One World Trade Center
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2023.) |
O One World Trade Center (tamén coñecido como 1 World Trade Center, One WTC e 1 WTC; o edificio actual foi bautizado a "Torre da Liberdade" durante a planificación inicial) é o principal edificio do novo complexo World Trade Center (en galego: Centro do Comercio Mundial) no Baixo Manhattan, Cidade de Nova York.[2] É o rañaceos máis alto do Hemisferio Occidental, e o quinto máis alto do mundo. A megaestrutura de 104 pisos comparte o nome numérico coa Torre Norte do World Trade Center orixinal, o cal foi destruído nos ataques terroristas do 11 de setembro de 2001. O novo rañaceos sitúase no recanto noroeste da parcela de 6,5 ha (16 acres) do World Trade Center, no sitio do orixinal 6 World Trade Center. O edificio limita con West Street polo oeste, Vesey Street ao norte, Fulton Street ao sur, e Washington Street ao leste.
One World Trade Center | |
---|---|
O One World Trade Center fotografado en 2015. | |
Edificio | |
Estilo | Moderno contemporáneo |
Custo | 3.900 millóns de dólares[1] |
Coordenadas | 40°42′47″N 74°00′49″O / 40.713, -74.0135 |
Uso(s) | oficinas |
Construción | |
Inicio | 27 de abril de 2006 |
Remate | 2014 |
Dimensións | |
Pisos | 94 + 5 subterráneos |
Superficie | 325.279 m² |
Altura máxima | 546,2 m |
Altura da azotea | 417 m |
Altura da última planta | 386,5 m |
Número de ascensores | 73 |
Equipo | |
Arquitecto(s) | |
Enxeñeiro estrutural | WSP Cantor Seinuk |
Contratista | Tishman Construction |
[ editar datos en Wikidata ] |
A construción da relocalización das utilidades subterráneas, zapatas, e os cimentos para o edificio novo empezaron o 27 de abril do 2006. O One World Trade Center converteuse na estrutura máis alta da Cidade de Nova York o 30 de abril do 2012, cando superou a altura do Empire State Building. A estrutura de aceiro da torre foi coroada o 30 de agosto do 2012. O 10 de maio do 2013, o compoñente final da antena do rañaceos foi instalado, facendo que o edificio, incluíndo a súa antena, lograse unha altura total de 1.776 pés (541 m). A súa altura en pés é unha referencia deliberada ao ano cando a Declaración de Independencia dos Estados Unidos foi asinada. O edificio abriu as súas portas o 3 de novembro do 2014.
O 30 de marzo do 2009, a Autoridade do Porto de Nova York e Nova Jersey confirmou que o edificio sería coñecido legalmente como "One World Trade Center", non "Torre da Liberdade", como se lle denominou coloquialmente. O edificio ascende 104 plantas estándar, pero só consta de 94 plantas reais.
O novo complexo World Trade Center inclúe cinco rañaceos de oficinas ao longo da Rúa Greenwich, así como o Museo e Monumento conmemorativo Nacional do 11 de setembro, localizado xusto ao sur do One World Trade Center, onde se encontraban as Torres Xemelgas orixinais. A construción do edificio novo foi parte dun esforzo para homenaxear ao World Trade Center orixinal despois da súa destrución en 2001.
Edificio orixinal (1973–2001)
editarConstrución
editarA construción do World Trade Center, do cal as Torres Xemelgas (1 e 2 do World Trade Center) eran os puntos centrais, foi concibida como un proxecto de renovación urbana encabezado por David Rockefeller. O proxecto foi pensado para axudar a revitalizar o Baixo Manhattan.[3] O proxecto foi planeado pola Autoridade do Porto de Nova York e Nova Jersey, a cal contratou ao arquitecto Minoru Yamasaki. A Yamasaki ocorréuselle a idea de construír torres xemelgas. Despois de negociacións extensas, os gobernos estatais de Nova York e Nova Jersey, os cales supervisan a Autoridade do Porto, consentiron a construción do World Trade Center na parcela de Radio Row, localizada na área oeste do Baixo Manhattan.[4] Para satisfacer ao goberno de Nova Jersey, a Autoridade do Porto estivo de acordo en comprar o Ferrocarril de Manhattan e Hudson (rebautizado como Autoridade do Porto Trans-Hudson), o cal transportaba traballadores a diario dende Nova Jersey ao Baixo Manhattan.[5]
A construción do One World Trade Center (Torre Norte) iniciouse en agosto de 1966; O uso extensivo de compoñentes prefabricados acelerou o proceso de construción. Os primeiros alugueiros mudáronse á Torre Norte en outubro de 1971.[6][7] Nese momento, o One World Trade Center orixinal converteuse no edificio máis alto do mundo, con 417 m (1368 pés) de altura. Despois de que se instalara unha antena de 110 m (360 pés) de altura en 1978, o punto máis alto da Torre Norte acadou os 527 m (1.728 pés).[8]
Atentado do 26 de febreiro de 1993
editar- Artigo principal: Atentado ao World Trade Center de 1993.
O 26 de febreiro de 1993, ás 12:17, un camión da empresa Ryder que contiña 680 quilogramos de explosivos, aparcado por Ramzi Yousef, estoupou no aparcadoiro subterraneo do WTC 1 (Torre Norte).[9] A explosión abriu un enorme burato de 30 metros a través de cinco subniveis, ocorrendo o maior dano nos niveis B1 e B2 e un dano estrutural considerábel no nivel B3.[10] Ao longo dos 110 andares da torre, seis persoas morreron e outros 50 000 traballadores e visitantes ficaron faltos de ar para respirar normalmente. Moitas persoas dentro da Torre Norte foron forzadas a descender a escuras por escaleiras que non contaban con alumamento de emerxencia, algunhas demorando máis de dúas horas para poñerse a salvo.[11][12]
Após o atentado, Yousef fuxiu a Paquistán, mais foi detido en Islamabad en febreiro de 1995 e extraditado aos Estados Unidos para ser sometido a xuízo.[13] O xeque Omar Abdel Rahman foi condenado en 1996 por participar no atentado e noutras conspiracións.[14] Yousef e Eyad Ismoil foron condenados en novembro de 1997 por levar a cabo o atentado.[15] Outras catro persoas foron condenadas en maio de 1994 pola súa participación no mesmo.[16] Segundo un xuíz do Tribunal Supremo, o principal obxectivo do ataque era desestabilizar a Torre Norte e facela caer sobre a Torre Sur, derrubándoa.[17]
Os andares afectados polo atentado deberon ser arranxados para restabelecer o apoio estrutural que brindaban ás columnas.[18] O muro pantalla estaba en perigo após o atentado e perdeu as lousas do chan que proporcionaban o apoio lateral contra a presión exercida do lado oposto polas augas do río Hudson. A planta de refrixeración no subnivel 5, que proporcionaba o servizo de ar acondicionado a todo o complexo World Trade Center, foi seriamente danada.[19] Despois do atentado, a Autoridade Portuaria instalou sinais fotoluminiscentes nas escaleiras.[20] O sistema de alarma contra incendios do complexo enteiro debeu ser substituído como consecuencia de que unha parte importante do cableado e da sinalización do sistema orixinal foi destruído.[21] Construíuse un memorial ás vítimas deste atentado, e instalouse unha fonte de auga cos nomes daquelas persoas que morreron na explosión.[22] Porén, o memorial foi destruído nos atentados do 11 de setembro. Os nomes das vítimas do atentado de 1993 foron incluídos no Museo e Memorial Nacional do 11 de setembro.
Ataques do 11 de setembro
editar- Artigo principal: Atentados do 11 de setembro de 2001.
O primeiro avión estrelouse contra a Torre Norte (WTC 1) ás 8:46 da mañá do 11 de setembro incendiando esta en menos dunha hora. Ás 9:03 a. m. un segundo avión estrelouse contra a Torre Sur (WTC 2). Após o derrube da Torre Sur ás 9:59, os helicópteros do NYPD retransmitían información sobre a situación da Torre Norte. Ás 10:20, a unidade aérea do NYPD informou de que "a parte superior da torre podería estar a se inclinar", e un minuto despois que a Torre Norte "estase combando pola esquina noroeste e inclinándose cara ao sur". Ás 10:27, a unidade aérea informou que o teito se vai a vir abaixo en breve". A Torre Norte derrubouse ás 10:28, após arder durante 102 minutos.
Despois de que a Torre Sur se derrubase, os comandantes do FDNY emitiron ordes de evacuar aos bombeiros na Torre Norte. Por mor de problemas na comunicación por radio, os bombeiros dentro das torres non escoitaron a orde de evacuación dos seus supervisores na escena, e a maioría non eran conscientes de que a outra torre se derrubou. 343 bombeiros morreron nas Torres Xemelgas, polo resultado do colapso dos edificios.[23][24] Ninguén situado na zona de impacto nin por enriba desta na Torre Norte puido escapar despois de ser golpeada, pois todas as escaleiras e ocos de ascensores neses andares foron destruídos.
O novo edificio
editarProxecto
editarApós a destrución das Torres Xemelgas do World Trade Center, houbo un debate sobre o futuro da zona. As propostas para a súa reconstrución comezaron case de inmediato, e para 2003, a Corporación de Desenvolvemento do baixo Manhattan organizou un concurso para determinar como usar o sitio. O rexeitamento público da primeira rolda dos deseños, os "Conceptos de deseño preliminar", levou a un segundo concurso, máis aberto, en decembro de 2002, no que se seleccionou un deseño de Daniel Libeskind.
A proposta foi criticada polo escaso número de pisos que foron designados para o espazo de oficinas e outros servizos nun plan temperán. Só 82 andares serían habitábeis, e o espazo total de oficinas de todo o novo World Trade Center reduciuse en máis de 3 millóns de pés cadrados (280 000 m²) en comparación co complexo orixinal. O límite de chan foi imposto por Silverstein, quen expresou a súa preocupación de que os pisos máis altos serían unha responsabilidade no caso dun futuro ataque terrorista ou outro incidente. Gran parte da altura superior do edificio consistía nunha grande estrutura reticular de aceiro ao ar ceibe, por enriba do teito da torre, que contiña as turbinas eólicas e os «xardíns do ceo». Nun deseño posterior, o espazo que podería ser ocupado converteuse en comparábel ao orixinal do World Trade Center, e a rede ao ar libre eliminouse dos plans.
O deseño final para a "Torre da Liberdade" aprobouse oficialmente o 28 de xuño de 2005. Para satisfacer as cuestións de seguridade expostas polo Departamento de Policía de Nova York, engadiuse unha base de formigón de 187 pés (57 m) en abril dese ano. O deseño orixinal incluía plans para revestir a base de prismas de vidro para facer fronte ás críticas que dicían que parecía un «búnker de formigón». Con todo, resultou inviábel, xa que as probas preliminares revelaron que o cristal prismático facilmente rompe en anacos grandes e perigosos. Como resultado, substituíuse por unha fachada simple que consiste en paneis de aceiro inoxidábel e vidro resistentes a explosións.
En contraste co plan orixinal de Libeskind, o deseño final da torre ten unha base cadrada que a medida que sobe vaise convertendo en octagonal, ata que chega á azotea, e convértese outra vez en cadrada. Os seus deseñadores declararon que a torre sería unha «estrutura de cristal monolítica que reflicte o ceo e está coroada por unha antena esculpida».
Construción
editarA colocación da primeira pedra do One World Trade Center levouse a cabo nunha cerimonia o 4 de xullo de 2004, mais os traballos de construción permaneceron estancados até 2006 por mor das serias disputas respecto da seguranza, o diñeiro e o deseño. Os últimos inconvenientes foron resoltos o 29 de abril de 2006 após un acordo entre o desenvolvedor Larry Silverstein e a Autoridade Portuaria de Nova York e Nova Jersey. Por 2 meses durante o verán do mesmo ano, varios explosivos foron detonados no sitio de construción para facilitar a cimentación do edificio. O 18 de novembro de 2006, vertéronse nos alicerces do rañaceos 400 m³ de formigón transportados por máis de 40 camións. Un mes despois levouse a cabo unha celebración no Battery Park City, onde gran cantidade de persoas foron convidadas a asinar unha viga de aceiro de 30 pés (9,1 m). Esta viga, a primeira en ser instalada, foi soldada sobre a base do edificio o 19 de decembro de 2006. Despois, comezou a construción dos alicerces e a instalación do armazón de aceiro, e para finais de 2007, as bases e cimentos da torre estaban case completas.
En xaneiro de 2008, dous guindastres de construción foron situados no sitio. O centro de formigón da torre empezou a elevarse nos primeiros meses de 2008, e este acadou o nivel da rúa o 17 de maio. A construción da base continuou durante 2009 e foi completada a inicios de 2010. Tras terminar a base, a construción dos andares de oficinas comezou, coa posterior instalación dos primeiros paneis de cristal. En maio de 2010, a Autoridade Portuaria declarou que estaban a construír preto dun piso por semana e proxectaron que o 1 WTC acadaría os 55 andares para finais de ano. Un avanzado "capullo" (innovador sistema de estadas) foi instalado para protexer aos traballadores da caída, sendo a primeira vez que un sistema de seguranza fora instalado nunha estrutura de aceiro na cidade.
O 16 de decembro de 2010, a Autoridade Portuaria anunciou que a construción da torre alcanzara o piso 52, levantándose a 600 pés (182,9 m) e marcando o punto medio do armazón de aceiro da torre. Para o 11 de setembro de 2011, dez anos despois da destrución do complexo orixinal, o armazón de aceiro acadara o andar 82, namentres que o baleirado de formigón acadaba o andar 72 e a cortina de cristal chegaba ao andar 56. Para inicios de decembro, a torre acadara xa o piso 90, alzándose aproximadamente a 1120 pés (341,4 m) por enriba da rúa.
Mentres estaba en construción en 2011, a torre foi alumada en moitas ocasións. O 4 de xullo, foi alumada de vermello, branco e azul, as cores da bandeira estadounidense para conmemorar o día da independencia, e foi alumada coas mesmas cores o 10 de setembro para denotar o décimo aniversario dos ataques terroristas do 11 de setembro. O 27 de outubro, foi alumada con luces de cor rosa en honra ao mes do cancro de mama. En decembro, a Autoridade Portuaria alumou a torre con diversas cores para celebrar a tempada de festas.
En agosto de 2012, a torre de aceiro chegou oficialmente ao seu tope, acadando a súa altura até a azotea de 1368 pés (417 m). O 28 de xuño de 2013, a torre de formigón xa estaba case completa e os paneis de cristal eran instalados sobre o andar 102. A construción da plataforma de observación e do podio da cortina de cristal continuaba. A antena da torre foi enviada a Nova York en novembro de 2012, e a primeira sección da antena foi instalada no alto da torre o 12 de decembro dese mesmo ano. O 10 de maio de 2013 colocouse a derradeira peza da antena no alto da torre, chegando á súa altura máxima de 1776 pés (541 m), unha altura que simboliza o ano en que se asinou a Declaración de Independencia dos Estados Unidos, converténdose no rañaceos máis alto do hemisferio occidental e no terceiro do mundo.
O One World Trade Center estaba orixinalmente proxectado para ser rematado e aberto en 2011. Despois de varios atrasos, foi inaugurado o 3 de novembro de 2014 aos primeiros inquilinos en ocupar o edificio, cun custo estimado en abril de 2012 de 3900 millóns de dólares.[1]
Deseño
editarO deseño do One World Trade Center inclúe 242 000 m² de espazo para oficinas, así como unha cuberta de observación e unha antena. A torre ten como base un cadrado cuxos bordos van virando ao aumentar a altura, dando como resultado oito triángulos isósceles, e o cadrado final da torre rota 45 graos con respecto ao cadrado da base. O edificio culmina cun parapeto de cristal situado a 415 m e 417 m. Un mastro dálle soporte á antena de televisión, a cal está asegurada por un sistema de cables e elévase dende un anel circular de soporte, acadando os 541 m finais da torre. Na parte superior da antena hai un feixe de luz que é aceso nas noites e acada 300 m por enriba do edificio (superando en máis do dobre a altura do edificio máis alto de Galiza, a torre Hercón).
En canto ás medidas de seguranza, o edificio conta con muros de 91 cm de espesor de formigón reforzado, tres liñas de escaleiras extremadamente anchas, unha liña de escaleiras exclusivas para uso de bombeiros, ascensores, sistemas de rega e filtros químicos e biolóxicos nos condutos de ventilación. O edificio está a 20 m de West Street, a diferenza das Torres Xemelgas, que se atopaban a 8 m no seu punto máis próximo.
Preto do edificio está o National September 11 Memorial & Museum, o cal consta dun memorial e un museo en honra ás vítimas. O memorial consta de dúas fervenzas semi-subterráneas, que se atopan a 9,1 m por baixo da superficie, as cales están localizadas exactamente onde se erguían as Torres Xemelgas. Teñen o perímetro exacto da torre norte e a torre sur (63 m). Nas paredes destas, están escritos os nomes completos en bronce das 3000 vítimas que morreron nos atentados do 11 de setembro de 2001 e no atentado ao World Trade Center de 1993. O memorial foi inaugurado o 11 de setembro de 2011, en conmemoración aos 10 anos dos atentados. Baixo as fervenzas do memorial está situado o museo onde se exhiben fotos das vítimas e obxectos que estiveron no medio dos atentados, así como tamén vídeos gravados nos intres dos ataques terroristas. A inauguración do museo estaba planeada para o 11 de setembro de 2011, xunto co memorial, mais por mor dos atrasos pospúxose a súa inauguración. Finalmente foi inaugurado e aberto ao público o 21 de maio de 2014.
Altura
editarA altura da azotea (incluíndo o parapeto de 10,16 metros) do One World Trade Center é de 417 metros (a mesma altura da torre 1 do World Trade Center orixinal). Coa altura da antena, o edificio álzase a 1776 pés (541 m), un número simbólico por mor do ano da independencia dos Estados Unidos.[25]
Con 541 metros, o One World Trade Center excede os 508 metros do Taipei 101 taiwanés para converterse no edificio de oficinas máis alto do mundo e o rañaceos máis alto do continente americano, excedendo á Torre Willis de Chicago. Porén, a azotea do edificio está 25 metros por baixo da azotea da Torre Willis, e é o cuarto edificio máis alto do mundo, por debaixo do Burj Khalifa, a Torre de Shanghái, e as Torres Abraj Al Bait.
Controversias
editarO WTC 1 xerou unha serie de controversias por mor do número limitado de andares no deseño previo (82) que foron designados para espazo de oficinas e outras utilidades. O espazo de oficinas de todo o WTC actual foi reducido en máis de 280 000 m² en comparación ao complexo orixinal. O límite de andares foi imposto por Silverstein, quen expresou preocupación en que os andares máis altos serían de máis responsabilidade en caso doutro accidente ou ataque terrorista. Nun deseño subsecuente, o espazo máis alto que sería ocupábel é comparábel co WTC orixinal.
Un movemento non oficial de reconstruír as torres perdidas, chamado The Twin Towers Alliance, colleitou máis de 7000 sinaturas apoiando a reconstrución das Torres Xemelgas. O desenvolvedor Donald Trump propuxo uns edificios xemelgos chamados World Trade Center Phoenix (Torres Xemelgas rexorden). O deseño destes edificios xemelgos luciría similar ao das Torres Xemelgas, pero os edificios serían máis altos (con 115 andares), con maiores medidas de seguranza e terían xanelas moito máis grandes.
En 2002, o ex-gobernador de Nova York George Pataki enfrontouse a acusacións de amiguismo por supostamente utilizar a súa influencia para conseguir a oferta do arquitecto gañador elixido como un favor persoal para o seu amigo e colaborador de campaña, Ron Lauder.[26]
A base da torre (fortificada por mor das medidas de seguridade) tamén foi unha fonte de controversia. Numerosos críticos (entre eles Deroy Murdock do National Review) suxeriron que esta é aburrida, e reflicte un sentimento de temor en lugar de liberdade, levándoos a catalogala como "The Fear Tower" (A torre do medo).
En maio de 2011, amosáronse planos detallados dos andares da torre na páxina web do Departamento Financeiro da cidade de Nova York resultando un grande escándalo por parte de cidadáns da área contigua quen cuestionaron o uso potencial dos planos para un ataque terrorista futuro. O xefe do Departamento de Policía de Nova York, Ray Kelly, describiu ao One World Trade Center como "o branco terrorista número un da nación".[27]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Rises, And So Does Its Price Tag. www.wsj.com.
- ↑ "One World Trade Center to become NYC's tallest building".
- ↑ Gillespie, Angus K. (1999). "Chapter 1". Twin Towers: The Life of New York City's World Trade Center. Rutgers University Press. ISBN 0-7838-9785-5.
