Wikipedia:Artigo destacado/marzo 2019

Fanny Bullock Workman, nada en Worcester, Massachusetts, o 8 de xaneiro de 1859 e finada en Cannes, Francia, o 22 de xaneiro de 1925, foi unha xeógrafa, cartógrafa, exploradora, escritora de viaxes e montañeira estadounidense, de forma notable no Himalaia. Foi unha das primeiras alpinistas profesionais femininas, e ademais de realizar exploracións escribiu varios libros sobre as súas viaxes. Marcou varios récords femininos de altitude, publicou oito libros de viaxe xunto ó seu esposo e promoveu os dereitos das mulleres e o sufraxio feminino.

Nada no seo dunha familia rica, Workman asistiu a algunhas das mellores escolas femininas da época e realizou varias viaxes a Europa. Xunto co seu esposo William Hunter Workman viaxou por toda Europa, polo norte de África e por Asia, e escribiron libros sobre cada unha das súas viaxes, nos que Fanny adoitaba comentar a situación das mulleres en cada lugar que visitaban. Ao finalizar a súa viaxe en bicicleta pola India, a parella viaxou ata o Himalaia occidental e ata Karakorum durante os meses do verán, onde comezaron a realizar alpinismo de grande altitude. Volveron ata esta rexión oito veces máis durante os seguintes catorce anos. Malia non dispoñer de equipamento moderno de alpinismo, os Workman exploraron varios glaciares e acadaron os cumios de varias montañas, chegando eventualmente ós 7 000 metros do pico Pinnacle, marcando un récord feminino de altitude naquela época.

Fanny Workman converteuse na primeira muller estadounidense en dar unha charla na Sorbona, e a segunda en falar na Royal Geographical Society. Recibiu numerosas medallas de honra de sociedades europeas xeográficas e de montañismo, e foi recoñecida como unha das montañeiras máis importantes da súa época. Naquel momento demostrou que unha muller podía escalar a grandes altitudes da mesma forma que un home, contribuíndo a eliminar a barreira de xénero no alpinismo.