Auto do prisioneiro

obra de teatro de Ricardo Carballo Calero

Auto do prisioneiro é unha peza teatral de Ricardo Carballo Calero publicada no nº 28 da revista Grial en 1970 e escrita no ano 1969. Foi reeditada en 1971[1] e 1982[2].

Auto do prisioneiro
Autor/aRicardo Carballo Calero
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Teatro
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1970
editar datos en Wikidata ]

Foi representada pòr O Facho en 1974 e 1975, por Breogania en 1974 e Terceiro Andar en 1981.[3]

Personaxes editar

  • O prisioneiro
  • A nena
  • O gardián
  • O oficial
  • A nai
  • Laura
  • Amiga primeira
  • Amiga segunda
  • Amiga terceira
  • Amigo primeiro
  • Amigo segundo
  • Amigo terceiro

Desenvolvemento editar

A acción desenvólvese toda na cela do prisioneiro: porta da Dirección, porta do cuarto de baño, porta do ascensor, mesa, cadeiras, teléfono.

  • Escena I

A Nena pregúntalle ao prisioneiro se está preparado para a morte, se leva o caristel co pan e o viño para o camiño.

  • Escena II

Sen diálogo. Toque de diana, o prisioneiro érguese.

  • Escena III

Entra o gardián co almorzo, coméntalle ao prisioneiro o ben que vive, que ata pode recibir visitas, vive mellor ca el. É o día do seu aniversario e felicita o preso.

  • Escena IV

O prisioneiro recibe varias chamadas de teléfono: da nai (quéixase de que o pai non lle colle o teléfono), de Laura, de...

  • Escena V

O gardián recolle o almorzo e fálalle do Director, da súa inaccesibilidade, da sorte que ten o prisioneiro de ser seu fillo.

  • Escena VI

O prisioneiro marca no teléfono e ninguén lle responde.

  • Escena VII

Longo parrafeo do oficial co prisioneiro. O tema seu pai, o Director, e a imposibilidade de acceder a el, de constatar a súa presenza.

  • Escena VIII

Entra a nai do prisioneiro, o oficial saúdaa.

  • Escena IX

Felicítao e el pregúntalle por que está preso, tamén polo pai e pola súa existencia. Tampouco ela lle aclara nada. Chama ela no teléfono e tampouco lle collen.

  • Escena X

Entra Laura e saúda o prisioneiro e a nai.

  • Escena XI

Laura tenta convencelo de que esqueza o pai, que xa ten trinta anos, debe saír do niño.

  • Escena XII

Os amigos e amigas celebran con Laura o aniversario do prisioneiro.

  • Escena XIII

Entra tamén o gardián a celebrar o aniversario e acaban berrando: vivan as cadeas!

  • Escena XIV

Laura, o prisioneiro, os amigos e amigas seguen a celebración e acaban cantando:

Un ano máis cumprido está.
O Prisioneiro feliz será.
Antre os seus brazos dormirá.
Ningún soño o despertará.
A roda. A roda que non ten fin.
Esta é a noiva que escollín.
Quéroa e ela quéreme a min.
Na noite pecha a luz perdín[4]

.

  • Escena XV

Dialogan Laura e o prisioneiro sobre o amor, sobre o pai. Chaman os dous xuntos pero tampouco hai respostas. Soa o teléfono, é para Laura, tiña unha proba de roupa a esa hora.

  • Escena XVI

O prisioneiro bebe só.

  • Escena XVII

Entra o gardián e o prisioneiro quere durmir.

  • Escena XVIII

Volve a nena do inicio, a filla do Gardian. Repítelle que chegou a hora.

  • Escena XIX

Remate da peza.

Características editar

O autor engade no prólogo:

No Auto do prisioneiro crúzanse moitos motivos, antre os cales semella fundamental o da insadisfaición metafísica do home, prisioneiro sempre, isolado sempre, aínda rodeado de seres irmáns, pero, na súa sede de trascendencia e liberación dos seus límites, esligado perante unha fonte selada, detido perante unha porta choída[5]
Pero ¿Realmente hai enigma? Ou, ¿realmente hai chave? A porta da Direición ábrese ao fin, sen chave algunha, pero o que deixa ver non son senón tebras. A luz, se é que hai luz, terá de percurala cada quen... Non cabe dúbida de que o fillo é produto do pai; pero no pai hai tantos elementos inconscientes, que o pai pode non se recoñecer no fillo.[4]

A peza xira sobre o problema da transcendencia, da soidade metafísica de inspiración un pouco á medida de Kafka ou Sartre. O autor considerábaa a súa peza dramática máis representativa[6].

O propio autor opinou sobre a obra:

O Auto do prisioneiro non pretende referise nunca a unha realidade tomada ao pé da letra, é evidente que aquel home está nunhas circunstancias oficiais. ¿Que prisión é esa onde o visitan os amigos, o visita a súa nai, pero hai un director descoñecido? Esta é francamente expresionista ou simbolista. ... Hai tamén, claro, un elemento de tipo amoroso. Sen embargo resulta insuficiente a axuda que lle presta a muller ao home prisioneiro. Este non pode contentarse con menos que ver a cara de seu pai e aí hai, claro, un afán de transcendencia que non pode satisfacerse co amor, cunha relación entre home e muller... Na época en que se representou por primeira vez, foi interpretada por algúns como unha sátira contra a sociedade de consumo, porque efectivamente hai algúns elementos deste tipo... É posíbel unha interpretación relixiosa porque a mai aparece aí como intercesora en certo modo e, esta é unha interpretación que ten o seu fundamento, aínda que, xa digo, para min é iso que hai aí, que admite, posibelmente diversas lecturas, como toda obra, e máis unha obra coma esta, que evidentemente é irónica, claro está[7].

Para Henrique Rabuñal:

O Auto do prisioneiro aborda un problema existencial, na liña do teatro filosófico e alegórico. O autor tentou “reflectir nunha forma moderna, poética e incisiva, a angústia do home engaiolado na sua finitude, mas con unha faústica sede de alén”. O punto de partida é a do home que vive na cadea por orde do pai.[8].

Notas editar

  1. Carballo Calero, Ricardo (1971). Catro pezas. A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro. Editorial Galaxia. 
  2. Carballo Calero, Ricardo (1982). Teatro completo. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-116-3. 
  3. Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 151. ISBN 978-84-9151-436-7. 
  4. 4,0 4,1 Carballo Calero 1971, p. 15-16.
  5. Carballo Calero 1971, p. lapela.
  6. Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior(1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1044-5. ISBN 84-89679-05-3. 
  7. Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 260-265. ISBN 84-7154-654-X. 
  8. Rabuñal, Henrique. "Carvalho Calero na historia do noso teatro". adiante.gal. Consultado o 17/10/2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar