O ciclo da alanina ou ciclo da alanina-glicosa, ciclo da glicosa-alanina ou ciclo de Cahill é un ciclo de reaccións metabólicas bastante parecido ao ciclo de Cori, que se establece cando o organismo produce gran cantidade de alanina no músculo, a cal vai por vía sanguínea ao fígado onde será convertida en glicosa por gliconeoxénese á vez que se elimina nitróxeno no ciclo da urea. O ciclo é un modo de producir enerxía a partir de aminoácidos á vez que se elimina o grupo amino que conteñen, que é potencialmente tóxico.

Esquema do ciclo da alanina.

No músculo pode producirse alanina (o aminoácido máis corrente) principalmente de dúas maneiras: por transaminación entre o glutamato e o piruvato pola acción da alanina transaminase, ou cando os aminoácidos das proteínas musculares se degradan para ser utilizados como combustible metabólico, cando se está nun estado de inanición. O piruvato orixinouse a partir da glicosa por medio de glicólise, polo que cando a glicólise é moi activa prodúcese moito piruvato. O glutamato, pola súa parte, recolle o amonio procedente das desaminacións, e ao pasarllo por transaminación ao piruvato, este amonio acabará no fígado levado pola alanina.[1]

A alanina formada pasa ao sangue e chega ao fígado. Nos hepatocitos, a alanina transferase (ALT) pasa por transaminación o grupo amino da alanina ao α-cetoglutarato, formando piruvato e glutamato. Aquí, o glutamato pode ceder o seu grupo amino ao ciclo da urea, que pasará a formar parte da urea, que será excretada. Por tanto, esta é unha forma de eliminar grupos amino nitroxenados.

Pola súa parte, o piruvato producido utilízase como metabolito para a gliconeoxénese hepática, polo que a partir del se formará glicosa. A glicosa producida regresa polo sangue ao músculo, onde poderá utilizarse como combustible respiratorio para producir enerxía ou almacenarse como glicóxeno.

O ciclo da alanina serve para:

  • Producir glicosa por gliconeoxénese a partir de aminoácidos (alanina). Recicla os esqueletos carbonados de moléculas entre o músculo e o fígado.
  • Transportar amonio ao fígado para que sexa convertido en urea, evitando así a súa toxicidade.

Ciclo de Cori editar

Artigo principal: Ciclo de Cori.

Os ciclos de Cori e da alanina son parecidos pero non deben confundirse. O ciclo de Cori ten lugar cando o músculo queda en anaerobiose por estar realizando un exercicio moi intenso. O ciclo da alanina ten lugar cando se produce gran cantidade de alanina no músculo, principalmente cando hai moita transaminación co piruvato ou se degradan proteínas por estar en inanición. No ciclo da alanina non hai fermentación e non se produce lactato (polo que tampouco se recicla o NADH a NAD+); no de Cori si. O grao de reciclaxe do esqueleto carbonado da glicosa no ciclo da alanina é dun 50 % comparado coa reciclaxe do ciclo de Cori [2].

Notas editar

  1. A. Lehninger. Principios de Bioquímica. Omega. 1988. Páxinas 546-547. ISBN 84-282-0738-0
  2. Philip Felig. The glucose-alanine cycle
  • David L. et al "Lehninger - Principios de Bioquímica" 4° Edición. Editorial Omega. Ano 2005. ISBN 9788428214100
  • Trudy Mckee et al "Biochemistry: The Molecular Basis of Life" 3° Edición. Editorial McGraw-Hil. Ano 2004 ISBN 0195305752
  • Pacheco Leal "Bioquímica estructural y aplicada a la médicina" 1° Edición. Editorial : Instituto Politécnico Nacional. Ano 2001 ISBN 968-29-8781-4

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar