Bieito de Palermo

Benito Manasseri, chamado San Bieito de Palermo e tamén coñecido como San Bieito, o Africano, foi un relixioso italiano, canonizado tras un longo proceso en 1807.[1] Naceu en 1526 na localidade italiana de San Fratello, en Messina (Sicilia) e morreu o 4 de abril de 1589 no seu convento de Palermo (Sicilia). [1]

Bieito de Palermo
Biografía
Nacemento1526 en San Fratello, Messina
Pasamento4 de abril de 1589 en Palermo
Proceso de canonización
Beatificación1743 por Bieito XIV
Canonización1807 por Pío VII
Veneración
Festividade4 de abril
Atributoshábito franciscano, corazón con 7 pingas de sangue, cruz na man dereita

Biografía editar

De orixe africana, era fillo de escravos. Crese que os seus pais puideron traballar nunha plantación próxima a Messina onde foran traídos como escravos de Etiopía. Recibiu a liberdade dos seus amos tras o seu nacemento e nos seus primeiros anos gañouse a vida como pastor. Sufriu discriminación pola súa condición.[1]

Cando tiña sobre vinte anos, coñeceu a un grupo de ermitáns que seguían a Regra de san Francisco aos que se uniu atraído polas ideas do santo. Tamén se adoita explicar o seu achegamento grazas a un ermitán que se fixou na súa paciencia fronte ás burlas e críticas.[1]

 
Igrexa de Santa Cristina de Covas, onde se venera a San Bieito de Palermo.

En 1564, tras a abolición papal das comunidades de ermitáns, o grupo disolveuse. Bieito ingresou no convento de Santa María de Palermo. Debido ao seu analfabetismo, foi relegado á cociña do convento. Desde a cociña a súa piedade, a súa humildade e os milagres que se lle atribuíron, sobre todo curacións, déronlle gran fama, o que lle levou a ser elixido prior en 1578. Posteriormente foi mestre de novizos, para despois volver á cociña. A súa festa celébrase o 4 de abril.[1]

Canonización editar

Bieito de Palermo foi beatificado polo papa Bieito XIV en 1743 e canonizado en 1807 por Pío VII. Tamén se di que o seu corpo foi atopado incorrupto cando foi exhumado poucos anos despois. Santo patrón dos afroamericanos, Bieito é lembrado pola súa paciencia e entendemento cando se enfrontaba a prexuízos raciais. Existen polo menos cinco parroquias católicas negras que levan o seu nome en Estados Unidos, en Queens, Nova York, Chicago, Illinois, Pittsburgh, Omaha, Nebraska, Columbus, Xeorxia, e en Savannah, Xeorxia.[1]

Devoción editar

A devoción a San Bieito de Palermo está espallada ao longo de América Latina, desde México até a Arxentina. Tamén recibe culto especial en Sicilia.[2]

Galicia editar

En Galicia venérase en Santa Cristina de Covas (Meaño), onde se introduciu a principios do século XIX. Alí celébrase o martes de Pascua.[3] É avogoso das dores de cabeza, dos ollos, dos peitos e do cancro.[2]

Tamén se venera en Angoares (Ponteareas).[2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Abad, Xoán C. (2022). In hac lacrimarum valle. Guía ilustrada para recoñecer os santos patróns dos templos da provincia de Pontevedra. Instituto de Estudos Vigueses. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Ferro Ruibal, Xesús; et alii (1992). Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo. 
  3. Hermida, Tino (2023-04-12). "San Benito de Palermo, el santo negro, cautiva a los fieles de Cobas". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2023-09-14.