As bilinas,[1] entre as que están algúns pigmentos biliares,[2] son pigmentos biolóxicos formados en moitos organismos como un produto metabólico de certas porfirinas. Tamén se chaman bilicromos. Quimicamente as blinas son moléculas lineares formadas por catro aneis de pirrol (son tetrapirrois). As bilinas reciben o seu nome pola bile dos mamíferos, onde se encontran pigmentos biliares, pero poden encontrarse tamén en vertebrados inferiores, invertebrados, así como en algas vermellas, plantas verdes e cianobacterias. As bilinas poden variar en cor desde o vermello, laranxa, amarelo ou marrón ata o azul ou verde.

A biliverdina é unha bilina ou bilatrieno. Ten tres dobres enlaces (grupos metino -CH=) entre un anel e outro (en vermello).
A bilirrubina, un pigmento biliar biladieno amarelo, é un produto da degradación do hemo. Ten dous dobres enlaces entre aneis.
A estercobilina é un pigmento bileno. Ten un dobre enlace entre aneis.
O estercobilinóxeno é un bilano, xa que os enlaces entre un anel e outro son simples.

Un pigmento biliar do metabolismo humano é a bilirrubina (un biladieno). Outro é a biliverdina (unha bilina), que se encontra na bile de anfibios e aves e máis raramente na humana. Ambos os dous son produtos de degradación do grupo hemo da hemoglobina, o cal se transforma en biliverdina e despois esta en bilirrubina.

Ademais das bilinas de vertebrados, outro exemplo de bilina é a ficocianobilina, o cromóforo do pigmento fotosintético ficocianina de algas e plantas. Nas plantas, as bilinas tamén serven como fotopigmentos da proteína fotorreceptora fitocromo. Un exemplo dunha bilina de invertebrado é a micromatabilina, que é responsable da cor verde da araña Micrommata virescens.[3]

Segundo as recomendacións da IUPAC de 1986 para a nomenclatura de tetrapirrois, o nome bilina está agora restrinxido á molécula parental totalmente oxidada, mentres que as formas menos oxidadas reciben os nomes de bilano, bileno e biladieno. Os nomes proceden dos sistemas dipirrólicos análogos baseados na dipirrina parental.[4] O sistema cun total de 11 dobres enlaces foi definido como bilina e ese nome úsase con preferencia a bilatrieno.[5]

NotasEditar

  1. "Nomenclature of Tetrapyrroles, Appendix 1. Trivially named porphyrins, chlorins, chlorophylls and bilins, fundamental parents". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2002. Consultado o 15 de xuño de 2002. 
  2. Bilin Medical Subject Headings (MeSH) na Biblioteca Nacional de Medicina dos EUA.
  3. Oxford, G.S. & Gillespie, R.G. (1998). Evolution and Ecology of Spider Coloration. Annual Review of Entomology 43:619-643. doi 10.1146/annurev.ento.43.1.619 PMID 15012400
  4. Gerard P. Moss (1988). "Nomenclature of Tetrapyrroles. Recommendations 1986". European Journal of Biochemistry 178 (2): 277–328. PMID 3208761. doi:10.1111/j.1432-1033.1988.tb14453.x. 
  5. Nomenclature of Tetrapyrroles (PDF; 1,4 MB) IUPAC.org

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar