Un xenobiótico é unha substancia química que se encontra nun organismo vivos que no se produce de forma natural nin se espera que estea presente nese organismo. Tamén se poden denominar así substancias que están presentes en moito maiores concentracións das normais. Por exemplo, fármacos como os antibióticos son xenobióticos para os humanos porque o corpo humano non pode producilos por si mesmo, nin forman parte dos seus alimentos normais. Moitos deles teñen unha estrutura química pouco frecuente ou inexistente na natureza.

Os xenobióticos poden ser compostos arficiais ou naturais. Os compostos naturais poden ser tamén xenobióticos se son captados por outro organismo que non os produce, como a captación de hormonas humanas por peixes que están augas abaixo de plantas de tratamento de augas, ou as defensas químicas producidas por algúns organismos como protección contra os depredadores que entran no corpo destes.[1]

Porén, o termo xenobiótico é utilizado moi a miúdo para referirse a contaminantes como dioxinas e bifenilos policlorados e os seus efectos sobre a biota, porque os xenobióticos son entendidos tamén como substancias alleas a un sistema biolóxico completo, é dicir, substancias artificiais no ecosistema, que non existían na natureza antes da súa síntese polos humanos. O termo xenobiótico deriva do grego ξένος (xenos), alleo, estranxeiro e βίος (bios), vida.

Os xenobióticos poden clasificarse en carcinóxenos, fármacos, contaminantes ambientais, aditivos alimentarios, hidrocarburos, e pesticidas.

Metabolismo xenobiótico editar

Artigo principal: Metabolismo de fármacos.

O corpo elimina os xenobiótiocos por medio do metabolismo xenobiótico. Este consiste na desactivación e excreción dos xenobióticos, e ten lugar principalmente no fígado. As rutas de excreción son a urina, feces, alento, e suor. Os encimas hepáticos son os responsables do metabolismo xenobiótico ao activalos primeiramente (oxidación, redución, hidrólise e hidratación do xenobiótico), e despois conxugar o metabolito secundario activo co ácido glicurónico, ácido sulfúrico, ou glutatión, ao que segue a excreción pola bile ou urina. Un exemplo dun grupo de encimas implicados no metabolismo xenobiótico é o do citocromo P450 hepático microsómico. Estes encimas que metabolizan os xenobióticos son moi importantes para a industria farmácéutica, porque son os responsables da degradación dos medicamentos.

Coñecer o metabolismo de xenobióticos é básico para unha comprensión racional da farmacoloxía e a terapéutica, farmacéutica, toxicoloxía, investigación do cancro e toxicomanía. En todas estas áreas estúdase a administración de xenobióticos ou a exposición a eles.

Os organismos poden tamén evolucionar para tolerar os xenobióticos. Un exemplo é a coevolución da produción de tetrodotoxina no anfibio Taricha granulosa e a evolución dunha tolerancia á tetrodotoxina no seu depredador a serpe Thamnophis sirtalis.[2] Na serpe evolucionou unha modificación das canles iónicas sobre as que actúa a toxina, facéndoa resistente aos seus efectos.[3]

Os xenobióticos no ambiente editar

Algúns xenobióticos son resitentes á degradación. Por exemplo, os organoclorados sintéticos como certos pesticidas e plásticos, ou compostos químicos orgánicos naturais como hidrocarburos poliaromáticos (PAHs) e algunhas fraccións do cru e carbón. Os procesos máis importantes polos que se degradan os compostos xenobióticos son a fotodegradación por radiacións solares, os procesos de oxidación e redución química e a biodegradación por microorganismos. Pero debido á súa estrutra infrecuente, algúns xenobióticos persisten moito tempo na biosfera sen alterarse e por iso se di que son resistentes á biodegradación. A razón fundamental de que moito compostos sintéticos non sexan doadamente biodegradables é a grande estabilidade da súa estrutura química. Moitos compostos sintéticos teñen estruturas químicas distintas ás dos compostos naturais, pero mesmo os que teñen estruturas similares adoitan ter modificacións que os fan moi estables. Porén, crese que os microorganismos poden degradar case todos os xenobióticos complexos e resistentes.[4] Moitos xenobióticos producen diversos efectos biolóxicos, que se utilizan cando se caracterizan por medio de bioensaios. Antes de ser autorizada a venda de pesticidas na maioría dos países, debe facerse unha avaliación dos factores de risco, toxicidade para os humanos e o medio ambiente e a súa persistencia no medio ambiente.

As substancias xenobióticas poden ser tamén un problema nos sistemas de tratamento de augas, xa que son moi numerosos e cada un presenta os seus propios problemas para eliminalos (se merece a pena facelo). Poden ser perigosos para a saúde.

Outros usos do termo editar

O termo xenobiótico utilízase tamén para referirse aos transplantes de órganos que se realizan dunha especie a outra diferente, o que se chama xenotransplante.

Ás veces cando unha especie invasora chega ao seu novo ecosisema dise que é xenobiótica.

Notas editar

  1. Mansuy D (2013). "Metabolism of xenobiotics: beneficial and adverse effects". Biol Aujourdhui. 1 (207): 33–37. PMID 23694723. doi:10.1051/jbio/2013003. 
  2. Brodie ED, Ridenhour BJ, Brodie ED (2002). "The evolutionary response of predators to dangerous prey: hotspots and coldspots in the geographic mosaic of coevolution between garter snakes and newts". Evolution 56 (10): 2067–82. PMID 12449493. doi:10.1554/0014-3820(2002)056[2067:teropt]2.0.co;2. 
  3. Geffeney S, Brodie ED, Ruben PC, Brodie ED (2002). "Mechanisms of adaptation in a predator–prey arms race: TTX-resistant sodium channels". Science 297 (5585): 1336–9. PMID 12193784. doi:10.1126/science.1074310. 
  4. Alexander M. (1999) Biodegradation and Bioremediation, Elsevier Science.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar