Xuízo por Traizón de 1956

proceso xudicial en Suráfrica

O Xuízo por Traizón (Treason Trial en inglés e traducido tamén como Proceso por Traizón, Proceso por alta traizón e Proceso da traizón)  é o nome dado ó proceso xudicial que tivo lugar entre 1958 e 1961 en Suráfrica contra 156 persoas, maioritariamente membros do Congreso Nacional Africano (CNA) e do Partido Comunista Surafricano.[1] Foron acusados de alta traizón (hoogverraad en afrikaans) e de conspiración a escala nacional. Igualmente acusóuselles de querer derrocar o goberno por medio da violencia e de querer substituílo por un Estado comunista. Estas acusacións podían ser castigadas coa pena de morte. Os primeiros arrestos producíronse en decembro de 1956 e os primeiros procesos comezaron en 1958. Logo de 3 anos de procedementos xudiciais, foron liberadas sucesivamente máis de 70 persoas. Os últimos acusados, 30 inculpados en total, entre os que se atopaban Nelson Mandela e Ruth First, foron absoltos finalmente o 29 de marzo de 1961.[2] Os xuíces estimaron que a Coroa non lograra probar que o CNA usase a violencia para derrocar o goberno.

Antecedentes e fase preparatoria editar

En xuño de 1956, en Kliptown, o Congreso do Pobo reuniu tres mil delegados de organizacións antiapartheid e adoptou a Carta da Liberdade; posteriormente, o 5 de decembro de 1956, a policía procedeu ó arresto de 144 militantes do CNA e dos seus aliados, entre os que se atopaban Albert Lutuli e Nelson Mandela. Unha semana despois foron arrestadas outras doce persoas incluíndo a Walter Sisulu. En total, a policía detén 156 persoas (105 negros, 21 indios, 23 brancos e 7 mestizos), entre eles a toda a dirección nacional do CNA.[3] Son formalmente acusados e encerrados durante 15 días na prisión de Fort en Xohanesburgo antes de seren liberados baixo fianza.[4]

O obxectivo ó que apuntaba o goberno, como ente acusador, era o de desintegrar a Alianza do Congreso que agrupaba varias organizacións antiapartheid. O período cuberto pola acusación ía dende o 1 de outubro de 1952 até o 13 de decembro de 1956 e abranguía principalmente a Campaña de desafío, as manifestacións polo desprazamento forzado dos habitantes de Sophiatown e a participación dos inculpados na redacción da Carta da Liberdade. Esta foi presentada polo goberno como unha declaración de principios revolucionarios, pois a súa aplicación implicaba o derrocamento a través da violencia do goberno e a destrución do estado surafricano tal como existía nese entón. Os retidos foron acusados igualmente de querer estabelecer un réxime comunista en Suráfrica (os movementos comunistas eran ilegais grazas a unha lei adoptada a comezos dos anos 50). Para o goberno, baseado no antigo dereito holandés aplicable en Suráfrica, os acusados eran culpables de alta traizón, o que era considerado como «unha intención hostil de perturbar, debilitar ou pór en perigo a independencia ou a seguridade do Estado».[5]

O equipo defensor estaba conformado por Izrael Maisels, Sydney Kentridge, Vernon Berrangé e Bram Fischer. Pola súa banda, o goberno estaba representado por Oswald Pirow (quen morreu antes do final do proceso).

A fase preparatoria do proceso tivo lugar diante dun tribunal de primeira instancia de Xohanesburgo e durou once meses. Durante este período, os cargos foron examinados un a un para determinar se había materia para enviar os acusados diante da Corte Suprema. En decembro de 1957, a corte anuncia que abandonaba os cargos existentes en contra de 61 dos acusados (quedando 95 interpelados). Entre estes 61 liberados atopábanse Oliver Tambo e Albert Lutuli.[6]

Proceso editar

O proceso comezou o 3 de agosto de 1958 nunha antiga sinagoga de Pretoria transformada en tribunal. A alta corte especial creada para este caso estaba composta por tres xuíces (e non dun só como era o habitual) dende logo todos brancos, pero sobre todo coñecidos pola súa proximidade co partido no poder, o Partido Nacional.[7] A defensa logrou recusar un dos xuíces, quen foi substituído por un xuíz reputado de ser imparcial. Ó cabo dunha semana, a estratexia xurídica disposta pola defensa comezou a dar os seus froitos: a corte anula unha das dúas acusacións relativa á lei sobre a prohibición do comunismo. Tras dous meses de proceso e diante do enfraquecemento dos cargos, a Coroa presentou un novo cargo contra 30 dos acusados. A mediados de 1959, para as outras 62 persoas que restaban, a corte pronunciouse a prol da súa liberación a falta de probas. A morte de Oswald Pirow en outubro de 1959 é un golpe serio que afectou a eficacia e a agresividade do xa debilitado equipo acusador. O seu substituto non tiña a elocuencia nin a mordacidade do seu predecesor.[8] Este, por exemplo, non puido facer nada cando unha das principais testemuñas da parte acusatoria, o profesor Andrew Murray, errou nun contrainterrogatorio da defensa e admitiu que a Carta da Liberdade é un documento humanitario que podía perfectamente representar a reacción e as aspiracións naturais dos non brancos de Suráfrica.[9]

O ente acusador presentou as súas conclusións o 10 de marzo de 1960 e catro días máis tarde, a defensa comeza a facer declarar ás súas testemuñas. Porén, durante a quenda de Albert Lutuli de testificar, no sur de Transvaal, o 21 de marzo ocorre a matanza de Sharpeville, feito que interrompe durante varios días (até o 31 de marzo) o proceso. A principios do mes de abril o CNA é suspendida e, declarado o estado de emerxencia, os acusados son recluídos na prisión de Pretoria. A estes outórgaselles permisos de saída durante os fins de semana. O estado de emerxencia finalmente é levantado o mes de agosto permitindo que os detidos regresen ós seus domicilios, case todos situados en Xohanesburgo ou os seus arredores.

O 29 de marzo de 1961, despois de desestimar unha petición extraordinaria do ministerio público para cambiar o representante do ente acusador, o xuíz F. L. Rumpff pronunciouse dando un veredicto de absolución a prol dos acusados, mencionando que aínda que o CNA buscaba substituír o goberno por unha forma de estado radicalmente e fundamentalmente diferente, que ademais utilizara métodos ilegais en busca de cumprir o seu obxectivo, que algúns dos seus dirixentes defenderan o uso da violencia, e que algúns utilizaban unha retórica de esquerda antiimperialista, antioccidental e prosoviética, a Coroa non lograra demostrar que o CNA recorrese a unha política que apuntase a derrocar o estado a través da violencia, nin que o CNA fose unha organización comunista, nin que a Carta da Liberdade tivese como obxectivo o estabelecemento dun réxime comunista en Suráfrica. En consecuencia, o xuíz absolveu ós acusados declarándoos non culpables.[10]

Notas editar

  1. linguee. "Ejemplos de traducciones de otras fuentes para 'treason trial'". 
  2. Nelson Mandela. Rocco, ed. Conversas que tive comigo (en portugués) (primera ed.). ISBN 9788532526076. 
  3. Nelson Mandela, infra, p 243
  4. Ibidem. pp. 248 y 252.
  5. Ibidem. pp. 246 y 247.
  6. Ibidem. p. 258.
  7. Ibidem. pp. 272 y 273.
  8. Ibidem. p. 283.
  9. Ibidem. p. 284.
  10. Ibidem. p. 316.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar