A concesión do teléfono

novela de Andrea Camilleri

A concesión do telefono é unha novela en lingua italiana de Andrea Camilleri. Foi publicada en 1998 por Sellerio co título orixinal de La concessione del telefono, e foi traducida ao galego por María Alonso Seisdedos e publicada por Novo Vinilo Edicións en 2017.

A concesión do telefono
Título orixinalLa concessione del telefono
Autor/aAndrea Camilleri
OrixeItalia
Linguaitaliano - siciliano
Xénero(s)Novela
EditorialItalia Sellerio
GaliciaNovo Vinilo Edicións
Data de pub.Italia 1998
Galicia2017
PáxinasItalia270
Galicia270
ISBNItalia978-88-389-1344-7
Galicia978-84-697-5426-9
TraduciónMaría Alonso Seisdedos

TramaEditar

O comerciante de madeira Filippo Genuardi envía tres cartas ao prefecto Vittorio Marascianno para solicitar a instalación dunha liña de teléfono entre o seu almacén e a casa do seu sogro, un rico home de negocios. Como non recibe resposta busca apoio en Calogero (Don Lollo) Longhitano, pez gordo da mafia de Vigàta, e revélalle o lugar onde se esconde o seu antigo amigo Sasà La Ferlita, quen se escondera por non poder pagar débedas de xogo ao irmán de Don Lollò.

Unha serie de malentendidos levan a Genuardi a unha situación perigosa: por un lado, o prefecto Marascianno, debido a varias inexactitudes nas tres cartas recibidas e a actitude suspicaz da policía, está convencido de que Genuardi é un axitador socialista; doutra banda, Sasà La Ferlita, coa axuda do seu irmán e outro amigo, logra escapar da mafia, e Don Lollo pensa que Genuardi está de acordo con Sasà e cos carabinieri para detelo. Genuardi só recibe a axuda do delegado da policía Spinoso, axudado en parte polo superintendente e o seu superior, o comandante Parrinello, ao entender que Genuardi está "atrapado entre o Estado e a mafia".

Amais destes sucesos, está a vida privada de Genuardi, quen ten un romance coa súa sogra. De feito, este foi o motivo da solicitude da liña telefónica: poder contactar coa súa amante cando o seu sogro estivese ausente. Mais por un malentendido o sogro descobre a verdade, e debido aos celos mata a Genuardi e suicídase pouco despois.

Desta situación aprovéitanse os xenerais dos carabinieri, que foran castigados pola súa actividade persecutoria contra Genuardi. Reconstrúen a escena do crime, simulando que Genuardi manexaba un artefacto explosivo, o que probaría o seu carácter subversivo.

NarraciónEditar

A concesión do teléfono non ten a estrutura habitual da novela. Camilleri alterna dous tipos de escritura: as "cousas escritas" inclúen cartas, informes, documentos oficiais, notas secretas ou artigos de prensa; as "cousas ditas" son os diálogos entre os personaxes, escritos sen indicacións escénicas nin información sobre a ambientación.

Camilleri usou un recurso similar na novela La scomparsa di Patò. O autor afirmou que empregou esta estrutura na novela para facer que a persoa lectora sexa autora da propia historia, o que entronca coa teoría da recepción.[1] As cousas ditas e escritas altérnanse no relato, fusionándose só no capítulo final, que serve de epílogo da historia. Ao longo do texto vaise creando unha interacción entre os personaxes que contribúe a crear unha comedia de equívocos.

No prólogo o autor explica que tivo a idea da novela logo de atopar un decreto ministerial de 1892 para a concesión dunha liña telefónica privada (documento orixinal que aparece reproducido na novela), un texto que prevía unha densa rede de obrigas burocráticas e administrativa. Os malentendidos nacen precisamente a partir da dificultade de desenvolverse na maraña de oficinas públicas.

