Balneario de Mondariz

Coordenadas: 42°13′37.51″N 8°27′58.88″O / 42.2270861, -8.4663556

O Balneario de Mondariz é un balneario inaugurado en 1873 no que hoxe é o concello de Mondariz-Balneario (anteriormente o territorio pertencía ao concello de Mondariz). Foi o pioneiro no termalismo galego e un referente entre as principais vilas termais de Europa. Hoxe é o maior centro termal de Galicia, e mestura o termalismo tradicional coas técnicas actuais. Conta cun hotel, un spa, un campo de golf de 18 foxos, un centro de congresos e restaurante de comida galega[1].

O "Palacio del Agua" (Pazo da Auga) forma parte das instalacións actuais do balneario.

HistoriaEditar

Enrique Peinador Vela foi o promotor do balneario en 1873. O balneario tivo momentos de grande esplendor e recibiu a visita de ilustres personaxes públicos galegos de finais do século XIX e comezo do século XX, coma Emilia Pardo-Bazán y de la Rúa-Figueroa ou Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, mais tamén estranxeiras, coma a raíña Isabel de Portugal. O Gran Hotel salienta arquitectonicamente, e foi obra do arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Domínguez, hoxe convertido en apartamentos. O antigo Hotel Sanatorio, o actual hotel, foi proxectado por Antonio Palacios, aínda que non foi rematado. Salientan tamén a estatua de Enrique Peinador, quen sucedeu ao seu pai como xerente do balneario de Mondariz en 1907. Este foi membro do Partido Galeguista e da Real Academia Galega e artífice da constitución do concello de Mondariz-Balneario en 1924.

Son tamén de salientar as fontes termais de Troncoso e a da Gándara, sobre a que Palacios ergueu un pavillón de granito.

Cando Enrique Peinador Lines sucedeu ao seu pai en 1907 na dirección do balneario, tentou convertelo nun espazo de cultura, na liña galeguista do pai. No verán do 1920 organizou unha homenaxe a Manuel Murguía, así como as sesións extraordinarias da RAG para o ingreso do poeta ourensán Antonio Rey Soto e do cambadés Ramón Cabanillas Enríquez. O 30 de agosto foi o acto de ingreso de Rey Soto, cun discurso en castelán que contestou Marcelo Macías García no mesmo idioma. O día seguinte ingresou Cabanillas Enríquez cun discurso en galego, A saudade nos poetas gallegos, que contestou, tamén en galego, Eladio Rodríguez González, secretario da Academia naqueles tempos.

A decadencia do balneario veu coa guerra civil española e continuou até o incendio ocorrido no Gran Hotel no ano 1973 (edificio rehabilitado xa no século XXI). O balneario pechou realmente no ano 1994, cando comezaron as obras de rehabilitación das novas instalacións.

Na súa época dourada contou cunha imprenta onde saíu do prelo o semanario La Temporada e maila revista Mondariz. Tamén tiña moeda propia: o peinador[2].

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. Historia na páxina web do Balneario Arquivado 03 de decembro de 2016 en Wayback Machine. (en castelán).
  2. "Balnearios de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2016. Consultado o 25 de decembro de 2016. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar