Unha árbore de Nadal é unha árbore decorativa, típica da festa de Nadal. Tradicionalmente emprégase unha conífera de folla perenne, coma piñeiros, piceas e abetos, destacando entre elas as especies Abies nordmanniana, Picea abies e Picea excelsa. En Galiza tamén se empregan exemplares novos de piñeiro bravo[1]. Na actualidade tamén está moi popularizado o uso de árbores artificiais de plástico e outros materiais sintéticos. Decórase con elementos propios do Nadal como esferas, luces, estrelas, lazos, grilandas e outros elementos decorativos.

Árbores de Nadal.

Historia

editar

Cando os primeiros cristiáns acadaron o norte de Europa, acharon que os seus moradores celebraban o nacemento de Frey, deus do Sol e a fertilidade, adornando unha árbore perenne, polo solsticio de inverno (data achegada ao Nadal cristián); estes pobos indoeuropeos facían ritos relacionados coas árbores e os paus. Disque os celtas adoitaban celebrar a chegada do inverno colocando unha árbore, xeralmente un abeto, no largo da vila, adornado con cascas de ovo pintadas. Algunhas investigacións especifican que esta árbore estaba presente nas cerimonias da primitiva Roma. En Galiza sobreviviu o ritual do tizón de Nadal entre outras tradicións precristiás. Esta árbore perenne simbolizaba a árbore do Universo, chamada Yggdrasil, en cuxa copa se atopaba Asgard (a morada dos deuses) e o Valhalla (o pazo de Odín); e nas raíces máis fondas estaba Helheim (o reino dos mortos).

Posteriormente, coa evanxelización deses pobos, os conversos[2] tomaron a idea da árbore, para celebrar o nacemento de Cristo (a data do Nadal fixouse seguramente por coincidir con festas pagás ligadas ao sol), porén cambiándolle totalmente o significado.

Disque san Bonifacio (680-754), evanxelizador de Alemaña, colleu un machado e cortou unha árbore que representaba o Yggdrasil (aínda que tamén puido ser unha árbore consagrada a Thor), e no seu lugar plantou un piñeiro, que por ser perenne, simbolizou o amor de Deus, enfeitándoo con mazás e candeas. As mazás simbolizaban o pecado orixinal e as tentacións, mentres que as candeas representaban a luz de Xesús Cristo coma luz do mundo. Co paso do tempo, as mazás e mailas luces, transformáronse en bólas e outros enfeites. Foi cara ao século XVI cando Martiño Lutero e os seus seguidores adoptaron este costume e introduciron a árbore adornada con candeas na noite do 24 de decembro en fogares e templos. Existe paralelamente a lenda dun misioneiro inglés que difundía a palabra de Xesús entre as tribos do norte de Alemaña. Ao chegar a Geismar viu como pretendían sacrificar a un príncipe atado ao tronco dunha árbore para ser ofrecido ao deus Thor. Irrompendo a cerimonia, o misioneiro derribou a árbore cun machado, agromando nese mesmo intre un fermoso piñeiro que, segundo a lenda, era a proba da vida nova que representaba Xesús.

Despois engadiuse a tradición de pór agasallos para os nenos debaixo da árbore, enviados por San Nicolás (o Papá Noel), os Reis Magos, ou incluso o recuperado Apalpador galego, dependendo da lenda da zona onde se atope.

A árbore de Nadal en Europa

editar

É posíbel que a primeira árbore de Nadal, como se coñece na actualidade, xordese en Alemaña, onde se implantou por vez primeira en 1605 para ambientar o frío do Nadal, comezando así o seu espallamento. A Finlandia chegou en 1800, mentres que a Inglaterra fíxoo en 1829, e no Castelo de Windsor viuse por vez primeira en 1841, da man do príncipe Alberte, home da raíña Vitoria[3].

O costume de adornar unha árbore chega a Madrid no ano 1870 grazas a unha muller de orixe rusa chamada Sofía Trubetskaya, que despois de enviuvar do duque de Morny, medio irmán de Napoleón III, controuxo segundas nupcias co aristócrata español Pepe Osorio, o Gran Duque de Sesto, un dos maiores promotores da Restauración borbónica que permitiu a Afonso XII reinar. Así, seica a primeira vez que se colocou unha árbore de Nadal en España foi en Madrid, durante o Nadal do ano 1870, no desaparecido palacio de ditos nobres, o palacio de Alcañices, situado no Paseo del Prado, esquina coa Rúa de Alcalá[4].

A árbore de Nadal en Galiza

editar

En Galiza, o illamento fai que a tradición chegue máis tarde, popularizándose na segunda metade do século XX, principalmente nas cidades, seguindo as modas de España e do cinema, nun principio era popular pór piñeiros noviños coma árbores de Nadal no canto de abetos. Hoxe en día, ademais das árbores artificiais, unha das especies máis populares é o abeto vermello (Picea abies). Hoxe en día incluso hai empresas en Galiza que, de xeito sostible, alugan árbores de Nadal e lévanos á casa[5].

Elementos decorativos

editar
 
Bólas típicas da árbore de Nadal

A tradición de adornar a árbore de Nadal seica empezase en Alemaña ou Escandinavia aló polos séculos XVI e XVII, espallándose despois por outros países europeos[6].

Para a súa decoración emprégase na actualidade unha gran diversidade de obxectos e elementos, sendo os máis tradicionais:

  • Estrela: colocada xeralmente no bico da árbore, representa a fe que debe guiar a vida do cristián, lembrando a estrela de Belén.
  • Esfera: ao parecer nun principio San Bonifacio adornou a árbore con mazás, representando con elas as tentacións. Hoxe en día, acostúmanse colocar bólas que simbolizan os dons de Deus aos homes.
  • Lazos e grilandas: Sempre se pensou que os lazos representan a unión das familias e persoas queridas arredor de dons que se desexan dar e recibir.
  • Luces: nun principio candeas, representan a luz de Cristo.
  1. Artigo sobre o Nadal en Portal das Palabras
  2. Origen del árbol de Navidad, Los primeros cristianos no celebran la navidad. - http://rcg.org/es/folletos/ttooc-es.html
  3. El legendario origen del árbol de Navidad, por Isabel Martínez Pita, consultado o 30 de novembro de 2008 - http://www.revistalaguia.com/articulo.php?id=770&edicion=78 Arquivado 09 de marzo de 2009 en Wayback Machine.
  4. Biografía de José Osorio y Silva, consultado o 30 de novembro de 2008 - http://www.biografiasyvidas.com/biografia/o/osorio_jose.htm
  5. Proxecto Nadal Verde coma noticia en El Correo Gallego - http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/nadal-verde-aluga-arbores-nadal-compostela/idEdicion-2013-12-05/idNoticia-840846/ Arquivado 08 de decembro de 2013 en Wayback Machine.
  6. El árbol de Navidad, consultado o 30 de novembro de 2008 - http://www.unafrasecelebre.com/navidad/arboldenavidad.asp

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar