Arato de Solos
Arato (en grego Ἄρατος), nado en Solos (Cilicia) o -310 e finado o -240, foi un escritor grego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 315 a. C. Solos, Turquía (pt) |
Morte | c. 240 a. C. (74/75 anos) |
Actividade | |
Ocupación | poeta, astrónomo, escritor |
Profesores | Tímon (pt) e Menecrate de Éfeso (pt) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Irmáns | Atenodoro de Solos |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Encyclopedic Lexicon (en) |
Traxectoria
editarCompuxo o seu poema máis famoso, Fenómenos (Φαινόμενα), na corte macedónica de Antígono II Gónatas e concluíuno cara ao 275 a.C. Escribiu outros poemas eruditos, algúns de tema médico, hoxe perdidos. Gozou dunha gran reputación entre os alexandrinos primeiro e entre os romanos despois. O mesmo Calímaco celebrouno nun fermoso epigrama, e moitos outros o mencionaron eloxiosamente, como un mestre desa poesía astronómica, estelar nos seus temas e luminosa nos seus versos.
Os Fenómenos son o máis refulxente e sonado produto helenístico da poesía didáctico-astronómica. É dicir, pertence a un xénero de poesía que atopa xa en Hesíodo o seu mestre máis antigo, e que tivo notábeis practicantes no mundo antigo. No ámbito latino cómpre lembrar que as Xeórxicas de Virxilio se encadran nese mesmo carreiro literario. Nalgo máis de mil hexámetros (1154 exactamente), Arato de Solos, poeta docto onde os haxa, descríbenos o alto firmamento e as súas constelacións en versos de resonancias homéricas.
Xa Aristóteles dedica unhas liñas a distinguir a poesía didáctica (de tema médico ou físico) da verdadeira épica, aínda que ambos os xéneros se expresen no mesmo metro, en hexámetros[1].
Como no De rerum natura de Lucrecio, latexa no poema erudito sobre o ceo de Arato unha emoción relixiosa e unha cosmovisión filosófica estoica, mentres que destella nas súas imaxes unha polícroma e refinada mitoloxía. É unha magnífica e pintoresca mostra desa poesía alexandrina recargada de erudición e, doutra banda, sustentada nun sólido saber astronómico, en voga no seu tempo.
É unha poesía cun vocabulario poético arcaizante e homérico, pero, á vez, innovadora dentro desa lingua épica de tan longa tradición, ao introducir expresións moi do seu tempo e a súa visión cósmica.
Suscitou ao longo da historia numerosos comentarios. Ao latín traduciuse en repetidas ocasións e por ilustres autores (Marco Tulio Cicerón, Varrón, Atacino, Ovidio, e Avieno). O seu prestixio perviviu na Alta Idade Media no curiosísimo Aratus Latinus de época merovinxia. Foi un texto moi lido no Renacemento.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Arato/ Gémino (1993). Fenómenos/ Introducción a los fenómenos. Tradución e introdución de Esteban Calderón Dorda. Editorial Gredos. Madrid. ISBN 978-84-249-1612-1./ Gémino (1993).
- Pereiro Pardo, A. (2000). Estudio léxico de los verbos que expresan el orto de los astros en los Fenómenos, de Arato. Actas do X Congreso Español de Estudos Clásicos (21-25 de setembro de 1999), volume I. Coord. por Emilio Crespo e María José Barrios Castro. Madrid, SEEC. ISBN 84-7882-451-0.
Ligazóns externas
editar- Textos de Arato e outros sobre el, en francés, no sitio de Ph. Remacle. París, 1821.
- Arato: textos gregos no sitio da Bibliotheca Augustana (Augsburgo).
- Esteban Calderón Dorda: Traducións Arquivado 25 de febreiro de 2016 en Wayback Machine. latinas perdidas de "Los fenómenos" de Arato. Revista de filología clásica Myrtia, da Universidade de Murcia.[1] Arquivado 25 de febreiro de 2016 en Wayback Machine.