Coalición Progresista Galega

(Redirección desde «CPG»)

Coalición Progresista Galega, foi unha coalición de partidos galeguistas e de centro que nas eleccións municipais de 10 de xuño de 1987, foi a terceira forza política de Galicia.

Xénese

editar

A Coalición Popular nucleada por AP crebara, polo que o PDP en Galicia empezou a ensaiar unha retórica galeguista con reminiscencias do vello Partido Galego Independente. Pola súa parte, o Partido Liberal tentaba tamén consolidarse na realidade política galega.

Pola súa parte, Coalición Galega, que se consolidara como a terceira forza política de Galicia nas eleccións autonómicas e nas anteriores municipais, acababa de sufrir a escisión do Partido Nacionalista Galego. Mentres unha anterior escisión, Centristas de Galicia, ía en coalición con AP.

Nesta conxuntura, o 11 de abril de 1987, Fernando García Agudín, por Coalición Galega, Enrique Marfany, polo PDP e José María Pardo Montero polo Partido Liberal constituíron na Coruña a Coalición Progresista Galega, cunha mensaxe municipalista, galeguista e de centro [1]. Non conseguiron unha boa implantación na provincia de Pontevedra onde se formou Independentes de Galicia, moitos de cuxos notables acabarán integrándose máis tarde en Coalición Galega.

Resultados

editar

A Coalición Progresista Galega acadaría a terceira posición moi por diante do CDS, o seu competidor no espazo de centro, e do BNG, que nun proceso de moderación do seu discurso aparecía xa disputando electorado nacionalista de centroesquerda. O outro potencial competidor, o PNG, conseguira resultados moi cativos.

En total, a CPG acadou 610 concelleiros e 54 alcaldías (a segunda forza política, o PSOE, só atinxiría dúas máis). Na cidade de Lugo o seu candidato, Vicente Quiroga, facíase coa alcaldía.

Evolución

editar

A Coalición Progresista Galega, aproveitando o baixón de AP na Coruña (de 528 concelleiros da agora esgazada Coalición Popular a 339), ofertou o seu apoio ao candidato do PSOE, Salvador Fernández Moreda, para obter a Deputación da Coruña. Pero unha negociación de Enrique Marfany con candidato de AP José Manuel Romay Beccaría, propiciou o acceso ao cargo deste último[2]. Reproducíanse as tensións que sufrira Coalición Galega no Parlamento de Galicia.

José Rivas Fontán, o máis notable alcalde de Independientes de Galicia acabou ingresando en Coalición Galega, da man do novo líder de Coalición Galega Xosé Luís Barreiro Rivas.[3] Os seus excompañeiros, encargáranse de que ámbolos dous tivesen serios problemas coa xustiza.

  1. A gran historia de Galicia XIV, volume 2. Edicións La Voz de Galicia, 2007, pax. 78.
  2. A gran historia de Galicia. Opus cit. pax 82
  3. Xosé de Cora. Barreiro contra Barreiro. Edicións Xerais, Vigo, 1990, pax.276