- ↑ Wright, George Cable (23 de xaneiro de 1962). "2 States Agree on Hudson Tubes and Trade Center".
- ↑ "Authority Trains Winning Plaudits".
- ↑ Lew, H.S.; Bukowski, Richard W.; Carino, Nicholas J. (Setembro de 2005). Design, Construction, and Maintenance of Structural and Life Safety Systems (NCSTAR 1-1). National Institute of Standards and Technology. p. xxxvi. Arquivado dende o orixinal o 1 febreiro de 2019.
- ↑ Darton, Eric (1999) Divided We Stand: A Biography of New York's World Trade Center, capítulo 6, Basic Books.
- ↑ Mcdowell, Edwin (11 de abril de 1997). "At Trade Center Deck, Views Are Lofty, as Are the Prices". The New York Times. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2022.
- ↑ Reeve, Simon (1999). The New Jackals: Ramzi Yousef, Osama bin Laden and the Future of Terrorism, p. 10. Northeastern University Press. ISBN 1-55553-509-7.
- ↑ Lew, H. S., Richard W. Bukowski, Nicholas J. Carino (setembro de 2005). Design, Construction, and Maintenance of Structural and Life Safety Systems (NCSTAR 1-1) (en inglés). National Institute of Standards and Technology. pp. xlv.
- ↑ Mathews, Tom (8 de marzo de 1993). ""A Shaken City's Towering Inferno"". Newsweek (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2012.
- ↑ Barbanel, Josh (27 de febreiro de 1993). "Tougher Code May Not Have Helped". The New York Times (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2012.
- ↑ Johnston, David (9 de febreiro de 1995). "Fugitive in Trade Center Blast Is Caught and Returned to U.S.". The New York Times (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2012.
- ↑ Fried, Joseph P. (18 de xaneiro de 1996). "Sheik Sentenced to Life in Prison in Bombing Plot". The New York Times (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2012.
- ↑ "Jury convicts 2 in Trade Center blast". CNN.com (en inglés). 12 de novembro de 1997. Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2010. Consultado o 9 de decembro de 2012.
- ↑ Hays, Tom and Larry Neumeister (25 de maio de 1994). "In Sentencing Bombers, Judge Takes Hard Line". Seattle Times / AP (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2011. Consultado o 9 de decembro de 2012.
- ↑ "Prosecutor: Yousef aimed to topple Trade Center towers". CNN.com (en inglés). 5 de agosto de 1997. Consultado o 9 de decembro de 2012.
- ↑ Port Authority Risk Management Staff. "The World Trade Center Complex" (PDF) (en inglés). United States Fire Administration. Consultado o 9 de decembro de 2012.
- ↑ Ramabhushanam, Ennala e Marjorie Lynch (1994). "Structural Assessment of Bomb Damage for World Trade Center". Journal of Performance of Constructed Facilities (en inglés) 8 (4): 229–242. doi:10.1061/(ASCE)0887-3828(1994)8:4(229).
- ↑ Amy, Jr., James D. (decembro de 2006). "Escape from New York – The Use of Photoluminescent Pathway-marking Systems in High-Rise". Emerging trends (en inglés) (Society of Fire Protection Engineer). Issue 8. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2012. Consultado o 24 de febreiro de 2012.
- ↑ Evans, David D., Richard D. Peacock, Erica D. Kuligowski, W. Stuart Dols, William L. Grosshandler (setembro de 2005). "Active Fire Protection Systems (NCSTAR 1–4)" (PDF) (en inglés). National Institute of Standards and Technology. p. 44.
- ↑ Dwyer, Jim (26 de febreiro de 2002). "Their Monument Now Destroyed, 1993 Victims Are Remembered". The New York Times (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2012.
- ↑ 20 años después de los ataques terroristas del 11 de septiembre: datos que debes saber (10-09-2021). CNN en español.
- ↑ ¿Por qué siguen muriendo los bomberos y policías del 11-S? (10-09-2019). Público.
- ↑ El nuevo techo de Manhattan (30-04-2012). Heraldo.es.
- ↑ Ground Zero For Corruption (16-06-2004). www.nationalreview.com.
- ↑ Downloadable Schematics Of One World Trade Center Raise Eyebrows (19-05-2011). CBS News.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: One World Trade Center |