Fotosistema
Os fotosistemas son grandes complexos macromoleculares formados por proteínas e pigmentos (clorofilas, carotenoides) encargados de captar a enerxía electromagnética da luz e ceder electróns, procedentes da clorofila, aos transportadores de electróns da cadea tilacoidal. Son macromoléculas ancoradas na membrana do tilacoide e intimamente asociados a aceptores de electróns da membrana tilacoidal.
Nas plantas hai dous fotosistemas, fotosistema I e fotosistema II. O fotosistema II está asociado co complexo liberador de osíxeno, onde ten lugar a fotólise da auga que dá inicio á fase luminosa ou clara da fotosíntese, e ademais cede electróns. O fotosistema I só cede electróns.
Os fotosistemas constan dun complexo antena, onde están os pigmentos que captan a luz, vanse pasando a excitación uns a outros sen perderen electróns e canalizan a enerxía cara ao centro de reacción, que é a segunda parte do fotosistema, onde hai un dímero de clorofilas especial que perde electróns.
Excitación e transferencia de enerxía
editar- Atrápase un fotón no complexo antena, e o electrón promociona de orbital
- Transfírese por resonancia, esta enerxía, promocionando, coma unha onda do mar, os electróns cara ao centro de reacción
- No CdR, a clorofila pasa o seu electrón a un aceptor que se reduce, quedando ela empobrecida electronicamente, é dicir oxidada. Prodúcese unha reacción redox. O aceptor de electróns é a feofitina
- No fotosistema II prodúcese a fotólise da molécula de auga, os electróns sobrantes reducirán a molécula de clorofila oxidada no paso 3