Clementine
Clementine foi unha sonda espacial da NASA en colaboración coa BMDO lanzada o 25 de xaneiro de 1994 mediante un foguete Titan II SLV desde a Base Vandenberg da Forza Aérea para o estudo da Lúa e para probar novos sensores e compoñentes expostos ó espazo. No seu momento supuxo a primeira misión estadounidense á Lúa en 25 anos.[1][2][5][6]
Clementine | |
---|---|
Representación de Clementine cos paneis solares despregados. | |
Tipo | Sonda lunar e asteroidail / demostrador tecnolóxico |
Organización | NASA / BMDO |
Contratistas principais | Naval Research Laboratory |
Data de lanzamento | 25 de xaneiro de 1994, 16:34 GMT[1][2][3][4] |
Foguete portador | Titan II SLV[2][5] |
Sitio de lanzamento | Base Vandenberg da Forza Aérea[2][3][5][6] |
Obxectivo da misión | Estudo da Lúa e do asteroide 1620 Geographos e proba de novos sensores.[2][3][5] |
NSSDC ID | 1994-004A |
Masa | 227 kg (424 kg con propelente)[2][5][6] |
Dimensións | Prisma octogonal de 1,88 metros de alto e 1,44 metros de ancho.[2] |
Potencia | 360 vatios[2] |
Baterías | batería de níquel-hidróxeno cunha capacidade de 15 amperios-hora.[2] |
Características
editarClementine foi un proxecto da NASA e a Ballistic Missile Defense Organization para probar novos sensores e compoñentes para naves espaciais e para facer observacións científicas da Lúa e do asteroide 1620 Geographos. As observacións do asteroide non puideron ter lugar debido ao fallo do ordeador da nave o 17 de maio de 1994. As observacións da Lúa incluíron 1,6 millóns de fotografías en varias lonxitudes de onda no visible, no ultravioleta e no infravermello, altimetría mediante láser, gravimetría e medicións de partículas cargadas.[2]
A nave tiña forma de prisma octogonal de 1,88 metros de alto e 1,44 metros de ancho con dous paneis solares saíndo de lados opostos do octógono. Nun extremo do prisma situábase a antena de alta ganancia de 1,1 m que transmitía en banda S a unha velocidade de ata 128 kbps e no outro extremo atopábase o motor de 489 N de impulso. As aperturas para tódolos sensores localizábanse nunha das caras do octógono, a 90 graos dos paneis solares e protexidos por un cobertor. A propulsión da sonda estaba composta por un sistema de control de actitude alimentado con hidracina e un sistema de propulsión principal bipropelente para manobras no espazo alimentado con tetróxido de nitróxeno e monometil hidracina. O control de actitude era levado a cabo por 12 pequenos propulsores, con dúas cámaras seguidoras de estrelas e dúas unidades de guiado inercial proporcionando a información de posición.[2][6]
Clementine estabilizábase nos tres eixos unha vez en órbita lunar mediante volantes de inercia cunha precisión de 0,05 graos no control de actitude e 0,03 graos na determinación da posición. Os paneis solares, de arseniuro de galio e xermanio, alimentaban unha batería de hidruro de níquel cunha capacidade de 15 amperios-hora. O control e comando a bordo corría a cargo dun procesador MIL-STD-1750A. Os datos podíanse gardar a bordo nunha grabadora de estado sólido de 2 Gbit de capacidade.[2][6]
Instrumentos
editarClementine levaba a bordo sete experimentos, que conformaban unha carga útil de 8 kg, consumindo 68 vatios:[2]
- Unha cámara para o visible e o ultravioleta.
- Unha cámara para o infravermello próximo.
- Unha cámara para o infravermello remoto.
- Unha cámara de alta resolución.
- Dúas cámaras seguidoras de estrelas.
- Un altímetro láser.
- Un telescopio de partículas cargadas.
Perfil da misión
editarA misión de Clementine tivo lugar en dúas fases. Despois do lanzamento fixo dous sobrevoos da Terra antes da inserción en órbita lunar, desde a cal cartografiou a superficie durante dous meses, despois dos cales partiu de novo cara a Terra, á que sobrevoou outras dúas veces antes de dirixirse cara ao asteroide Geographos, chegando tres meses máis tarde pero non sendo capaz de facer observacións debido a un problema do ordenador de a bordo que provocou que a sonda xirase sobre si mesma a 80 r.p.m. Despois do fallo a nave foi posta nunha órbita xeocéntrica, facéndoa pasar a través dos cintos de Van Allen para probar os seus compoñentes. A misión rematou en xuño de 1994, ao baixar a enerxía por debaixo do punto no que a telemetría era comprensible.[2][6]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "CLEMENTINE 1 (DSPSE)" (en inglés). Consultado o 18 de maio de 2012.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 NASA (14 de maio de 2012). "Clementine" (en inglés). Consultado o 18 de maio de 2012.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Note verbale dated 8 June 1994 from the Permanent Representative of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (94-24327(E)). 9 de xuño de 1994: 11. Consultado o 18 de maio de 2012.
- ↑ Claude Lafleur (2019). "Clementine 1 / DSPSE" (en inglés). Consultado o 29 de xaneiro de 2019.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2012). Gunter's Space Page, ed. "Clementine (DSPSE)" (en inglés). Consultado o 18 de maio de 2012.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Mark Wade (2011). "Clementine" (en inglés). Consultado o 18 de maio de 2012.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Clementine |