O autor emprega de forma alterna tres rexistros lingüísticos: o italiano formal, o italiano informal e o siciliano. Amais, adapta os trazos ortotipográficos e formais da documentación aos propios de finais do século XIX. Na tradución ao galego recorreuse a elementos propios desa época, como o uso da forma decer en vez do verbo dicir, a interpolación como recurso estilístico, o futuro do subxuntivo ou a forma vosa mercé en vez de vostede[2].

Espazo e tempoEditar

A historia desenvólvese en Sicilia a finais do século XIX. O espazo principal é a cidade de Vigata (espazo imaxinario que se corresponde con Porto Empedocle, lugar de nacemento de Camilleri), capital da provincia de Montelusa (correspondente á provincia de Agrigento). A trama desenvólvese tamén na cidade de Palermo. A acción comeza o 12 de xuño de 1891 e remata o 20 de agosto 1892. A novela iníciase cunha cita de Luigi Pirandello, da súa novela I vecchi e i giovani ("Os vellos e os mozos", 1909), ambientada en Sicilia entre 1892 e 1893. A obra relata o nomeamento de Giovanni Giolitti como Presidente do Consello de Ministros e o desenvolvemento dos Fasci Siciliani.

As dificultades da burocracia veñen creadas polo hábito do Estado italiano logo da Unificación de Italia de enviar funcionarios que non coñecían a realidade local (case todos os sicilianos, amais do nome do bautismo, teñen un alcume ('nguñia) totalmente diferente, útil para eludir as obrigas legais), sen preparación ou inadecuados para desenvolver o seu traballo. Este rol desenvólvese na figura do prefecto paranoico Marascianno, que fala cos números da smorfia napolitana, ve conspiracións socialistas en todas partes e crese vítima da delincuencia fantasma. Tamén os tenentes dos carabinieri Lanza-Turò e Lanza-Scocca, que despois de considerar erroneamente Filippo Genuardi un axitador socialista, intentan acusalo de calquera xeito. Ao remate da novela, e tras a concatenación de despropósitos traxicómicos, os superiores do Ministerio desde Roma non poden reaccionar doutra xeito que enviando os culpables a Sardeña e substituíndoos por outros que, previsiblemente, son aínda peores.

Os poucos funcionarios públicos que intentan traballar de forma honesta, como o delegado Spinoso, a pesar do seu compromiso e algúns éxitos efémeros están destinados á derrota. Filippo Genuardi logre evadir todos os cargos non polo empeño das forzas da lei, senón pola vontade de Lollò Longhitano, un home de honor que ten amizades en todos os recunchos da administración pública e que a través das súas recomendacións pode impoñer a súa vontade a case todos os habitantes de Vigàta. Spinoso é consciente de que está atrapado sen posibilidade de salvación.

O protagonista, Filippo Genuardi, é tamén unha vítima deste tecido diabólico, mais ao cabo non é un heroe ou un protagonista positivo: marido desleal e comerciante parasito, para obter a concesión telefónica está disposto a entregar o seu antigo mellor amigo en mans da mafia, a ameazar con armas e facer chantaxe aos donos das terras sobre as cales deben colocarse os postes da liña telefónica, ou para subornar calquera que o poida axudar na administración pública.

EdiciónsEditar

Houbo unha adaptación teatral da obra, presentada no Teatro Stabile di Catania na campaña 2005-2006, con dirección de Giuseppe Dipasquale e adaptación do propio Camilleri.

O libro foi obxecto da primeira transacción de comercio electrónico con tarxeta de crédito a través da plataforma IBS.it.[3]

NotasEditar

  1. Entrevista no programa da RAI Per un pugno di libri, 6 de marzo de 2008 (en italiano).
  2. "O que dece o Camilleri en galego", artigo de Manuel Arca Castro no blog Derrubando isoglosas, 23 de decembro de 2017.
  3. "Diciotto anni fa l'e-commerce debuttò in Italia - Tecnologia". ANSA.it. 3 de xuño de 2016. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar

  • Ficha na web da editorial.