Alaris
Alaris foi o nome comercial dun servizo ferroviario diúrno, de longa distancia, prestado por Renfe Operadora en España entre 1999 e 2013. Ía asociado habitualmente aos electrotrens da serie 490 aínda que dende 2009 tamén se empregaron unidades da serie 130.
Na súa estrea cubrían a relación Madrid-Valencia/Gandia/Castelló aínda que posteriormente foron derivados cara a outros trazados como os que unen Barcelona con Sevilla e Málaga ou Valencia con Alcázar de San Juan e Albacete. Este servizo de gama media-alta realizábase sobre liñas electrificadas cunha velocidade comercial de 200 km/h.
Historia
editarA metade dos anos noventa, Renfe necesitaba substituír os antigos Talgo III que levaban máis de 30 anos en servizo. Renfe buscaba un novo automotor para poder circular polas liñas electrificadas a velocidades de 200–220 km/h.
Logo dun concurso para o material coñecido como Intercity 2000, no que o consorcio GEC-Alsthom-FIAT Ferroviaria Spa gañou, Renfe encargou a fabricación de 10 electrotrenes basculantes da serie 490, moi parecidos aos ETR 460 de Trenitalia, e ao Cisalpino (ETR 470).
As unidades comezáronse a utilizar para un novo servizo entre Valencia e Madrid vía Albacete, de alta velocidade, alta calidade e confort. Os trens chamáronse nun principio Intercity 2000 pero o nome non tivo boa acollida por parte do equipo de mercadotecnia de Renfe, por iso cambiouse por Alaris (unha marca comercial rexistrada por Renfe Operadora) e modificouse o esquema de pintura.
No ano 2008 empregáronse unidades da serie 120, e desde 2009 empréganse, indistintamente, unidades S130 e S490.
En verán de 2013, Renfe detectou problemas na Serie 490 que afectaba aos bogies. Un problema similar, que se achacou á fatiga do material, afectou aos trens 4000 usado por Comboios de Portugal. Aínda que a compañía lusa optou por reparar o material, no caso de Renfe retirouse e substituíu por outro material rodante. Paulatinamente os servizos Alaris foron desaparecendo como tal en favor de servizos Intercity.
Servizos
editarOs trens Alaris cubriron os seguintes percorridos:
- Barcelona-Sants ↔ Valencia-Nord.
- Valencia-Nord ↔ Alcázar de San Juan.
- Valencia-Nord ↔ Albacete-Los Llanos.
- Madrid-Atocha ↔ Valencia-Nord / Gandia / Castelló / Orpesa
- Barcelona-Sants ↔ Sevilla-Santa Justa / Málaga-María Zambrano.
- Barcelona-Sants ↔ Alacant-Terminal.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Vídeo do Alaris ao seu paso por Alcázar de San Juan, en YouTube
- Vídeo do Alaris ao seu paso por Castillejo-Añover, en YouTube