Un almanaque é unha publicación anual que inclúe información como previsións de tempo, datas de labores no agro, táboas de mareas e información tabular xeralmente organizada segundo o calendario. Tamén se atopa información astronómica e estatísticas diversas, tales como a saída e do posta do sol e lúa, eclipses, horas de marea alta, festivais relixiosos, e mais tamén poden ter contidos literarios e todo tipo de información.

Agricultural Almanac, 1911

Primeiros almanaques editar

Hemeroloxías e parapegmata editar

Os textos máis antigos que se poden considerar almanaques atopáronse no Oriente Próximo datados a mediados do segundo milenio a.C.[1] Entre eles está o denominado almanaque babilónico, que listan días favorables e desfavorables con consellos do que facer en cada un deles, existen diferentes variantes e versións.[2] Tamén se atoparon listas exipcias para bos e malos momentos, tres veces cada día. Moitos destes prognósticos estaban conectados con acontecementos celestiais .[3][4][5] O almanaque grego, coñecido como parapegma, existiu na forma dunha pedra inscrita na que se indicaban os días do mes por medio de caravillas móbiles insertadas en orificios perforados. Había tamén textos escritos, segundo Dióxenes Laercio, Parapegma era o título dun libro de Demócrito.[6] Tolomeo, o astrónomo alexandrino do século II escribiu un tratado, Phaseis que tiña como núcleo central un parapegma, unha lista de cambios regulares de tempo cada tempada, primeiras e últimas aparicións de estrelas ou constelacións ao saíer e poñerse o sol, acontecementos solares como solsticios, todo organizado segundo o ano solar.

Efemérides, zijs e táboas editar

 
Páxina dun almanaque en latín do século XV

A orixe do almanaque tamén se pode conectar coa astronomía babilónica, que realizaba táboas de períodos planetarios para predicir fenómenos lunares e planetarios.[7] Os zij eran as táboas que se realizaron máis tarde na Astronomía islámica medieval. Estas obras era táboas astronómicas auxiliares a diferenza dos almanaques modernos nos que se da a posición dos corpos celestiais e non precisan de máis cálculos. O máis antigo almanaque moderno nese senso é o Almanaque de Azarqueil escrito en 1088 por Abū Ishāq Ibrāhīm al-Zarqālī en Toledo, al-Andalus que proporcionaba as verdadeiras posicións do Sol, Lúa e planetas por catro anos, de 1088 a 1092 así como outras táboas relacionadas. Unha tradución e adaptación latina foi a das Táboas de Toledo do século XII e as afonsinas do XIII[7]

Almanaques medievais editar

Os almanaques medievais contiñan tanto horóscopo como predición de movementos de estrelas e mareas. Un dos primeiros foi o realizado por Solomon Jarchus en 1150. En 1300, Petrus de Dacia e Roger Bacon crearon cadanseu calendario. Outros almanaques salientables son o de 1327 de Walter de Elvendene, e o de 1380 de John Somers de Oxford. En 1386 Nicholas de Lynne produciu outro almanaque. O primeiro almanaque impreso publicouno Gutenberg en Mainz en 1457. Regio-Montanus tirou do prelo un almanaque en 1472 que continuou actualizándose en numerosas edicións durante varios séculos.

Almanaques modernos editar

 
Almanaque Gallego publicado na Habana por Adelardo Novo e Casimiro Fernández para 1909. Un dos moitos almanaques que se publicaron entre a colonia galega emigrada en América.

Ata primeiros do século XX os almanaques foron unha lectura moi popular e tras a Biblia foron as obras que máis se imprimían e lían. Entre os máis coñecidos o Almanach de Liège (1626), Almanach Royal (1683-1919), Almanach de Gotha (1763-), Almanach des Muses (1765-1833). Tamén existiron almanaques satíricos como o Poor Robin's Almanack (1663-1776)

Almanaques contemporáneos editar

Os almanaques contemporáneos adoitan incluír unha presentación accesible de datos estatísticos e descritivos que poden cubrir todo o mundo. O contido tamén inclúe discusións de desenvolvementos temáticos e un sumario de acontecementos históricos recentes, e están presentes temas de xeografía, goberno, demografía, agricultura, economía e negocios, saúde e medicina, relixión, medios de comunicación, transporte, ciencia e tecnoloxía, deporte e premios. Entre os máis coñecidos figuran Whitaker's Almanack, TIME Almanac with Information Please ou World Almanac and Book of Facts.

