Urobilina
A urobilina ou urocromo é un composto tetrapirrólico linear amarelo. A urobilina e o composto relacionado urobilinóxeno son produtos da degradación do grupo tetrapirrólico cíclico hemo. A urobilina excrétase na urina e é o principal responsable da súa cor amarelada.
Urobilina | |
---|---|
Outros nomes Urocromo | |
Identificadores | |
Número CAS | 1856-98-0 |
PubChem | 6433298 |
ChemSpider | 4938471 |
MeSH | Urobilin |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C33H42N4O6 |
Masa molecular | 590,71 |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
Metabolismo
editarA urobilina xérase durante a degradación do grupo hemo, o cal se transforma primeiro en biliverdina e despois en bilirrubina. A bilirrubina é despois excretada coa bile, a cal é degradada polos microbios presentes no intestino groso a urobilinóxeno, e este reabsorbido no torrente sanguíneo, onde se converte en urobilina, que finalmente se excreta polos riles.[1]
Importancia
editarEn moitas análises de urina mídese a cantidade de urobilina presente na mostra, xa que os seus niveis poden dar unha indicación do funcionamento das funcións renais. Normalmente, a urina debería aparecer con cor lixeiramente amarela ou case incolora. Cando se inxire pouca auga durante un tempo, por exemplo despois de durmir varias horas ou por deshidratación, redúcese a cantidade de auga na urina, polo que se concentra a urobilina e a cor da urina é máis escura. A ictericia obstrutiva reduce a excreción de bilirrubina biliar, a cal é despois excretada directamente desde o sangue á urina durante a filtración renal, o que lle dá á urina unha cor escura pero, paradoxalmente, cunha concentración baixa de urobilina, ningún urobilinóxeno, e xeralmente cunha deposición de feces de cor pálida. Unha urina máis escura tamén se pode orixinar por causa doutros produtos químicos, como diversos compoñentes da dieta ou fármacos, porfirinas na porfiria, e o homoxentisato en pacientes con alcaptonuria.
Notas
editar- ↑ Donald J. Voet; Judith G. Voet; Charlotte W. Pratt (2008). "Synthesis and degradation of amino acids". Principles of Biochemistry, Third edition. Wiley. p. 778. ISBN 978-0470-23396-2.
- Voet and Voet Biochemistry Ed 3 page 1022
- Nelson, L., David, Cox M.M., .2005. “Chapter 22- Biosynthesis of Amino Acids, Nucleotides, and Related Molecules”, pp. 856, In Lehninger Principles of Biochemistry. Freeman, Nova York. pp. 856
- Bishop, Michael, Duben-Engelkirk, Janet L., e Fody, Edward P. "Chapter 19, Liver Function, Clinical Chemistry Principles, Procedures, Correlations, 2nd Ed." Philadelphia: copyright 1992 J.B. Lippincott Company.
- Munson-Ringsrud, Karen e Jorgenson-Linné, Jean "Urinalysis and Body Fluids, A ColorText and Atlas." St. Louis: copyright 1995 Mosby