Cláudio Basto

etnógrafo e filólogo portugués

Cláudio Filipe de Oliveira Basto, nado en Viana do Castelo o 13 de agosto de 1886 e finado en Carcavelos o 2 de maio de 1945, foi un etnógrafo e filólogo portugués[1].

Infotaula de personaCláudio Basto

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento23 de agosto de 1886 Editar o valor em Wikidata
Viana do Castelo, Portugal Editar o valor em Wikidata
Morte2 de maio de 1945 Editar o valor em Wikidata (58 anos)
Carcavelos, Portugal (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadePortugal
Reino de Portugal Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónlingüista , romanista Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoEtnografía e filoloxía
LinguaLingua portuguesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeHermínia Costa de Oliveira Basto
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Fixo os estudos de ensino secundario en Viana do Castelo, o curso xeral, e en Braga os estudos complementarios. Fixo o curso médico cirúrxico na Facultade de medicina do Porto, defendendo a tese Alma doente (a génese da psicastenia). Participou na folga académica de 1907, sendo un dos organizadores no Porto, e está entre os alumnos que rexeitaron ser exculpados, non presentándose ós exames. Nesa época fundou xunto con Leonardo Coimbra, Jaime Cortesão e Álvaro Pinto a revista Nova Silva, da que se desligou cando no segundo número se fixo crítica de Afonso Costa. Concluíu os estudos no 1911, amante da súa terra e de espírito eminentemente pedagóxico, practicamente non vai exercer en medicina.

Casou no 1917 en Lisboa, coa súa colega de profesión Hermínia Costa de Oliveira Basto, con quen tivo un fillo. A actividade principal foi a docencia; no instituto de Viana do Castelo, onde estudara, impartiu as disciplinas de Letras e de Ciencias, tamén impartiu clases de ensino secundario, ensino superior e clases de ensino técnico. Exerceu durante algúns anos funcións de médico escolar; do 1911 ó 1926. En 1944 afastouse da actividade docente por motivos de saúde.

Exerceu durante a súa etapa de profesorado actividade relacionadas coa investigación e divulgación científica, centrando o seu interese na etnografía e na filoloxía, dedicando parte fundamental da súa obra ó estudo da cultura tradicional do Alto Minho[2][3].

Foi fundador ou co-fundador das revistas Límia, Lusa e Portucale entre outras, deixando numerosos artigos breves sobre a lingua portuguesa nas revistas que dirixía ou nas que colaborou[1]. Hai un busto de Cláudio Basto creado por Manuel Rocha en Viana do Castelo[4].

Obra editar

Estudos etnográficos na Revista Lusitana editar

 
Portada de Revista Lusitana nº 31 (1933).

O seu primeiro traballo filolóxico de certa extensión, «Falas e tradições do distrito de Viana do Castelo», foi publicado na Revista Lusitana (nº 13, 1910), que fundara José Leite de Vasconcelos no 1889.

En «Nomes das "agulhas" sêcas», Revista Lusitana (nº 19, 1916) describe os nomes para denominar á folla do piñeiro no norte de Portugal, indicando os lugares onde se emprega cada termo.

Fai un coidadoso estudo acerca da «"Saudade" en Português e Galego», publicado na Revista Lusitana (nº 17, 1914), e despois en separata o ano seguinte, un ensaio en sete páxinas sobre as diferentes formas de "saudade". E sobre o tema apunta Cáudio Basto varios exemplos de formas recollidas principalmente no libro Follas Novas de Rosalía de Castro[5].

Non topo, en verdade, estudo máis grato que o do vocábulo saudade, o cal vivindo na lingua dos dous pobos, xunguíndoos a dozura dos co-dialectos e os temperamentos iguais, é sen dúbida un dos máis agarimosos e expresivos vencellos de consanguinidade, ou mellor, de unidade.
Cláudio Basto[6]

Outros traballos etnográficos editar

En 1930 publicou Traje à Vianesa[7], iniciada en 1923 coma un breve ensaio titulado «Do Traje "à vianesa" em geral e do traje de Alfife em especial», configurando os estudos relativos ó traxe popular[2].

Cláudio Basto ocupouse con frecuencia de asuntos que até ese momento non suscitaran interese nos filólogos: «A linguagem dos gestos em Portugal (esbôço etnográfico)», na Revista Lusitana (nº 36, 1938); «Formação popular de "nomes-de-unidade"», en Miscelânea de estudos em honra de D. Carolina Michaëlis de Vasconcellos (1933), onde recompila palabras coa terminación –eiro, que no canto de colectivo, fan referencia a obxectos individuais, polo menos entre a xente do norte de Portugal; «Formas de tratamento, em português», Revista Lusitana (29, 1931).

Nas revistas que dirixiu ou nas que colaborou, lémbrese que foi fundador ou co-fundador de varias revistas, deixou numerosos artigos breves sobre a lingua portuguesa, resaltando o uso popular pándego, etimoloxías inesperadas ou algunha explicación de ortografía.

Labor enciclopédica editar

Tamén cabe sinalar seu labor de recensión; como a serie de «Nótulas ao Novo Dicionário», publicadas na Fôlha de Viana (1913-1916) sobre a obra de Cândido de Figueiredo. Escribiu algunhas noticias biográficas de filólogos; sobre Gonçalves Viana, na Revista Lusitana (nº 17, 1914), de Teófilo Braga, Revista Lusitana (nº 28, 1930), de Mário Barreto, en Portucale (nº 4, 1931). Fai para a Enciclopédia Portuguesa e Brasileira (1943) algúns artigos, merece resaltar o referido a «Dialectos portugueses», onde o filólogo vianés fai unha revisión bastante completa da dialectografía portuguesa.

Estudos literarios editar

Realizou algúns traballos que teñen certo interese no referente ós estudos literarios: A linguagem de Camilo (1927), sobre Camilo Castelo Branco; A linguagem de Fialho (1917), sobre Fialho de Almeida; Foi Eça de Queirós um plagiador? (1924), sobre Eça de Queirós. Preparou a edición anotada de Os Lusíadas (1930), escribindo amais outros artigos de camonoloxía.

Obra literaria propia editar

Ten ademais obra de cronista, novelista e poeta: Ironia Galante (1912); Flores do frio (1922); O Doutor Diabo (1928)[1].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 História da Língua Portuguesa em linha. Biografías: Cláudio Filipe de Oliveira Basto Arquivado 20 de agosto de 2012 en Wayback Machine.. Instituto Camões, en portugués.
  2. 2,0 2,1 MatrizPCI: Basto, Cláudio Filipe de Oliveira Arquivado 16 de decembro de 2014 en Wayback Machine., en portugués.
  3. e-médico+ Cláudio Basto Arquivado 16 de decembro de 2014 en Wayback Machine., en portugués.
  4. Busto a Cláudio Basto. "Por iniciativa de Viana do Castelo erixiuse este busto a Cláudio Filipe de Oliveira Basto".
  5. Actas do Congreso internacional de estudios sobre Rosalía de Castro e o seu tempo (1986), Universidade de Santiago de Compostela.
  6. Sebastián Martínez-Risco (1979): O mar e a saudade; Biblioteca Virtual Galega. Universidade da Coruña.
  7. Fraguas, A. (15 de novembro de 1931). "Basto, Claudio. Traje a Vianesa". Nós (95): 218. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Hermínia Basto, como organizadora: Miscelânea de Estudos à Memória de Cláudio Basto, contando coa colaboración de corenta escritores e amigos que conviviran con el. Porto (1948).