Almanaques galegos editar

 
Calendario Gallego para 1892

Os primeiros almanaques galegos eran calendarios astrolóxicos que agromaron na primeira década do século XIX, un dos primeiros foi o Calendario para el Reino de Galicia y Principado de Asturias[8] que se publicou entre 1811 e 1828 entre Santiago e A Coruña. A partir de 1850 comezaron a aparecer almanaques propiamente ditos, con máis contido e mellor papel. Fundamental foi o labor de Manuel Soto Freire quen publicou varios almanaques na súa imprenta de Lugo: Almanaque de Galicia (subtitulado: para uso de la juventud elegante y de buen tono, dedicado a todas las bellas hijas del país (1864-1869), El Reino de Galicia (1866 e 1867) que era unha edición especial para as colonias de emigrantes en América do Almanaque de Galicia, Almanaque histórico de Galicia (1859), Las Dos Asturias (1864 e 1865) e por riba de todos o que tivo máis transcendencia foi o Calendario Gallego que publicou desde 1857 e que en 1927 pasou a chamarse O Gaiteiro de Lugo. Entre os almanaques galegos que apareceron en América o máis coñecido foi o Almanaque Gallego que publicou Manuel Castro López en Buenos Aires de 1898 a 1927. En 1953 tivo a súa primeira edición o Almanaque Agrícola ZZ que empezou editando Zeltia que se reparte de balde entre os seus distribuídores e en 1963 xurdiu O Mintireiro Verdadeiro promovido por José María Regadío Vázquez.

Almanaques por países editar

Alemaña

Bélxica

  • De Druivelaar

Brasil

  • Almanaque Abril
  • Almanaque do Pensamento
  • Almanaque Santo Antônio
  • Almanaque Sadol (distribuído de balde en comercios)

Canadá

España

  • Calendario Zaragozano
  • Calendario del Ermitaño
  • Calendari dels Pagesos

Estados Unidos

Francia

  • Almanach Vermot
  • Quid

Grecia

  • Kazamias (Καζαμίας)

India

Italia

Mexico

Países Baixos

  • Enkhuizer Almanak
  • Deventer Almanak
  • Nieropper Almanak

Portugal

  • Almanaque Bertrand
  • O Seringador
  • O Novo Seringador
  • Almanaque do Camponês
  • Borda d'Água

Reino Unido

Sri Lanka

  • Sri Lanka Almanac

Suecia

Notas editar

  1. Livingstone, A. 2012. Hemerology and menology. The Encyclopedia of Ancient History
  2. Livingstone, A. (1998) "The use of magic in the Assyrian and Babylonian hemerologies and menolgies."
  3. Porceddu, S., Jetsu, L., Markkanen, T. e Toivari-Viitala, J. "Evidence of Periodicity in Ancient Egyptian Calendars of Lucky and Unlucky Days". Cambridge Archaeological Journal (18): 327–339. doi:10.1017/S0959774308000395. 
  4. L. Jetsu; et al. (2013). "Did The Ancient Egyptians Record The Period Of The Eclipsing Binary Algol—The Raging One?". The Astrophysical Journal 773 (1). doi:10.1088/0004-637X/773/1/1. 
  5. Jetsu L, Porceddu S (2015). "Shifting Milestones of Natural Sciences: The Ancient Egyptian Discovery of Algol’s Period Confirmed". PLoS ONE. 10(12). doi:10.1371/journal.pone.0144140. 
  6. Lehoux D., Parapegmata, Astrolgy, Weather, and Calendars in the Ancient World, National Library of Canada, 2000
  7. 7,0 7,1 Glick et al., pp. 29-30
  8. Nicanor Rielo Carballo "Historia do Gaiteiro de Lugo" Lucensia 16 (1998)