Ahmadou Ahidjo

político camerunés

prAhmadou Babatoura Ahidjo, nado o 24 de agosto de 1924 en Garoua, Camerún e finado o 30 de novembro de 1989 en Dakar, Senegal, foi o primeiro presidente da República do Camerún, ocupando o posto dende 1960 até 1982.

Ahmadou Ahidjo
Nacemento24 de agosto de 1924
Lugar de nacementoGaroua
Falecemento30 de novembro de 1989
Lugar de falecementoDakar
Causainfarto agudo de miocardio
SoterradoYoff
NacionalidadeCamerún
RelixiónIslam
Ocupaciónpolítico
CónxuxeGermaine Ahidjo
PremiosOrde de Isabel a Católica, Collar of the Spanish Order of the Civil Merit, Order of Valour, Order of Merit, Order of Merit for National Foundation, Star of the Socialist Republic of Romania e Knight Grand Cross in the Order of the Netherlands Lion
Na rede
WikiTree: Ahidjo-1
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria Editar

Primeiros anos e educación Editar

Ahmadou Ahidjo naceu en 1924, no seo dunha familia musulmá residente en Garoua, situada ó norte do Camerún. Finalizou os seus estudos secundarios na Escola Superior Administrativa de Yaoundé, e comeza a traballar como operador nunha emisora de radio entre 1942 e 1946.[1]

Carreira política Editar

Comezou a súa carreira política, sendo elixido deputado da Asemblea de Representantes do Camerún polo período 1947-1952 e sendo reelixido para o período 1952-1956.[2] Mentres era deputado, foi membro da secretaría da Asemblea Territorial, que traballaba xunto á Unión Francesa, en relación á administración do Camerún francés.

En 1957, Francia permite que o Camerún sexa un goberno autónomo, no que Ahidjo asume como Viceprimeiro Ministro e Ministro do Interior, cargos que ocupa até 1958, cando o entón Primeiro ministro André Marie Bbida renuncia, e por iso, fai que Ahidjo asuma como Primeiro ministro do Camerún. Durante ese proceso, funda e preside o partido político Unión Camerunesa (UC).[1]

Como Primeiro ministro, ofreceu unha amnistía e negociacións coa Unión dos Pobos do Camerún (UPC), o partido máis radical do país, para que renunciase á vía armada e se rendese, pero eles negáronse e durante anos, realizaron diversos ataques no país co obxectivo de independizarse de Francia e instaurar o seu propio goberno.[2]

Presidente do Camerún (1960-1982) Editar

Trala independencia do Camerún en 1960, Ahidjo permaneceu como Primeiro ministro, chamando a un referendo o 21 de febreiro, no cal propuña que el asumise a presidencia do novo estado; medida que é aprobada, sendo nomeado Presidente do Camerún o 5 de maio dese mesmo ano, pola Asemblea de Representantes.

Logo dun plebiscito o 1 de outubro de 1961, o sur do Camerún (baixo mandato británico), unifícase co Camerún, dando paso á creación da República Federal do Camerún. Durante esa unificación, Ahidjo tratou de reconciliar os habitantes anglófonos e musulmáns que se situaban no oeste do país, cos do leste, que na súa maioría eran francófonos e católicos.[1]

O 2 de xuño de 1972, mediante outro referendo, promúlgase unha nova constitución, na que o país pasa a chamarse República Unida do Camerún. O 30 de xuño de 1975, nomea a Paul Biya como Primeiro ministro e segundo ó mando do país.

En canto a relacións internacionais, o seu goberno mostrou apoio cara a Occidente, e mantivo moi boas relacións con Francia, quen foi o seu principal provedor de produtos, e entre 1970 e 1978, o seu país ocupou a presidencia da Organización para a Unidade Africana (OUA).[1]

O 4 de novembro de 1982, renuncia á presidencia por motivos de saúde, sendo sucedido por Paul Biya. Porén, as relacións entre ambos deterióranse, ó momento de que Ahidjo acusou a Biya de querer instaurar un réxime policial no Camerún, e este último responde acusandóo de estar detrás dunha conspiración para derrocalo, afirmando que ía deter a todos os partidarios de Ahidjo. Temendo unha represalia, Ahidjo parte ó exilio cara a Francia en agosto de 1983 e ese mesmo mes, renuncia á secretaría xeral do partido.

En 1984, foi xulgado e condenado á morte in absentia polo goberno camerunés, sendo posteriormente conmutada a prisión perpetua. Permaneceu en Francia até 1985, cando viaxa a Senegal e vive alí, até o seu falecemento o 30 de novembro de 1989.[2]

Controversias Editar

O seu goberno foi fortemente criticado, en primeiro lugar polas atribucións de corte ditatorial que Ahidjo posuía no país, nas que gañou cinco veces as eleccións presidenciais de 1965, 1970, 1975 e 1980, nas que contaba cunha escasa maioría, e en segundo lugar polo control da Asemblea de Representantes, por parte da Unión Camerunesa, que tras fusionarse co Partido Nacional Demócratico do Camerún (KNDP), créase en 1985, a Unión Nacional Camerunesa (UNC), dando así a case inexistencia de partidos opositores durante o seu réxime.[1]

Tamén foi acusado de propagar a islamización do país con toques animistas, co fin de reducir a presenza cristiá no país africano.

Primeiro ministro do Camerún

Segue a:
Cargo creado
Ahmadou Ahidjo
Precede a:
Charles Assalé
Unión Camerunesa
Presidente do Camerún

Segue a:
Cargo creado
Ahmadou Ahidjo
Precede a:
Paul Biya
Unión Camerunesa

Notas Editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Biografia de Ahmadou Ahidjo". Consultado o 15 de febreiro de 2017. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Biografia de Ahmadou Ahidjo". Consultado o 15 de febreiro de 2017.