Ameixa babosa
Ameixa babosa | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Venerupis corrugata | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Venerupis corrugata (Gmelin, 1791) [1] | |||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||
Lista
|
A ameixa babosa,[2] Venerupis corrugata (Gmelin, 1791),[1] sinónimos —entre outros— Venenerupis pullastra (Montagu, 1803)[3] e Venerupis senegalensis (Gmelin, 1791),[4] é unha especie de molusco bivalvo heterodonte da orde dos veneroides e familia dos venéridos, que vive enterrada nos sedimentos de area lamacenta [4] das costas do Atlántico oriental, desde Noruega ata Suráfrica,[5] sendo apañada e consumida en España e outros países da Europa occidental.
Trátase dunha ameixa semellante á fina pero de menor calidade e valor comercial. No mercado é, habitualmente, de menor tamaño ca fina e a xaponesa. Captúrase e críase en abundancia en toda a costa galega.
Nomenclatura
editarNome científico
editarA especie foi descrita por primeira vez en 1791 polo naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin, e publicada en: Gmelin, J. F., 1788-1793. In: Linné, C., Systema naturae, Edit. 13 aucta et reformata cura J. F. Gmelin. 10 vols, Lipsiae. 1788-1793 et Lugduni, 1789-1796, co nome de Venus corrugata.[1]
Posteriormente foi identificada como especie doutros xéneros, sendo clasificada por George Montagu no xénero Venerupis, coñecéndose durante moitos anos como Venerupis pullastra (Montagu, 1803) e, despois, como Venerupis senegalensis (Gmelin, 1791).
Bowden e Heppell, en 1968, demostraron que o nome moi utlizado Venerupis pullastra (Montagu, 1803) debería substituirse polo máis antigo V. senegalensis (Gmelin, 1791). Pero segundo Fischer-Piette e Metivier (1971), o nome correcto é V. corrugata (Gmelin, 1791), aínda que sobre a base do principio do 'primeiro revisor', o nome V. senegalensis tamén se utiliza.[1]
Nomes vernáculos
editar- Galego: Ameixa branca, ameixa macho, ameixola, babosa, cadela, chirla, cornicha
- Castelán: Almeja babosa, chocha (en Madrid, nome máis usado para a chirla propiamente dita)
- Catalán: Cloïsa babosa
- éuscaro: Txiria Lingirdatsua
- Andalucía: Chocha, madrealmeja
- Santander: Chirla
- Inglés: Carpet shell, Pullet carpet shell
- Francés: Palourde, Palourde bleue, Clovisse
- Alemán: Kleine Teppichmuschel
- Italiano: Vongola
Morfoloxía e anatomía
editarMorfoloxicamente resulta bastante similar ás outras ameixas, quizais máis alongada. A cor da cuncha adoita ser gris pálida ou acastañada, con manchas irregulares máis escuras e da mesma cor marrón ou púrpura. As estrías lonxitudinais son moi visibles, pero como as radiais son máis tenues, non mostran a cuadrícula típica da ameixa fina ou da xaponesa.
Os dous sifóns están unidos en toda a súa lonxitude, agás no extremo, onde se separan. Esta característica permite diferenciala das outras especies de ameixa. Ó ser máis curtos cós das outras ameixas, a babosa non pode enterrarse a tanta profundidade como aquelas e resiste mal a baixamar.
Hábitat
editarA ameixa babosa está presente tanto no Mediterráneo como na costa atlántica europea, chegando ata Marrocos. Medra en bancos de area fina, cascallo ou limos, desde o límite da baixamar ata profundidades de 40 m de fondo.
En comparación coas outras ameixas, a babosa é moito máis sensible ós cambios de temperatura e, sobre todo, de salinidade da auga, polo que sofre grandes mortandades a consecuencia das riadas producidas en épocas de temporais e chuvias abundantes. Tamén resiste menos cás outras fóra da auga, o que explica que en tempos non fose frecuente comerciala fóra de Galicia. Hoxe, este feito xa non representa ningunha dificultade comercial.
Pesca e comercialización
editarNormalmente, a captura desta especie faise co rastro ou vara, desde embarcacións, modalidade denominada marisqueo a flote, pero tamén se colle co sacho, na seca. O talle comercial mínimo é de 38 mm de lonxitude no seu eixo maior.
As capturas totais desta especie durante o ano 2010 ascenderon a 1 187 111 kg, segundo datos de vendas nas lonxas galegas.[6]
Aspectos sanitarios
editarOs perigos sanitarios derivados dunha posible contaminación bacteriana procedente de verteduras fecais son semellantes ós descritos para o resto dos moluscos bivalvos, artigo ó que remitimos ó lector.
Gastronomía
editarPódese consumir en cru ou cociñada, aínda que normalmente se desaconsella a primeira forma porque disque solta moita baba (e de aí o nome). Claro que outros din que a súa carne é máis tenra cás outras e, polo tanto, é a máis apta para comer crúa.
En calquera caso, o máis común é comelas cociñadas. Admite con éxito diferentes tratamentos culinarios, desde unha breve cocción (ameixas ó vapor, con ou sen loureiro), ata tratamentos máis elaborados (guisadas con arroz, con cachelos, con pescada ou robaliza, con fideos ou en empanada). É a especie máis apropiada para elaborar as ameixas á mariñeira.
Festas gastronómicas
editarCelébranse festas gastronómicas de exaltación da ameixa babosa nas seguintes localidades:
- O Carril, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, en agosto
- Campelo, Poio, Pontevedra: a finais de xullo (trasladada desde setembro, data das primeiras celebracións)
- A Pedreira, Meá, Mugardos, A Coruña: na primeira semana de xullo
- Corcubión (A Coruña): na primeira semana de agosto
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Venerupis corrugata (Gmelin, 1791) no WoRMS.
- ↑ ameixa babosa Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
- ↑ Resolución, de 24 de marzo de 2010, da Secretaría Xeral do Mar, pola que se establece e se publica a listaxe de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España (BOE nº 682 de 5.04.2010).
- ↑ 4,0 4,1 Rolán e Otero (1996), p. 256.
- ↑ Branch, G. M. et al. (2002): Two Oceans. 5th impression. David Philip, Cate Town & Johannesburg. Ver en liña Arquivado 03 de decembro de 2013 en Wayback Machine..
- ↑ Pescadegalicia.com.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Ameixa babosa |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Ameixa babosa |
Bibliografía
editar- Hubler, M. (2010): Compendium of bivalves. A full-color guide to 3,300 of the World’s Marine Bivalves. A status on Bivalvia after 250 years of research. Hackenheim, Germany: ConchBooks. ISBN 978-3-939767-28-2.
- Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
- Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia, S. A. ISBN 84-7154-506-3.
- Ríos Panisse, Mª C. (1977): Nomenclatura de la flora y la fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
- Rolán, R. e Jorge Otero-Schmitt (1996): Guía dos moluscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-072-1.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Venerupis senegalensis Arquivado 02 de decembro de 2013 en Wayback Machine. en Marine Species (en inglés).