Wikipedia:Artigo destacado/xullo 2023

Crocodylus porosus, xeralmente chamado na literatura internacional crocodilo de auga salgada, crocodilo mariño, crocodilo de estuario ou crocodilo indopacífico, é unha especie de crocodilo que vive desde a India a Australia, que é o réptil existente máis grande, e tamén o depredador de río máis grande do mundo. Os machos desta especie poden alcanzar tamaños de polo menos 6,30 m e posiblemente chegan aos 7,0 m de lonxitude. Porén, o normal é que un macho adulto raramente chegue aos 6 m e pese de 1 000 a 1 200 kg. As femias son moito menores e normalmente non superan os 3 m.

Como indica o seu nome común máis frecuente, este crocodilo pode vivir en ambientes mariños, e é a especie de crocodiliano que máis se aventura no mar, pero normalmente reside en ambientes salinos e salobres como mangleirais, estuarios, deltas, lagoas costeiras e cursos inferiores dos ríos. Ten a área de distribución máis ampla de todos os crocodilos modernos, que vai desde as costas da India e Sri Lanka pasando polo sueste asiático, Filipinas, Indonesia e Nova Guinea chegando a todo o norte de Australia e algunhas illas máis ao leste.

É un carnívoro oportunista e formidable superdepredador. Caza a maioría das presas emboscándoas e despois afogándoas e tragándoas enteiras. Pode superar e comer a case todos os animais que entren no seu territorio, incluíndo outros superdepredadores como os tiburóns, certas variedades de peixes de auga doce e salgada incluíndo especies peláxicas, invertebrados como crustáceos, varios réptiles, aves e mamíferos, e incluso ataca aos humanos. Debido ao seu tamaño, agresividade e distribución, considérase o máis perigoso dos crocodilos existentes para os humanos.