Eurozona

(Redirixido desde "Zona Euro")

A eurozona ou zona euro é unha rexión europea que agrupa os países da Unión Europea que teñen como moeda oficial o euro (€). O Banco Central Europeo é o responsábel da política monetaria na zona euro, e o eurogrupo é o órgano político que reúne os representantes dos países que utilizan esta moeda.

     Países da Eurozona      Países da ERM II      outros membros da UE      países fóra da UE que adoptaron ó euro unilateralmente

Os 19 países membros da zona euro son, dende 2015, Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Letonia,Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos e Portugal.

Historia e característicasEditar

A eurozona foi creada en 1999 por 11 países da Unión Europea, mais os billetes e moedas non comezaron a circular até o 1 de xaneiro de 2002. Posteriormente incorporáronse Grecia o 1 de xaneiro de 2001 (entrando en circulación xunto cos anteriores), Eslovenia o 1 de xaneiro de 2007, Malta e Chipre o 1 de xaneiro de 2008, Eslovaquia o 1 de xaneiro do 2009, Estonia o 1 de xaneiro de 2011, Letonia o 1 de xaneiro de 2014 e Lituania o 1 de xaneiro de 2015. Respecto dos territorios dos Estados da Unión que non pertencen á propia UE, utilizan o euro as colectividades de ultramar francesas de Saint-Pierre-et-Miquelon, San Bartolomé, as Terras Antárticas e Austrais Francesas e a illa de Clipperton, así como as bases soberanas británicas de Acrotiri e Dekhelia situadas na illa de Chipre.

Ademais destes 19 países existen outros fóra da Unión Europea que tamén teñen o euro como moeda única. Entre eles están Mónaco, San Marino, Cidade do Vaticano (que emiten os seus propios euros grazas a que teñen acordos legais coa Unión Europea), Andorra (ten acordos legais coa Unión Europea pero non emite euros propios). Kosovo e Montenegro utilízana sen acordos legais coa Unión Europea.

Os países da Unión Europea que non están na eurozona pero teñen a obriga de adoptalo son Bulgaria, Croacia, Suecia, Hungría, Polonia, República Checa e Romanía. O Reino Unido e Dinamarca gozan dunha cláusula de exclusión que lles permite continuaren a utilizar as súas moedas nacionais indefinidamente.