116, 251–263 (2013). https://doi.org/10.1007/s11120-013-9824-3
  3. Yang DH, Paulsen H, Andersson B (xaneiro de 2000). "The N-terminal domain of the light-harvesting chlorophyll a/b-binding protein complex (LHCII) is essential for its acclimative proteolysis". FEBS Letters 466 (2–3): 385–8. PMID 10682866. doi:10.1016/S0014-5793(00)01107-8. 
  4. Li XP, Gilmore AM, Caffarri S, Bassi R, Golan T, Kramer D, Niyogi KK (maio de 2004). "Regulation of photosynthetic light harvesting involves intrathylakoid lumen pH sensing by the PsbS protein". The Journal of Biological Chemistry 279 (22): 22866–74. PMID 15033974. doi:10.1074/jbc.M402461200. 
  5. 5,0 5,1 Grotjohann I, Fromme P (2013). "Photosystem I". Encyclopedia of biological chemistry (Second ed.). London. pp. 503–507. ISBN 978-0-12-378630-2. doi:10.1016/B978-0-12-378630-2.00287-5. 
  6. Liu XD, Shen YG (July 2004). "NaCl-induced phosphorylation of light harvesting chlorophyll a/b proteins in thylakoid membranes from the halotolerant green alga, Dunaliella salina". FEBS Letters 569 (1–3): 337–40. PMID 15225658. doi:10.1016/j.febslet.2004.05.065. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar