Casa da Especiaría

institución comercial da Coroa de Castela na Coruña no século XVI

A Casa de Contratación da Especiaría, tamén chamada Casa da Especiaría, foi unha institución que tivo a súa sede na Coruña entre 1522 e 1529.

Antecedentes Editar

Tralo descubrimento por Cristovo Colón en 1492 do que se cría que era unha nova ruta para as Indias, sucedéronse unha serie de acontecementos que tiñan por obxecto a regulación e o control do comercio por parte dos Reis Católicos. O máis significativo deles foi a fundación en 1503 da Casa de Contratación de Indias en Sevilla, co obxectivo de controlar e rexistrar o comercio de todas as mercadorías e subministracións relacionadas co comercio das Indias, así como fiscalizar todas as mercadorías (sobre todo ouro e prata) provenientes dos novos territorios.

As terras descubertas polos españois producían riquezas, mais axiña quedou claro que non eran a India á que chegaran os portugueses navegando cara ao leste e de onde a partir de 1500 comezaron a levar a Europa grandes cantidades de especias. A monarquía española organizou varias expedicións navais para atopar un paso marítimo arredor de América. Tras varios intentos infrutuosos, en 1519 partiu unha armada ao mando de Fernando de Magalhães con esa mesma misión.

Concesión e funcionamento Editar

 
Retrato de Carlos I de España

En 1520, aproveitando a estadía en Galicia do rei Carlos I, algúns nobres locais, entre os que destacaba Fernando de Andrade, solicitaron que se centralizase no porto da Coruña todo o comercio de especias que ía abrirse a raíz da expedición de Magalhães.[1] Argumentaban que A Coruña era un porto moi seguro, que non tiña os foros e liberdades que limitarían o poder da coroa noutros portos cantábricos e sobre todo que estaba máis preto que Sevilla dos mercados clave de especias no noroeste de Europa.[2] O concello apoiou a idea cun memorando que enviou ao rei o 11 de decembro de 1520.[1]

O xa emperador Carlos concedeu á cidade da Coruña o 24 de decembro de 1522,[3] a licenza para a creación da Casa da Especiaría. Este decreto foi pouco posterior á volta a España da única nave sobrevivente da expedición de Magalhães, baixo o mando de Juan Sebastián Elcano.

Os primeiros oficiais da Casa foron Bernardino Menéndez, como tesoureiro, e o poderoso mercador de Burgos Cristóbal de Haro como factor, ao que sucedeu Simón de Alcazaba.[2]

Un dos persoeiros relevantes que intercederon en favor da creación desta Casa da Especiaría na Coruña foi García Jofre de Loaísa, que, xunto cun poderoso grupo de comerciantes, se comprometeu a sufragar e liderar unha expedición con obxecto de tomar posesión das illas Molucas para a Corona. A expedición partiu en 1525 e foi moi desafortunada.

A creación da Casa da Contratación da Especiería supuxo un importante pulo económico para A Coruña, mais tamén converteu a cidade nun atractivo obxectivo para os piratas e os inimigos da coroa. En calquera caso, a duración da institución foi breve, xa que en 1529, só sete anos despois da súa creación, cando a expedición de Jofre de Loaísa aínda non regresara, se produciu a súa desaparición como resultado dos acordos acadados entre España e Portugal no tratado de Zaragoza.[1] Neste tratado, o emperador cedeu a Portugal os seus dereitos sobre as Illas das Especias a cambio de 350 000 escudos de ouro.[4]

Notas Editar

  1. 1,0 1,1 1,2 La Casa de la Especiería de La Coruña
  2. 2,0 2,1 Szászdi León-Borja, István (2003). "La Casa de Contratación de Sevilla y sus hermanas indianas". En Acosta Rodríguez, Antonio; González Rodríguez, Adolfo Luis; Vila Vilar, Enriqueta. La Casa de la Contratación y la navegación entre España y las Indias. Sevilla: Universidade de Sevilla, Consello Superior de Investigacións Científicas, Fundación El Monte. pp. 101–128. ISBN 978-84-00-08206-2. 
  3. Barreiro Fernández 1986, p. 211.
  4. Barreiro Fernández 1986, p. 216.

Véxase tamén Editar

Bibliografía Editar

  • Céspedes del Castillo, Guillermo. Las Indias en tiempos de los Reyes Católicos. 
  • Historia de España y de América social y económica II (4ª ed.). Barcelona: Vicens Vives. 1982. 
  • Barreiro Fernández, José Ramón (1986). Historia de la Ciudad de La Coruña (en castelán). A Coruña: La Voz de Galicia. 
  • Eiras Roel, Antonio (2000). El Reino de Galicia en la época del Emperador Carlos V. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 

Ligazóns externas Editar