Wikipedia:Sobre Galicia/setembro 2011

A Historia de Galiza comeza arredor do 19 a.C., cando Roma logra anexionar os pobos galaicos unificándoos e denominando ó seu territorio como Gallaecia, que acabaría derivando en Galicia ou Galiza, polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de Europa. O feito de que no 298 d.C. Diocleciano decidira elevala ao rango de provincia consular supuxo un acrecentamento da súa cohesión política. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no 409 d.C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza. A ocupación humana do territorio é máis antiga, existindo testemuños que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico Inferior. Estas poboacións recibiron diversos achegas culturais, formando parte na Idade de Bronce da área cultural atlántica. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural castrexa. Durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns. A cultura romana propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha Comunidade Autónoma dentro do Estado Español ...