Anhinga anhinga é unha especie de aves acuáticas que viven en zonas cálidas continentais de América do Sur e do Norte, desde o norte da Arxentina ao sur dos Estados Unidos. Esta especie está clasificada na familia Anhingidae, e comparte o seu xénero con outras tres especies: Anhinga melanogaster (da India), A. rufa (de África), e A. novaehollandiae (de Australia).

Anhinga anhinga

Macho en Costa Rica
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Suliformes
Familia: Anhingidae
Xénero: Anhinga
Especie: A. anhinga
Nome binomial
'Anhinga anhinga'
(Linnaeus, 1766)
Área de distribución de A. anhinga
Área de distribución de A. anhinga

Área de distribución de A. anhinga
Subspecies

A. a. anhinga
A. a. leucogaster

Sinonimia

Plotus anhinga

Femia secando as plumas.

Nome editar

A palabra anhinga procede da voz ajíŋa da lingua tupí amazónica e significa "espírito demoníaco", e pasou ao portugués brasileiro ortografada como anhangá ou anhinga e de aí tomouse para crear o nome científico. Anhinga é palabra masculina en portugués; de todos modos, esta ave no Brasil ten ademais de anhinga outros nomes, tamén amerindios, polos que é máis coñecida como arará, biguatinga, carará, meuá, miuá e muiá. Noutros países chámanlle 'ave serpe' (snakebird en inglés, oiseau-serpent en francés, pájaro serpiente en castelán, uccello serpente en italiano) polo seu pescozo parecido a unha serpe. O seu agudo peteiro e o costume de atravesar os peixes que captura co peteiro deulle nomes como pato aguja ('pato agulla', en castelán) ou darter (~'empalador', en inglés).

Distribución e migración editar

Vive en augas quentes e pouco profundas.[2] É a única especie de Anhinga que vive en América e está subdividida en dúas subespecies, chamadas A. a. anhinga e A. a. leucogaster, baseándose na súa localización. A. a. anhinga atópase principalmente ao leste dos Andes en Suramérica incluíndo as illas de Trindade e Tobago. A. a. leucogaster pode encontrarse no sur dos Estados Unidos, México, Cuba, e a illa de Granada.[3]

Só as aves que viven nos extremos sur e norte da súa área de distribución teñen un comportamento migratorio, que depende da temperatura e das horas de luz solar. Migran cara ao ecuador durante o inverno.[2] Algunhas destas aves foron detectadas en zonas fóra da súa área habitual, tan ao norte como en Pensilvania[4] e Wisconsin nos Estados Unidos.[5]. Ás veces emigran en grupos acompañados doutras aves.[6]

Descrición editar

A especie A. anhinga é unha ave grande duns 89 cm de lonxitude media (varía de 75 a 95 cm), cunha envergadura alar de 1,14 m.[7][8] A subespecie A. a. anhinga é algo meirande que A. a. leucogaster e ten uns "bordos da cola de ton beis máis amplos".[3] Pesan como media uns 1,22 kg (varía entre 1,04 e 1,35 kg).[8][9][10] O peteiro é relativamente longo[5] (aproximadamente o dobre que a cabeza)[11]), e moi agudo[7] e de cor amarela. Desa cor son tamén os pés, que son palmados.[9]

A maioría do corpo dos machos é dunha cor verdosa anegrada brillante coas ás e base das ás e cola azuis anegradas brillantes.[11] O extremo da cola ten plumas brancas.[12] As costas e a cabeza e pescozo teñen plumas alongadas que foron descritas como de cor gris[13] ou brancas con tons púrpura.[11] A parte superior do corpo e ás teñen pintiñas ou liñas brancas.[13]

As femias son similares aos machos, pero teñen unha cabeza, pescozo e parte superior do peito de cor beis agrisado[14] ou marrón claro.[15] A parte inferior do peito é de cor castaña e en comparación co macho a femia ten unhas costas máis castañas.[16]

A cría nace espida pero en poucos días cóbrese de penuxe parda. En dúas semanas substitúese por penuxe branca. Tres semanas despois de eclosionar, aparecen as primeiras plumas xuvenís. Os xuvenís son principalmente marróns ata que chegan á idade reprodutora despois do segundo ou terceiro inverno.[2]

Carecen de orificios respiratorios externos, polo que respiran só a través da súa epiglote.

