Área arqueolóxica de Tourón
A área arqueolóxica de Tourón é un dos conxuntos de arte rupestre ao ar libre máis singulares de Galiza. Está situada en Tourón, unha parroquia do concello de Pontecaldelas, Pontevedra. Trátase dun enorme xacemento de máis de 150 000 metros cadrados, composto por cinco estacións de petróglifos e gravados sobre rochas. Forma parte do conxunto de arte rupestre de Terras de Pontevedra.
Segundo os investigadores, estes vestixios datan do final da época do Neolítico e da Idade de Bronce. Foron realizados, por tanto, aproximadamente entre os anos 3.000 e 2.000 a.C.
Os petróglifos que se atopan no interior da área caracterízanse pola orixinalidade das figuras representadas. Cazoletas, combinacións circulares, zoomorfos, trísceles e esvásticas son algúns dos motivos destes gravados, que van desde paneis sinxelos a, nalgúns dos casos, composicións extraordinariamente complexas para a época.
Composición
editarAs cinco estacións da área arqueolóxica de Tourón son:
- Laxe das Cruces é o máis destacado de todos a conxuntos da área. Presenta un numeroso e heteroxéneo conxunto de motivos xeométricos e naturalistas. Destaca unha forma circular da que saen raios ou brazos que exceden a liña exterior e acaban en círculos pequenos. Un gran cervo, feito a través da técnica do rebaixado, e outros animais forman unha unidade compositiva co resto das figuras.
- Outeiro da Forcadela é un dos conxuntos máis sinxelos, composto por círculos concéntricos e cazoletas interiores.
- Couto das Sombriñas reúne unha serie de gravados animalistas e outra de trazos dificilmente identificábeis. Unha das figuras, reproducida no centro de interpretación representa un humano cos brazos no alto e armas nas súas mans fronte a un cuadrúpede.
- Couto da Siribela é un conxunto no que destaca o Orante e varias escenas de equitación. Ademais, presenta unha espiral, varias cazoletas, un óvalo aberto con apéndice ou motivos orixinais como un par de liñas paralelas con círculos e combinacións circulares.
- Nabal de Martiño contén unha das escenas de caza mellor conservadas da área rupestre de Terras de Pontevedra, protagonizada por un gran cervo macho con baleirado interior. Nela, un home armado irrompe no medio dunha manda de cervos que beben nunha poza, e foxen espantados en todas as direccións cando aparece o cazador coas lanzas.
Recuperación do patrimonio e Centro Arqueolóxico de Tourón
editarO centro arqueolóxico de Tourón, inaugurado en 2007, creouse co obxectivo de dar a coñecer toda esta área arqueolóxica e servir como ferramenta de interpretación. Conta cunha exposición estábel que ilustra como era a vida no poboado que houbo na zona. Ademais, analiza os lugares onde se fixeron os petróglifos e as escenas e motivos que se representaban.
A comunidade de montes de Tourón cedeu a ladeira da montaña para que todo o mundo puidese ver o patrimonio agochado entre toxos, eucaliptos e frouma. Un proxecto do concello de Ponte Caldelas financiado pola Xunta e o Plan PRODER fixo visíbel, visitábel a valiosa paisaxe cultural.[1]
En 2017 o pleno de Pontecaldelas aprobou por unanimidade[2] solicitar á UNESCO a inclusión dos petróglifos galegos[3] como Patrimonio da Humanidade.[4]
Notas
editar- ↑ "Caza e chamáns na montaña". Blog de Manuel Gago.
- ↑ "Unanimidade en Pontecaldelas". Pontevedra Viva.
- ↑ "Petróglifos de Galicia". Blog Oestrymnio.
- ↑ "UNESCO: Os petróglifos galegos son arte". Galicia Máxica.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Área arqueolóxica de Tourón na páxina web de Turgalicia.
- Páxina web do Concello de Pontecaldelas.