Asociación Cultural Tempo Novo

Asociación Cultural de San Vicenzo de Elviña e Castro.

A Asociación Cultural Tempo Novo é unha asociación cultural creada en 1978 en San Vicenzo de Elviña e Castro, na cidade da Coruña.

Asociación Cultural Tempo Novo
Logo
Tipoasociación cultural
Data de fundación1978
Localización
EnderezoPraza Emilio Jaspe Deza 1 Elviña
EnA Coruña
PaísGalicia
Na rede
https://temponovo.gal/
Facebook: SRCTempoNovo Instagram: a.c.temponovo Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

 
Mural na hortas.

Elviña e Castro eran na década de 1970 dous núcleos rurais dentro do termo municipal da Coruña. Para a defensa dos intereses da súa veciñanza naceu, en 1977, a Asociación de Veciños Os Rexumeiros. A necesidade dun local social propio, compartida polo club de fútbol local, a Sociedade Deportiva Relámpago, levou a ambas entidades a constituír unha terceira: a Sociedade Recreativa, Deportiva e Cultural Tempo Novo.

Presidida polo policía local coruñés Emilio Jaspe Deza, a nova sociedade emitiu participacións para que os veciños de Elviña e Castro aportasen capital para a construción da sede. Os planos para a nova edificación foron cedidos desinteresadamente polo arquitecto Xan Casabella, quen ademais deseñou o logotipo da asociación. Con máis de 600 accións repartidas entre os veciños, o proxecto foi presentado en setembro de 1978, durante as festas patronais, arroupado por un Festival de Música Galega no que participaron Fuxan Os Ventos, Suso Vaamonde, Carlos García Casás, Jei Noguerol e Pablo Quintana.

O 17 de xaneiro de 1979 a asemblea acordou a compra, por trescentas mil pesetas, dun terreo a carón do Cruceiro de Castro, nun soar procedente das leiras chamadas “Da Aira” e “Das Hortas”. O edificio foise levantando coas axudas e o traballo voluntario dos veciños e financiando co recadado nas festas patronais e cunha subvención concedida pola Consellaría de Cultura. Foi inaugurado o 1 de maio, día do traballador, de 1985.[1]

O novo local comezou inmediatamente a programar actividades culturais de todo tipo, cursos, música, teatro etc. Un fito destacado daqueles primeiros anos foi a creación dunha banda de gaitas: Os Rexumeiros.[2] Dirixida por Bieito Romero, por ela pasaron os que serían no futuro coñecidos músicos como Susana Seivane, Brais Maceiras, ou Xan Xove.[3]

Na actualidade a asociación continúa a traballar pola cultura popular, destacando as actividades relacionadas coa música tradicional galega.

Notas editar

  1. "Historia – A.C. Tempo Novo". Consultado o 2023-02-14. 
  2. Banda de Gaitas dos Rexumeiros de Elviña (Youtube). 2011. 
  3. Romero, Bieito (2020). "Banda de Gaitas “Os Rexumeiros”. A ollada persoal dun tempo" (PDF). Caderno Cultural Elvinam (1): 11–16. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar