Wikipedia:Artigo destacado/novembro 2011

A síndrome do aceite tóxico, tamén chamada síndrome tóxica ou intoxicación por aceite de colza desnaturalizado, foi unha intoxicación alimentaria masiva que se produciu en España en maio de 1981 por consumo de aceite de colza de uso industrial, adulterado fraudulentamente para desvialo ó consumo humano. A día de hoxe aínda non se sabe a causa exacta da intoxicación, aínda que os datos epidemiolóxicos poñen en evidencia que foi vehiculada co aceite.

Afectou máis de 20.000 persoas, das que moitos aínda sofren secuelas, e causou a morte de entre 1.000 e 5.000 enfermos, segundo as fontes.

Presentou un cadro clínico polimorfo, con síntomas pulmonares e nerviosos, e afectando tamén o corazón, fígado e pel. Tamén a evolución dos enfermos foi moi variable, causando a morte nunha alta porcentaxe dos casos, complicacións secundarias noutros ou secuelas, fundamentalmente neurolóxicas. Outros enfermos evolucionaron espontaneamente cara á curación.