Un arabismo é un vocábulo procedente da lingua árabe presente noutra lingua. En galego os arabismos proceden sobre todo da época da dominación musulmá da Península Ibérica.

Alferga

Arabismos en galego editar

Toponimia editar

Podemos encontrar topónimos árabes en Galicia, pero o seu tipo é tan monótono que se pode deducir facilmente que proceden da lingua común. Entre os exemplos cómpre destacar:

Etimoloxía do léxico común editar

Debido á superioridade cultural, científica e técnica dos árabes, moitos empréstimos entraron no léxico común, pero loxicamente menos na zona norte onde houbo menor influencia (por exemplo onde se usa a verba soro) que no sur da Península Ibérica onde os árabes estiveron presentes e influíndo máis tempo (onde soro se substitúe por almece).

Xa que logo, é difícil saber se un arabismo chegou por contacto directo ou a través doutras linguas hispánicas: unha proba disto é que case non existen arabismos exclusivos do galego, que non aparezan noutras linguas da península. A única excepción parece ser alferga ("dedal"), que só perviviu en galego e no norte de África.

Nos arabismos pode distinguirse a época de entrada comparando os étimos coas evolucións postuladas pola historia da lingua do galego, portugués e castelán:

  • Acea é un caso singular debido a ser un arabismo de entrada directa, pois non corresponde ás evolucións do castelán (aceña) ou portugués (azenha);
  • Outros arabismos son de incorporación temperá, polo proceso de evolución propio do galego e non do castelán (argola, laranxa, maquía, tafona);
  • O resto, a maioría, non son claramente empréstimos directos ou indirectos, aínda que o termo e a época de uso poden orientar para a identificación;

Semántica editar

A maior parte do léxico árabe correspóndese a algún destes campos semánticos en concreto:

  • Dignidades e cargos: alcalde, alguacil, alférez;
  • Vida militar: adaíl, alxaba, arraial, atalaia, tambor, xinete;
  • Administración: alcabala, aldea, alfándega, alfoz, arrabalde, almoeda, leilán;
  • Flores e froitos: alcacén, algodón, arroz, azucena, azucre, cenoria, laranxa, limón, alelí, alfalfa;
  • Nomes de animais: alacrán, atún, xabaril;
  • Produtos agrícolas e industriais: aceite, alcatrán, alcohol;
  • Oficios: albeite, alfaiate, muecín;
  • Unidades de medida: fanega, arroba, quintal;
  • Enxoval doméstico ou artigos de luxo: alcaiata, alfaia, alfinete, alfombra, alicate(s), almofada, enxoval, marfil;
  • Terminoloxía do xadrez: alfil, xadrez, xeque-mate;
  • Termos de arquitectura: alxibe, alxube, azotea, chafariz;
  • Léxico das ciencias exactas: algarismo, álxebra, cifra;

É moi variada a temática desta clasificación, debido ao enorme poder cultural dos seguidores do Corán, pero en galego débese máis ben a un clima que a un contacto directo. Inda así, e alén destes empréstimos substantivos, chegaron a deixar no galego un adxectivo como azul, unha preposición de alto rendemento como ata e unha interxección como oxalá (procedente de wa sa al-lah, "e queira Deus"). Mesmo unha palabra chegou a un refrán ben asentado na lingua: Non está o alcacén para gaitas. Outro exemplo pode ser algarabía ou algarada, nome que os cristiáns lles daban ás xuntanzas de musulmáns e que, debido a que non entendían o que falaban, procede do propio autoglotónimo árabe: al–garabii.

Fonética editar

Normalmente os termos incorporábanse aglutinando o artigo al- debido á súa pouca transparencia semántica e creando construcións pleonásticas ao longo do tempo. Algunhas destas unións do artigo co substantivo formaron amálgamas debido á propia fonética árabe que por sandhi une o final do artigo co principio do substantivo (xeminando este) cando comeza por certas consoantes (chamadas lunares en árabe):

  • tras /θ/: aceite, azucena, azucre, azotea, acea;
  • tras /d/: adaíl;
  • tras /t/: atalaia, atún;
  • tras /r/: arraial, arrabalde, arroba, arroz, argola.

 
 Este artigo sobre lingüística é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.