As Bufonias (en grego antigo Βουφόνια "matanza dun boi") eran unha cerimonia da Antiga Grecia. Eran coñecidas na época de Aristófanes (século -V) e celebrábanse aínda na época de Pausanias (século II). Formaban parte das festividades das Dipolias atenienses e tiñan lugar o día 14 do mes de Sciroforion (verán).

A principal fonte de información sobre as Bufonias é unha obra do filósofo grego Teofrasto (século -IV). O devandito tratado perdeuse, pero consérvanse fragmentos de numerosos extractos grazas a Porfirio.

Na versión de Teofrasto/Porfirio, ás veces é difícil diferenciar entre o que podería ser a forma primitiva do rito e dos usos en vigor na época de Teofrasto. As informacións achegadas por Pausanias diverxen nalgúns puntos das dos mencionados filósofos, o que podería indicar unha evolución do rito ao fío dos séculos.

Diipolia editar

Chamábase tamén Diipolia, porque se celebraba no santuario de Zeus Polieo ou "protector da cidade". Conta Pausanias que se puña sobre o altar deste deus cebada mesturada con trigo e os sacerdotes non permitían que ninguén se achegase a el. O boi que debía servir de vítima comía un pouco deste gran ao aproximarse ao altar e o sacerdote destinado a inmolalo matábao dun golpe de segur e escapábase ao momento. Os asistentes, ao que desaparecía o sacerdote, clamaban xustiza contra a segur e procesábase: obrábase así porque antigamente era delito capital o matar un boi, animal que era considerado necesario aos homes para o cultivo da terra.

O mito editar

Pausanias di que na época de Erecteo foi sacrificado un boi no altar de Zeus Polieo; o asasino partiu ao exilio abandonando a súa machada no altar[1]. Dita machada foi acusada e absolta nun xuízo. Tempo despois as Bufonias reproduciron este proceso xudicial.

En canto a Porfirio, o seu texto consta de dúas versións sobre a orixe do rito. Segundo unha, durante unha festa dipolia un boi comía unha especie de torta sacra[2]. Diomos, un sacerdote, coa axuda doutras persoas presentes, mata e degolla ao boi.

Segundo a outra versión, o primeiro boi era matado, non por un sacerdote senón por un individuo de rango inferior de nome Sopatros[3]. Este preparara ofrendas para ofrecer aos deuses e un boi de laboreo devorou e pisou os campos. Encolerizado, Sopatros apoderouse dunha machada que estaba a ser afiada e golpeou o animal. Unha vez morto e enterrado o boi, Sopatros tomou conciencia do seu acto e ao considerar que incorrera en impiedade, exiliouse. A continuación unha seca sacudiu a Ática e un oráculo declarou que Sopatros tería que pór termo a esta situación, que tería que pór en pé ao morto despois de telo matado e comido e que o que o asasinou debía ser castigado. Entón, Sopatros solicitou ser admitido como cidadán e propúxose a si mesmo para matar o boi durante o sacrificio que organizaba a cidade, a condición de que os outros cidadáns participasen.

O sacrificio desenvolveuse da seguinte maneira: dúas mulleres foron designadas e achegaron a auga para afiar a machada e un coitelo, despois unha delas deu a machada ao que golpearía ao boi e a outra o degolou para baleiralo do seu sangue. O boi morto era a continuación preparado e consumido por todo o mundo durante un banquete. «Reconstruíase» logo o animal coa súa pel e con palla, a res «resucitada» era posta baixo o xugo para pola a laborear. A continuación organizouse un xuízo no que todos os protagonistas foron acusados por quenda e se redimiron designando ao máis culpábel diso; as hidróforas (portadoras de auga acusaron o afiador, quen acusou o afiador, que acusou a un que lle agarrou a machada e así sucesivamente ata que o degolador denunciou ao coitelo que lle deron. O coitelo, sen resposta, aceptou a responsabilidade polo crime e foi botado ao mar.

O ritual editar

Segundo Teofrasto/Porfirio, desde aquela época o sacrificio do boi das festas Dipolias desenvolvíase lembrando este suceso[4]. As galletas depositábanse no altar de Zeus, ao redor do cal daban voltas bois. Cando unha das reses se aproximaba ao altar e devoraba as ofrendas, era abatido inmediatamente e degolado, e esnaquizado para ser comido durante un banquete. Tres familias sacerdotais estaban encargadas das diferentes etapas do ritual:

  • Os butypoi (βουτύποι / os golpeadores de bois), que descendían de Sopatros.
  • Os centriadas (κεντριάδαι / os condutores de bois), que descendían do que conduciu os bois ao redor do altar.
  • Os daitrus (δαίτρους / os convivios), que descendían do que degolou ao boi.

Segundo Pausanias, o rito (na súa época) parecía máis modesto e parecía pór o acento sobre a «culpa», aspecto que non aparece en Teofrasto/Porfirio. O boi sacrificado era previamente escollido e facíaselle comer a cebada e o trigo colocados no altar. O boi era executado por un sacerdote (o bufonos/βουφόνος), que debía exiliarse e a súa machada era xulgada no Pritaneo.

Quíxose ver no rito das Bufonias a expresión dun sentimento de culpabilidade dos gregos cara ao sacrificio de animais durante os seus ritos; a tradución da gran repulsión fronte a un acto bárbaro considerado arcaico, e/ou o desperdicio das forzas vivas necesarias nos traballos agrícolas[5].

Notas editar

  1. Pausanias I.28,10
  2. Porfirio, De abstinentia, II.10.2
  3. Porfirio, De abstinentia, II.29-30; a fonte aquí de Porfirio é Teofrasto, pero este último utilizou probabelmente unha fonte máis antiga
  4. que sería o primeiro sacrifico dun bovino
  5. Cf. Unha lei ática transmitida por Claudio Eliano, Varia Historia V.14

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar