Abrir o menú principal

Wikipedia:Artigo destacado/novembro 2019

Kuiper belt - Oort cloud-en.svg

A Nube de Oort é unha nube teórica que estaría predominantemente composta de planetesimais volátiles que arrodearía ó Sol a unha distancia de entre as 2 000 e as 200 000 UA. A súa existencia postulouna por primeira vez o astrónomo estoniano Ernst Öpik no ano 1932. Divídese en dúas rexións: unha Nube interior de Ooort en forma de disco coñecida como Nube de Hills, e unha Nube de Oort exterior esférica. Ámbalas dúas rexións atoparíanse máis aló da heliosfera, no espazo interestelar. En comparación, o Cinto de Kuiper e o disco disperso, os outros dous depósitos de obxectos transneptunianos, atópanse a menos dunha milésima parte de distancia do Sol que a Nube de Oort.

O límite exterior da Nube de Oort define o límite cosmográfico do Sistema Solar e a extensión da esfera de Hill do Sol. A Nube exterior de Oort tería unha débil ligazón co Sistema Solar, e veríase doadamente afectada polo pulo gravitacional de estrelas próximas e da propia Vía Láctea. Estas forzas serían as que ocasionalmente extraerían cometas das súas orbitas dentro da nube, enviándoos cara o Sistema Solar interior. Baseándose nas súas órbitas, a maioría dos cometas de período curto procederían do disco disperso, máis algúns destes poderían ter a súa orixe na Nube de Oort. Malia que non se realizaron observacións directas confirmadas da Nube de Oort, considérase que esta podería ser a fonte dos cometas de período longo e de tipo Halley que se adentran no Sistema Solar, así como de moitos dos cometas centauros e da familia de Xúpiter.