Campo Municipal de Fútbol Ara Solis

campo de fútbol en Duio, Fisterra

O Campo Municipal de Fútbol Ara Solis é unha instalación dedicada á práctica do fútbol, localizada no lugar de San Martiño de Abaixo, na parroquia de San Martiño de Duio. O seu propietario é o Concello de Fisterra e nel xoga os seus partidos como local a Sociedad Deportiva Fisterra.

Campo Municipal de Fútbol Ara Solis
Datos
Coordenadas42°54′53″N 9°16′11″O / 42.914722222222, -9.26975
LocalizaciónCabello s/n, 15155 San Martiño de Duio, Fisterra, Galiza
Construción
Inauguración2002
Estadio
SuperficieHerba artificial
Capacidade200
PropietarioConcello de Fisterra
LocalíaSD Fisterra
Eventos
Copa da Costa
editar datos en Wikidata ]

O seu terreo de xogo é de céspede artificial e conta cunha bancada cuberta con capacidade para unhas 200 persoas[1][2][3].

Historia

editar

O nome de Ara Solis obedece á tradición, que di que no monte de Cabo Fisterra os romanos atoparon un altar ao sol (Ara Solis) construído aí polos pobos que habitaran esas terras antes da romanización. Nese monte atópanse os restos arqueolóxicos de Vilar Vello que aínda non foron escavados nin estudados, así como a ermida de San Guillerme, moi relacionada coa cristianización duns lugares pagáns destinados a ritos de fertilidade.

Foi oficialmente inaugurado o 17 de agosto de 2002 cun encontro entre a SD Fisterra e a SD Compostela no chamado Trofeo Peregrino, poucos días despois de que o conxunto local celebrara o seu corenta aniversario. Aínda que en realidade, foi a reinauguración dun recinto mellorado, porque o campo levaba na zona que os fisterráns coñecen como da Charca de toda a vida, agora rodeada de vida urbanística, ademais do instituto ou o polideportivo, mais antigamente, aquilo era un descampado e, a leira, case que unha xunqueira, segundo os veciños máis vellos do lugar[4].

O 17 de agosto de 2009, produciuse a "inauguración administrativa". Xa que desde entón o Campo de Fútbol Ara Solis é de titularidade municipal. Até esa data, era autonómica, e antes, o seu dono fora o Movimiento Nacional, que coa transferencia de competencias a comezos dos anos oitenta pasou ser de competencia autonómica. No primeiro Consello da Xunta de agosto de 2009, o Goberno de Feijoo aprobou a cesión gratuíta da propiedade (até entón era unha cesión de uso que había que anovar periodicamente), o que se fixo efectivo co anuncio do Diario Oficial de Galicia. De feito, neste traspaso non se falaba do campo de fútbol en sentido estrito. A efectos burocráticos, no é tal. Trátase formalmente dunha «parcela de 12.399 metros cadrados denominada campo de Fútbol Ara Solis», como podería chamarse Camposa, Tilleira ou Trigueira. E é que está situada nos límites da parroquia que é capital municipal, mais que formalmente corresponde a San Martiño de Abaixo. No documento de cesión detalláronse todos os lindeiros e os seus titulares. A Xunta advertiu que «o inmoble deberá destinarse a actividades deportivas». E, se non se fai así ou se mantén mal, volverá á Consellaría de Facenda, que é quen o cedeu[4].

A Deputación Provincial da Coruña destinou 340.000 euros en 2010 para financiar, entre outras, as obras de instalación de céspede artificial. As obras consistiron en dotar a esta infraestrutura deportiva de terreo de xogo de herba sintética de última xeración, lastrada con area de sílice e caucho, coas súas correspondentes marcaxes para a práctica de fútbol 11 e fútbol 7, así como porterías fixas para fútbol 11 e móbiles para fútbol 7. Tamén se executou a rede de drenaxe con colector de saneamento enterrado de PVC, un grupo de presión contra lumes, rede de rega perimetral con estación de control programábel e 6 canóns de rega. A achega provincial supuxo o 100% do investimento previsto[5]. A estrea da nova superficie tivo lugar cun encontro da Liga da Costa entre a SD Fisterra e o Carnota o 18 de decembro dese mesmo ano[6].

  1. José M. Ferreiro. La Voz de Galicia (24 de febreiro de 2016). "Sp. Zas, San Lorenzo, Ponteceso y Fisterra, los candidatos al título". Consultado o 14-04-2016. 
  2. A. G. Depor Sport (18 de abril de 2011). "Giro en Ara Solis". Archived from the original on 26 de abril de 2016. Consultado o 09 de abril de 2022. 
  3. "FICHA PARTIDO FISTERRA - BAIO". sdfinisterre.260mb.com. Arquivado dende o orixinal o 23-04-2016. Consultado o 14-04-2016. 
  4. 4,0 4,1 Galicia, La Voz de. "Del Movimiento al Concello de Fisterra, pasando por la Xunta". www.lavozdegalicia.es. Consultado o 2016-04-14. 
  5. "A Deputación da Coruña destina 340.000 euros para dotar de céspede artificial ao campo de fútbol Ara Solis, en Fisterra". www.dicoruna.es. Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2016. Consultado o 2016-04-14. 
  6. Rafa G. Solano. Depor Sport (18 de decembro de 2010). "Ara Solis contra el ‘carnotazo’". Archived from the original on 26 de abril de 2016. Consultado o 14-04-2016.