Andrés de Prada e Gómez de Santalla

político galego

Andrés de Prada e Gómez de Santalla, nado arredor de 1545 en Outarelo (O Barco de Valdeorras) e finado en Madrid o 13 de xuño de 1611, foi un político galego, secretario dos reis españois Filipe II e Filipe III.

Andrés de Prada e Gómez de Santalla
Nome completoAndrés de Prada y Gómez de Santalla
Nacemento1545
 Outarelo
Falecemento13 de xuño de 1611
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Comezou a súa carreira na Corte real en 1568, ao servizo do príncipe Xoán de Austria, bastardo de Carlos I de España, con quen participaría en accións diversas en Flandres, nas guerras contra os mouriscos na Alpujarra, 1569-1571, e mais na batalla de Lepanto, 1571. Cando morre o príncipe en 1578, Andrés de Prada era xa o seu secretario. En 1584 o marqués de Villafranca nomeouno gobernador dos seus estados. Mais á morte de Juan Escobedo, o rei Filipe II chamouno para que se ocupase dunha das Secretarías de Guerra, con xurisdición sobre España e o Norte de África. Ao mesmo tempo o rei faino Secretario persoal. Por cada cargo de Prada pasa a cobrar un soldo de 100.000 marabedís.

En 1600 o novo monarca Filipe III noméao Secretario do Consello de Estado para Francia, Flandres e Alemaña, cargo no que foi cesado en 1610, para pasar a ocupar a Secretaría de Estado para Italia, á par que conservaba a Secretaría de Guerra que levaba desde a época do Rei Prudente.

Foi nomeado Cabaleiro de Santiago, e Comendador da vila de Ocaña (provincia de Toledo), pero sen dereito a sucesión. Ademais obtería o dereito a crear un morgado na súa localidade natal de Outarelo, que herdaría, por falta de descendencia propia, o seu sobriño Diego de Prada e González, converténdose no segundo Señor da Casa de Outarelo. Levou a Outarelo o cranio do santo Francisco Blanco, mártir no Xapón.[1].

NotasEditar

  1. Susana Prieto (6 de febreiro de 2011). "Devoción por San Francisco Blanco". La Voz de Galicia. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • García Tato, I. (1999): Vilanova, Outarelo y San Francisco Blanco. Monografía histórica de una parroquia gallega. O Barco de Valdeorras. ISBN 84-930834-2-9
  • Fernández Fernández, Á. (2001): Don Andrés de Prada, Señor de la Casa de Outarelo y Secretario de los reyes Felipe II y Felipe III, in Cuadernos del Instituto de Estudios Valdeorreses, Monográfico nº 33, p. 105 - 139.

Outros artigosEditar