Abrir o menú principal

Xoán Sexismundo Zápolya

rei de Hungría e príncipe de Transilvania

Xoán Sexismundo Zápolya (en húngaro: Szapolyai János Zsigmond), nado en Buda, actual Budapest o 7 de xullo de 1540 e finado en Gyulafehérvár o 14 de marzo de 1571) foi un nobre, conde de Szepes e fillo do rei Xoán I de Hungría e de Sabela Jagiellon de Hungría. Xoán Sexismundo foi o primeiro Príncipe de Transilvania (1541-1571), logo de que esta se independizase trala ocupación turca de Hungría. Foi rei electo (rex electus) de Hungría como Xoán II (máis nunca foi coroado ou reinou).

Xoán Sexismundo Zápolya
Janos-zsigmond.jpg
Nacemento7 de xullo de 1540
 Buda
Falecemento14 de marzo de 1571
 Alba Iulia
SoterradoSt. Michael's Cathedral
NacionalidadeHungría
RelixiónUnitarismo
Ocupaciónorganista
PaiJoão Zápolya
NaiIsabella Jagiellon
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Logo de resistir durante dous séculos os ataques turcos otománs, Hungría finalmente foi derrotada en 1526 na batalla de Mohács, onde morreu o rei Lois II de Hungría. Ó non deixar herdeiros, axiña o voivoda de Transilvania, o conde húngaro Xoán de Zápolya e Fernando I de Habsburgo, irmán do emperador xermánico fixéronse coroar como reis húngaros e continuaron unha serie de loitas por conservar o control do reino. Posto que o rei Xoán I de Hungría non tiña fillos herdeiros, trala súa morte, Fernando Habsburgo e os seus descendentes serían os reis húngaros.

 
Xoán Sexismundo Zápolya axeonllado perante o sultán Suleimán o Magnífico en 1556.

Porén, en 1540 xusto antes de morrer, Xoán I decatouse de que a súa esposa a raíña Sabela Jagiellon (filla do rei Sexismundo I de Polonia) finalmente dera a luz un fillo home, ó cal chamaron Xoán Sexismundo Zápolya e de inmediato foi proclamado como sucesor no trono húngaro. Fernando axiña se decatou disto e mobilizou os seus exércitos cara a Hungría, tralo cal o sultán Suleimán o Magnífico enfurecido decidiu que non se podía confiar nin nos húngaros nin nos xermánicos, pois pactaban en segredo ás súas costas.

En poucos meses, os exércitos otománs avanzaron cara á sede real húngara, Buda, instalando o seu campamento en agosto de 1541 xunto á montaña sobre a cal se achaba a cidade real. Axiña Suleimán enviou os seus emisarios ó palacio pedíndolle á raíña viúva Sabela que fose ó campamento turco a presentarlle ó neno acabado de nacer. Baixando nunha carruaxe dourada onde viaxaba a raíña con varias amas de cría que levaban a Xoán Sexismundo nos seus brazos, axiña os húngaros se deron conta de que o sultán artellaba algo: un continxente de xanízaros turcos aproveitou a ocasión para coarse na cidade e sen ningún enfrontamento armado esta foi tomada polas forzas otomás. Logo de estar varios días encerrada no seu palacio, a raíña Sabela foi trasladada co seu fillo ao castelo de Lippa, xunto ao río Maros. O sultán permitíralle levar todas as súas pertenzas persoais e prometeulle que ocuparía a cidade de Buda até a maioría de idade de Xoán Sexismundo, quen reinaría de forma independente, aínda que como vasalo do Imperio Otomán. A raíña arribou finalmente á cidade de Gyulafehérvár en Transilvania (onde a familia do seu esposo tiña extensos dominios), mudándose ó palacio obispal que foi remodelado para acoller á raíña e ao seu fillo.[1]

O pequeno Xoán Sexismundo creceu baixo a tutoría da súa nai, a raíña Sabela, e do monxe Xurxo Martinuzzi, quen exerceron de rexentes de Transilvania até a maioría de idade do mozo Zápolya. Xoán Sexismundo converteuse nunha persoa culta. Falaba e escribía en oito idiomas: húngaro, polaco, italiano, latín, grego, romanés e turco. Era coñecido por ser garrido (de contextura media e atlética, cabelos louros, beizos delgados, pel delicada). Era un apaixonado amante dos libros, así como da música e a danza. Malia a súa contextura delgada adoraba a caza e facía uso da lanza en devanditas ocasións.

Á parte do seu gran nivel cultural, tamén era famosa a súa extrema paciencia e sentido da xustiza. Era quen de escoitar durante horas as diversas discusións relixiosas entre sacerdotes católicos e protestantes. Tamén é importante salientar que os territorios de Hungría que estaban baixo o seu control contaban cun exército de 50 000 soldados permanentes, sendo algo extraordinario para a súa época, pois ningún outro Estado europeo dispuña constantemente de devandita forza militar.

En 1568, Xoán Sexismundo, aconsellado polo teólogo Ferenc Dávid, ordenou a sanción do Edicto de Turda, o cal estipulaba que se debían respectar as catro tendencias relixiosas cristiás principais: (catolicismo, luteranismo, calvinismo e unitarismo).

Posteriormente, a pugna entre os dous pretendentes ó trono húngaro continuou ata que un par de anos despois da Paz de Adrianópole en 1568, asinada entre o emperador germánico Maximiliano II de Habsburgo e o sultán Selim II, Xoán Sexismundo vese obrigado a renunciar ó título de rei húngaro en 1570.

No acordo de Speyer entre Xoán Sexismundo e o emperador, Transilvania foi recoñecida como un Principado independente baixo vasalaxe ante os turcos otománs con Xoán Sexismundo á súa cabeza, selándose así a separación do reino húngaro en tres rexións político-administrativas independentes. Xoán Sexismundo morreu poucos meses logo da ratificación de devandito acordo en 1571, e o conde Estevo I Báthory foi elixido como novo Príncipe transilvano pola grande asemblea.

NotasEditar

  1. Lázár, Gyula. (2011). Az Oszmán Birodalom fénykora és hanyatlása (La Edad de Oro y la Caída del Imperio otomano). Attraktor. pág.: 81-83.