Wikipedia:Sobre Galicia/xaneiro 2017

Luís Amado Carballo, nado en Pontevedra o 2 de maio de 1901 e finado na mesma cidade o 3 de setembro de 1927, foi un escritor galego en lingua galega, cofundador da revista Alborada e pai do hilozoísmo ou animismo. Moi relixioso, interesado pola teosofía, militou como galeguista e pertenceu ás Irmandades da Fala. Foi, xunto con Manuel Antonio, un dos poetas máis destacados do seu tempo, pertencentes ambos a xeración de 1922 (ou de 1925). Morreu prematuramente por causa dunha tuberculose. No ano 1982 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Pese a ser tamén autor en prosa, Amado Carballo é coñecido fundamentalmente pola súa creación poética de vangarda e como fundador do hilozoísmo. Malia finar novo, tivo moita aceptación lírica no seu tempo. A súa poesía, influída polas vangardas europeas e americanas, ofrece unha mestura das imaxes vangardistas coas formas tradicionais galegas (octosílabo). O elemento cromático está moi presente en toda a súa obra en verso, da cal a gran protagonista é a paisaxe, especialmente da ría de Pontevedra, unha paisaxe que o autor quere presentar humanizada mediante o uso de prosopopeas. A poesía de Amado Carballo está enormemente conectada cos sentidos, tecendo os poemas con metáforas.