Ácido isocítrico

composto químico

O ácido isocítrico é un ácido orgánico de 6 carbonos coa fórmula HOOC–CH2–CH(COOH)–CHOH–COOH, que intervén no ciclo do ácido cítrico. Contén tres grupos carboxilo (-COOH), polo que é un ácido tricarboxílico, e un -OH. É isómero do ácido cítrico.

Ácido isocítrico
Identificadores
Número CAS 320-77-4
PubChem 1198
ChemSpider 1161
DrugBank DB01727
KEGG C00311
MeSH Isocitrate
ChEBI CHEBI:30887
ChEMBL CHEMBL539669
Imaxes 3D Jmol Image 1
Propiedades
Fórmula molecular C6H8O7
Masa molar 192,12 g mol−1
Punto de fusión 105 °C

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
Fórmulas do ácido cítrico (esquerda) e do citrato a pH celular (dereita).

É un ácido feble, e a pH celular os seus grupos carboxilo están ionizados, polo que está en forma do anión isocitrato. Os seus sales e ésteres tamén son isocitratos.

O isocitrato no ciclo do ácido cítrico editar

O isocitrato é unha das moléculas intermediarias do ciclo do ácido cítrico ou de Krebs. Durante algúns anos despois da formulación deste ciclo entre os investigadores persistían as dúbidas sobre cal era o primeiro produto formado a partir da condensación do oxalacetato cos carbonos do acetil-CoA procedentes do piruvato. Sabíase que era un ácido tricarboxílico, pero non se sabía cal, xa que podía ser o citrato, o isocitrato ou o cis-aconitato, polo que ao ciclo se lle chamou "ciclo do ácido tricarboxílico". Despois soubose con certeza que era o citrato, polo que se lle chamou "ciclo do ácido cítrico".

No ciclo do ácido cítrico, o isocitrato fórmase a partir do citrato nunha reacción de isomerización catalizada polo encima aconitase, na que o -OH do citrato cambia de carbono. Na reacción fórmase un produto intermedio chamado cis-aconitato, que normalmente non se disocia do centro activo do encima, e que orixina rapidamente o isocitrato. Citrato e isocitrato son, pois, isómeros.

Na seguinte reacción do ciclo o isocitrato convértese en alfa-cetoglutarato nunha descarboxilación catalizada pola isocitrato deshidroxenase. O citrato perde un dos grupos -COOH en forma de CO2 á vez que se deshidroxena, formando NADH. Por tanto, parte do CO2 e do poder redutor formado no ciclo do ácido cítrico procede do isocitrato[1]

Isocitrato no ciclo do glioxilato editar

O ciclo do glioxilato pode considerarse unha variante do ciclo do ácido cítrico que teñen as plantas e algúns microorganismos, que lles permite transformar graxas en azucres. O isocitrato participa nel. Neste ciclo o isocitrato orixínase a partir do citrato pola mesma reacción do ciclo do ácido cítrico. Pero a reacción seguinte é distinta, xa que o encima isocitrato liase escinde o isocitrato en glioxilato e succinato. Este succinato será o que se desvíe á gliconeoxénese para producir azucres[1].

Usos editar

O ácido isocítrico úsase comunmente como marcador para detectar a autenticidade e calidade dos produtos frutícolas, principalmente os zumes de cítricos[2][3] No zume de laranxa auténtico, por exemplo, a proporción de ácido cítrico/ácido D-isocítrico é normalmente menor de 130. Un valor de ácido isocítrico maior ca este pode ser un indicio de adulteración no zume.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Lehninger A. (1988). Omega, ed. Principios de Bioquímica. 
  2. "CEU- Universidad San Pablo" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de novembro de 2018. Consultado o 16 de agosto de 2011.  Arquivado 03 de novembro de 2018 en Wayback Machine.
  3. Kvasnička, František; Voldřich, Michal; Pyš, Petr; Vinš, Ivan (2002-12). "Determination of Isocitric Acid in Citrus Juice—A Comparison of HPLC, Enzyme Set and Capillary Isotachophoresis Methods". Journal of Food Composition and Analysis (en inglés) 15 (6): 685–691. doi:10.1006/jfca.2002.1101.