Esta ave pode confundirse algo cos corvos mariños Phalacrocorax auritus debido ao seu tamaño e forma similar, pero poden diferenciarse ben deles observando o peteiro e colas. A cola de A. anhinga é máis larga e moito máis longa que a dos corvos mariños, e o seu peteiro é moi bicudo e recto, mentres que o dos corvos mariños ten un extremo curvado.[17]

Comportamento editar

Aínda que é unha ave acuática e captura peixes e en menor medida anfibios na auga, esta especie non ten plumas impermeables ao ter unha glándula uropixial (produtora de graxa impermeabilizante) vestixial. Por esa razón ten que secar as súas plumas ao sol coas ás estendidas despois de mergullarse na auga. A súa liña de flotación é moi baixa, polo que nada con case todo o corpo mergullado, o que lle facilita a natación por debaixo da auga, de modo que só asoma o seu pescozo. Se intenta voar cando as súas ás están aínda molladas, ten grandes dificultades e bate as ás vigorosamente mentres "corre" sobre a auga. A miúdo aliméntase en pequenos grupos. Captura o seu alimento atravesándoo co seu peteiro.

Estado de conservación editar

O número de individuos desta especie non se estimou, pero considérase que é abundante e ten unha ampla área de distribución de 15 millóns de km2 e o seu status de conservación está clasificado pola IUCN como "pouco preocupante".[1] Nalgúns países está protexida por ser unha ave migratoria.[18]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Anhinga anhinga". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Nellis, David W. (2001). Common Coastal Birds of Florida and the Caribbean. Pineapple Press, Inc. pp. 110. ISBN 978-1-56164-191-8. 
  3. 3,0 3,1 Blake, Emmet Reid (1953). Birds of Mexico: a guide for field identification. University of Chicago Press. pp. 151–152. ISBN 0-226-05641-4. 
  4. McWilliams, Gerald M.; Brauning, Daniel W. (1999). Birds of Pennsylvania. Cornell University Press. p. 43. ISBN 978-0-8014-3643-7. 
  5. 5,0 5,1 Robbins, Samuel D. (1991). Wisconsin Birdlife: Population and Distribution Past and Present. University of Wisconsin Press. pp. 127–128. ISBN 978-0-299-10260-9. 
  6. Eubanks, Ted L.; Behrstock, Robert A.; Weeks, Ron J. (2006). Birdlife of Houston, Galveston, and the Upper Texas Coast. Texas A&M University Press. pp. 70. ISBN 978-1-58544-510-3. 
  7. 7,0 7,1 Sibley, David Allen (2003). The Sibley Field Guide to Birds of Eastern North America. New York: Alfred A. Knopf. pp. 45. ISBN 0-679-45120-X. 
  8. 8,0 8,1 "Anhinga". All About Birds. Cornell Lab of Ornithology
  9. 9,0 9,1 Maehr, David S.; Kale, H.W.; Kale, II, Herbert W. (2005). Florida's Birds: A Field Guide and Reference. Pineapple Press Inc. pp. 33, 38. ISBN 1-56164-335-1. 
  10. Hennemann, III, Willard W. (December 1985). "Energetics, Behavior and the Zoogeography of Anhingas and Double-Crested Cormorants". Ornis Scandinavica (Wiley) 16 (4): 319–323. JSTOR 3676697. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Audubon, John James (1843). The Birds of America. J.B. Chevalier. pp. 443–457. 
  12. Wood, Tom; Williamson, Sheri L.; Glassberg, Jeffrey (2005). Birds of North America. Sterling Publishing Company, Inc. pp. 50. ISBN 1-4027-2821-2. 
  13. 13,0 13,1 Chapman, Frank M. Handbook of Birds of Eastern North America (PDF). Harvard University. p. 93. doi:10.5962/bhl.title.34046. 
  14. =Burton, Maurice; Burton, Robert (2002). International Wildlife Encyclopedia. Marshall Cavendish. p. 646. ISBN 0-7614-7271-1. 
  15. =Gregware, Bill; Gregware, Carol (1997). Guide to the Lake Okeechobee Area. Pineapple Press Inc. p. 54. ISBN 1-56164-129-4. 
  16. Fjeldså, Jon; Krabbe, Niels; Jørgensen, Povl; Byskov, Jens Ole (1990). Birds of the High Andes. Apollo Books. p. 74. ISBN 87-88757-16-1. 
  17. Peterson, Roger Tory (1998). A Field Guide to the Birds of Texas. Houghton Mifflin Harcourt. p. 130. ISBN 0-395-92138-4. 
  18. U.S. Fish and Wildlife Service (1995). "Birds Protected by the Migratory Bird Treaty Act". Arquivado dende o orixinal o 08 de maio de 2008. Consultado o 15 September 2008. 

Ligazóns externas editar