Cistus

xénero de plantas
(Redirección desde «Carpaza»)

Cistus é o xénero botánico que abrangue as difentes especies de gamallos chamados comunmente carpaza, xara, esteba, estepa ou carrasca (non confundir cos nomes comúns das urces). Forman parte importantísima das matogueiras especialmente mediterráneas e algunhas son especies pioneiras na recuperación de solos degradados, especialmente tras os lumes. De feito o seu espallamento vese favorecido por eles; son especies pirófilas cuxas sementess abren e xermolan antes axudadas polo lume. En Galicia son comúns nas matogueiras das zonas máis secas, compartindo ecosistema con uces ou breixos, toxos e queiroas. Tamén aparecen nas formación de piñeiro bravo.

Descrición

editar

Son sempre plantas perennifolias, arbustivas, leñosas, que forman parte do sotobosque temperado-mediterráneo, ou o substitúen en etapas de degradación deste; en calquera caso, adoitan formar masas compactas que cobren totalmente o territorio en que habitan, formando un mato mesto, combinado con uces e queiroas. As flores son regulares, hermafroditas e con cinco grandes pétalos a miúdo enrugados que caen facilmente da flor. Os seus numerosos estames producen gran cantidade de pole, que atrae a moitos insectos, como as abellas que producen o coñecido mel de carpaza. Os seus froitos son cápsulas formadas por 5 ou 10 follas carpelares, que se abren á madureza en 5 ou 10 cavidades con numerosas sementes. A madeira da estepa común Cistus ladanifer, por ser durísima úsase na fabricación de pequenas ferramentas ou pezas que poidan sufrir rozamento, e tamén coma excelente leña.

Especies

editar
  • Cistus monspeliensis L., estepa negra. Gamallo duns 80 cm, que medra en solos pobres e asollados e que non atura as xeadas. A súa distribución limítase ás zonas baixas e cálidas da rexión mediterránea e até as illas Canarias (incluído Montpellier, no sur Francia, de aí o nome).
  • Cistus salviifolius L., carpaza moura. Mato que non supera o metro de altura e é das máis frecuentes na matogueira mediterránea, aínda que rara vez é dominante. Follas miúdas e cubertas de peliños e nerviación reticulada, o que as asemella ás da xarxa; tense usado coma adstrinxentes en Marrocos e en Grecia como sucedáneo do té.
 
C. albidus.
  • Cistus laurifolius L., carpaza de montaña. Arbusto máis pequeno que o anterior, medra a maior altitude e distínguese del, ademais do talle, polas follas máis largas e onduladas como as do loureiro e menos recendente e pegañento, ademais as súas flores son máis miúdas e teñen nos seus pétalos brancos unha mancha amarela.
  • Cistus albidus L., carpaza branca. Arbusto de entre 50 e 100 cm de altura, non moi ramosa, con follas de cor abrancazada, moi tomentosas, sen peciolo, opostas e con tres nervios moi marcados. É unha das poucas especies que non teñen flores brancas, senón rosadas, de 5 cm de diámetro e solitarias ou en grupos de tres ou catro, na terminación das poliña. Dáse en calquera tipo de solo na súa área de distribución (mediterráneo), aínda que prefire os ricos en cal. Adóitase usar en xardinaxe.
 
C. ladanifer.
  • Cistus ladanifer L., carpaza do ládano, estepa. Gamallo de até 2,5 m de altura, cuxas follas, alongadas e estreitas están abundantemente imbuídas dunha substancia pegañenta o ládano, resina fortemente fragante, que lles dá un aspecto brillante e se cola facilmente ás mans e á roupa. As súas flores son moi grandes (10 cm) e con cinco pétalos brancos que, na variedade maculatus, presentan unha mancha púrpura na base. É a especie máis frecuente na rexión mediterránea occidental, tamén en Galiza, asociándose co carballo cerquiño (Quercus pyrenaica).
 
C. populifolius.
  • Cistus populifolius L., carpaza macho. Do mesmo tamaño ca C. laurifolius, medra nos mesmos locais ca C. ladanifer ocupando os lugares máis umbríos (por ser especie menos heliófila) e máis frescos. As follas son simples, opostas, longamente pecioladas, estreitadas na punta e acorazonadas na base, de xeito que se asemellan ás do lamigueiro (Pópulus spp.). As flores nacen en longos pedúnculos en forma de corimbos e son brancas e moi vistosas polo que, ás veces é cultivada coma planta ornamental.
Existen outras especies de estepas cos pétalos de cor rosa, como Cistus crispus L. con follas rizadas, Cistus incanus L. da illa de Mallorca ou Cistus heterophyllus Desf..

Especies seleccionadas

editar

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar