Comisión parlamentaria

Unha comisión parlamentaria ou comité parlamentario é un grupo de lexisladores coa finalidade de preparar o traballo do pleno (a reunión do conxunto dos membros do parlamento). As comisións coñecen e informan sobre os proxectos e proposicións de leis, exercendo, tamén, o control do executivo mediante as preguntas dirixidas aos seus membros ou as declaracións destes nela. A súa composición é representativa do pleno do parlamento e, entre os seus membros, elixen a un presidente e unha mesa para rexela.

Sesión dunha comisión parlamentaria da Segunda Cámara dos Países Baixos (1978)

Tipos editar

Atendendo a súa natureza existen diferentes tipos de comités parlamentarios:

Comisións permanentes editar

Son aquelas que se forman ao principio das lexislaturas e que duran ata que esta remata, tematicamente adoitan corresponderse cos departamentos gobernamentais.[1] Por exemplo, o Parlamento Europeo, para a lexislatura entre 2019 e 2024, conta coas seguintes vinte comisións permanentes: asuntos exteriores; desenvolvemento; comercio internacional; orzamentos; control orzamentario; asuntos económicos e monetarios; traballo e asuntos sociais; a de de medio ambiente, saúde pública e seguridade alimentaria; mercado interior e protección do consumidor; transporte e turismo; desenvolvemento rexional; agricultura e desenvolvemento rural; pesca; cultura e educación; asuntos xurídicos; liberdades civís, xustiza e interior; asuntos constitucionais, dereitos da muller e igualdade de xénero e a de peticións.[2]

Comisións non permantes editar

Nacen para un traballo concreto, como, por exemplo, o estudo de asuntos que teñan forte impacto na sociedade ou para esclarecer as responsabilidades gobernamentais en cuestións polémicas.[3] Un exemplo salientable foi a comisión de investigación realizada en 2002 e 2003 pola Segunda Cámara do parlamento neerlandés sobre as responsabilidades dos Países Baixos no Masacre de Srebrenica.[4]

Comisións lexislativas editar

 
A Comisión de Vivenda do Senado dos Estados Unidos escoita ao Secretario de Agricultura (1937)

Segundo o eido temático da comisión elaboran proposicións de lei e preparan a discusión para o pleno dos proxectos de lei remitidos polo goberno; nelas comparecen membros do executivo, xa sexa por propia vontade ou por requirimento da comisión, para dar conta das súas tarefas.[5] Por exemplo, a Asemblea Nacional francesa na súa XVIª lexislatura (2022-2027) creou as seguintes comisións lexislativas: asuntos culturais, asuntos económicos, asuntos estranxeiros, asuntos sociais, defensa, desenvolvemento sustentable, finanzas e leis.[6]

Comisións non lexislativas editar

Carecen de iniciativa lexislativa, mais encárganse do traslado de peticións cidadás, axeitar a réxime interior da cámara, a supervisión de institucións públicas, a valoración de nomeamentos oficiais, ou realizar o seguimento de determinadas políticas, entre outras tarefas.[7] No Parlamento de Galicia, a comisión de regulamento, a de peticións, a do estatuto do deputados, a do control da CRTVG e a de relacións co Consello de Contas, son exemplos de non lexislativas.[8]

Comisión mixta editar

Existen nos parlamentos bicamerais e están integradas por membros de ambas as dúas cámaras. Un caso notable son as constituídas para resolver as diferenzas entre as cámaras no caso de que unha delas faga modificacións nun proxecto de lei que non son compartidas pola outra, tal e como acontece en Francia e nos Estados Unidos.[9][10]

Notas editar

  1. "Comisiones". Comisiones (en castelán). Consultado o 2023-08-21. 
  2. "Committees - European Parliament". www.europarl.europa.eu (en inglés). Consultado o 2023-08-21. 
  3. "Comisiones Parlamentarias". Asociación de periodistas parlamentarios (en castelán). Consultado o 2023-08-21. 
  4. "Parlementaire enquête Srebrenica (2002-2003)". www.parlement.com (en neerlandés). Consultado o 2023-08-21. 
  5. "Organización do Parlamento de Galicia". Parlamento de Galicia. Consultado o 2023-08-21. 
  6. "Commissions et autres organes". Assemblée nationale (en francés). Consultado o 2023-08-21. 
  7. Blanco, María (2020-12-30). "Las comisiones del Congreso, la ‘cocina’ de la actividad parlamentaria". Newtral (en castelán). Consultado o 2023-08-21. 
  8. "A composición dos organos do Parlamento de Galicia". Parlamento de Galicia. Consultado o 2023-08-21. 
  9. "Article 45 - Constitution du 4 octobre 1958 - Légifrance". www.legifrance.gouv.fr. Consultado o 2023-08-21. 
  10. "The Legislative Process". www.house.gov. Consultado o 2023-08-21.